A pandemia de COVID alterou practicamente todos os aspectos da vida cotiá, dende as actividades culturais, ao deporte, pasando polo traballo e tamén a protesta social. O confinamento dos meses de marzo, abril e maio, pero tamén as restricións e as lóxicas precaucións ante posibles contaxios durante o resto do ano reduciron notablemente no 2020 o número de manifestacións nas rúas galegas. O Ministerio do Interior fixo público hai uns días o seu anuario, que recolle as estatísticas das marchas comunicadas e prohibidas, alén doutros aspectos.
No ano 2020 leváronse a cabo 2.817 manifestacións en Galicia, a cifra máis reducida dende o 2011
No ano 2020 leváronse a cabo 2.817 manifestacións en Galicia, a cifra máis reducida dende o 2011 (1.460), e moi por debaixo do dato do 2019 (3.398) e dos exercicios anteriores, que veñen mantendo un nivel moi estable or riba das tres mil marchas anuais. No conxunto do Estado a redución foi moi semellante e o 2020 foi tamén o ano con menos manifestacións dende o 2011.
O número de manifestacións prohibidas no 2020 foi inferior ao de anos anteriores
Nesta semana foi moi criticada a non autorización dunha manifestación convocada pola CIG para protestar ante o Foro A Toxa ou as dificultades que sufriron os traballadores de ENCE ou A Mesa pola Normalización Lingüística para achegarse a este evento. Neste senso, no pasado ano 2020 o número de manifestacións prohibidas non foi superior ao de anos anteriores, a pesar das maiores restricións impostas á mobilidade e ás aglomeracións de persoas. De feito, foron moitas menos que en anos anteriores pois houbo tan só 22 manifestacións prohibidas, a cifra máis baixa dende o 2012.
En marzo, abril e maio -meses marcados polo confinamento- o número de marchas convocadas foi moi cativo
Os datos do Ministerio do Interior recollen claramente o efecto, mes a mes, da pandemia sobre o número de manifestacións convocadas en Galicia, cun número moi cativo de marchas entre marzo e maio, e especialmente en abril (tan só 8). Despois, a recuperación dunha certa normalidade fixo que o número de manifestacións no verán fose superior ao do ano 2019.
Esta dinámica mantívose no outono, e de feito o número de marchas foi superior en todos os meses ata final de ano. A cifra de manifestacións convocadas foi especialmente alta en novembro, con 632 convocadas, entre as que figuran as relativas ao 25N de loita contra as violencias machsitas ou as protestas da hostelaría contra as restricións.
Chama a atención é o incremento das manifestacións convocadas directamente por partidos políticos, que pasaron de 106 en 2019 a 392 en 2020. En cambio, as manifestacións convocadas pols 'asociacións cidadás' descenderon de 1.818 a 1.042
Os datos do anuario detallan as modalidades de manifestacións convocadas, en función da entidade convocante e mais da 'temática' da protesta. Nestas categorías revélanse grandes cambios con respecto a anos anteriores. O que máis chama a atención é o incremento das manifestacións convocadas directamente por partidos políticos, que pasaron de 106 en 2019 a 392 en 2020, o que significou a cifra máis alta da última década. Pode que este ascenso se deba ás maiores facilidades aparentes que unha formación política pode ter á hora de convocar unha marcha en pleno estado de alarma.
En cambio, as manifestacións convocadas pols 'asociacións cidadás' descenderon de 1.818 a 1.042. As marchas de sindicatos mantivéronse relativamente estables, o mesmo que as de comités de empresa e grupos de traballadores/as.
No 2020 foron moitas menos as mobilizacións convocadas con reivindicacións laborais, que pasaron de 1.630 a 925. Aumentaron en cambio as marchas convocadas 'contra medidas políticas e lexislativas' e tamén as manifestacións sanitarias e relacionadas co ensino
Detállase tamén a 'temática' da manifestación, unha categoría que tamén presenta grandes mudanzas. No 2020 foron moitas menos as mobilizacións convocadas con reivindicacións laborais, que pasaron de 1.630 a 925, descendendo por debaixo das mil por primeira vez dende o 2011. Aumentaron en cambio as marchas convocadas 'contra medidas políticas e lexislativas' (pode que por mor das protestas contra algunhas das medidas adoptadas para frear os contaxios de COVID) e tamén as manifestacións sanitarias e relacionadas co ensino.
Descenden, en cambio, as marchas convocadas por "asuntos veciñais", as ecoloxistas e tamén as ligadas a "temas nacionalistas", na nomenclatura empregada polo Ministerio do Interior no seu anuario estatístico.