A Fiscalía pon xa o foco no polémico proxecto da canteira da Casalonga, onde comezan as voaduras

Antiga canteira da Casalonga, en Teo © Habitaq

A Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia pon o foco xa nas posibles irregularidades do proxecto que a empresa Toysal pretende na antiga canteira da Casalonga, en Teo, logo das múltiples denuncias presentadas pola plataforma veciñal que loita contra unha iniciativa para a restauración da zona que considera un “vertedoiro encuberto” de grave impacto na zona.

O pasado venres, logo da denuncia do colectivo Casalonga Limpa de Residuos, Augas de Galicia e a policía autonómica -unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta- precintaron unha tubaxe de baleirado polo incumprimento do permiso para a operación, que obrigaba a tratar a auga previamente ante posibles vertidos perigosos. No entanto, a entidade advirte de que segue a baleirarse a lagoa sen que “ninguén faga nada por evitalo”. 

A Fiscalía de Medio Ambiente solicita información á Xunta, á Dirección Xeral de Minas ou a Augas de Galicia para comprobar as posibles irregularidades

Esta é unha das moitas irregularidades das que a veciñanza leva alertando sobre un proxecto que intentan paralizar, entre acusacións á Consellería de Medio Ambiente e á Dirección Xeral de Minas de atrancar as súas denuncias mentres dan vía libre a unha polémica iniciativa. Denunciaron a ausencia dun plan de seguridade, o baleirado irregular, o grave impacto medioambiental, a apertura dun expediente de caducidade por parte da Xunta sen aínda consecuencias, presentaron arredor dun milleiro de alegacións ao plan de restauración e, nos últimos días, alertaron das voaduras na lagoa que consideran unha artimaña máis da empresa para evitar problemas legais. "De querer paralizalo, xa estaría feito, pero hai moitos intereses económicos", din. 

Veciñanza concéntrase ante a antiga canteira da Casalonga para intentar impedir as voaduras © Plataforma Casalonga Limpa de Residuos

De feito, neste pasado martes, pouco antes do mediodía, iniciábanse eses traballos de voadura na antiga canteira ante a ollada de moita veciñanza que se concentrou no lugar para intentar impedilo. Non puido ao desaloxar a zona a Garda Civil para a continuación seren activados os explosivos. 

Augas de Galicia paralizou o baleirado da lagoa pero Casalonga Limpa de Residuos asegura que os traballos continúan

As voaduras foron sobre a lagoa creada na canteira abandonada. Os temores son que a decisión de Toysal, a través dunha empresa subcontratada, sexa a de detonar na zona para que a diversidade medioambiental non sexa un atranco para o proxecto. “Non foi para baleirar nada, senón para encher o oco de pedras e anular así todas as alegacións que por razóns medioambientais presentamos”, alerta o colectivo. 

Xa o venres pasado, e ante todas as irregularidades denunciadas, a plataforma informou á Fiscalía de Medio Ambiente, onde representantes do colectivo mantiveron tamén despois unha xuntanza. O Ministerio Fiscal comprometeuse a solicitar toda a información posible a Augas de Galicia, Consellería de Medio Ambiente, Dirección Xeral de Minas ou Seprona para estudar o caso e decidir, nos vindeiros días, se abre unha investigación formal. 

O visto e prace ao plan de restauración da canteira, que a veciñanza considera un “vertedoiro encuberto” tras a negativa ao depósito de residuos previsto nun inicio, é o principal problema que afronta a veciñanza, que non puido evitar a voadura que consideran o primeiro paso para asentar o proxecto e logo doutra masiva manifestación a pasada fin de semana. 

Da planta de residuos á restauración

A veciñanza oponse a un proxecto que pretende rexenerar a zona enchéndoa de residuos. É o xeito no que se pretende facer esta restauración e a proximidade ás casas o que preocupa á veciñanza. A Xunta insiste en que se limita a cumprir coa legalidade, pero o colectivo reclama unha modificación da lexislación para impedir que plans coma este, que implican o soterramento e a acumulación toneladas de residuos, non sexan permitidos ao pé de núcleos de poboación.

No recheo, segundo o proxecto presentado, incluiríanse residuos inertes de minas, outros de fibra de vidro, de materias de construción e demolición, area ou pedras

No caso da Casalonga, o proxecto afecta 56 hectáreas de terreo da canteira, co obxectivo de deixar a zona nun aspecto similar ao anterior da explotación. No recheo, segundo o proxecto presentado, incluiríanse residuos inertes de minas, outros de fibra de vidro, de materias de construción e demolición, area ou pedras. En principio. Son case 10 millóns de metros cúbicos de refugallos, que serán cubertos por terra vexetal ou tecnosolos. As antigas instalacións mineiras están a uns 300 metros das casas máis achegadas, desde onde os seus habitantes alertan tamén do dano medioambiental que suporía a supresión da lagoa que se foi creando no oco deixado pola canteira e que virou nun recoñecido hábitat húmido.

O documento presentado para a avaliación ambiental asume que se prevén efectos adversos como a alteración da calidade do aire polas emisións de gases, po en partículas, así como afectacións na saúde das persoas por estes problemas ou risco de contaminación artificial das auga.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.