A Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN) é unha entidade que ten como obxectivo "a promoción e protección das linguas europeas menos utilizadas" e pular pola súa igualdade en todos os eidos. Confórmana 168 entidades, entre elas A Mesa pola Normalización Lingüística, que este 12 e 13 de novembro exerce como anfitrioa da súa asemblea xeral, que se desenvolve en Santiago.
Trinta e cinco delegacións "en representación de 47 linguas de 24 Estados", resalta A Mesa, xúntanse na capital galega nunha cita que abordará, entre outros aspectos, a presenza do galego, o euskera e o catalán na futura lei audiovisual do Estado. Tamén abordará "a crise" desencadeada en Francia tras a sentenza xudicial "que socava a inmersión lingüística" en idiomas diferentes do francés ou a lei sobre a lingua irlandesa que ten pendente de abordar o Parlamento británico.
O secretario xeral da ELEN, Davyth Hicks, destacou en vésperas da asemblea xeral que Galicia é "un país cun amplo movemento social que loita pola súa lingua e cunha entidade social de importancia vital como A Mesa pola Normalización Lingüística". O presidente d'A Mesa, Marcos Marceira, é o responsable de conducir o acto inaugural da asemblea este 12 de novembro, no que está confirmada a presenza de autoridades como o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, ou a presidenta do Comité de Expertos da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa, Vesna Crnić-Grotić.
A presenza do galego, o euskera e o catalán na futura lei audiovisual do Estado será un dos asuntos abordados na asemblea, que acolle 35 delegacións internacionais
A música de Guadi Galego será tamén o pórtico dunha asemblea que, sinala A Mesa, terá impacto en multitude de países. Boa mostra, sinalan, é que tamén participará a través de videoconferencia Fernand de Varennes, relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos.
A través da ENEL, as entidades en defensa de cadanseus idiomas participan con carácter consultivo no Parlamento Europeo, no Consello de Europa e na UNESCO. "Forma parte, ademais, da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU", subliña A Mesa.