A folga estudantil lembra na rúa que a LOMCE "segue vixente" e cómpre "un modelo alternativo"

Un intre da manifestación pola folga estudantil en Vigo CC-BY-NC-SA CIG Ensino

A LOMCE segue aí. Un ano despois de que Mariano Rajoy volvese tomar posesión como presidente do Goberno de España entre aseveracións dos grupos da oposición sobre "gobernar desde o Parlamento", a reforma educativa que o PP sacou adiante grazas á súa maioría absoluta segue adiante. Faino malia pasos atrás como os cambios nas reválidas ou a recuperación práctica da selectividade, pero mantendo a perda de espazo para a lingua galega, a blindaxe do financiamento público de colexios que segregan por sexo -acrecentada pola Xunta- ou o incremento do rango da relixión . Todos estes preceptos seguen en vigor á espera do improbable "pacto educativo" e por iso centos de estudantes responderon este xoves á convocatoria de folga no ensino de Erguer-Estudantes da Galiza.

Co apoio da CIG-Ensino e tamén de representantes de formacións políticas como o BNG a organización estudantil cre un éxito o paro deste 16 de novembro, no que o rexeitamento da LOMCE se combinou coa reclamación dunha lei galega de educación. Segundo a responsable de organización de Erguer, Iria Figueroa, a folga "foi amplamente secundada tanto no ensino medio coma no universitario" e boa mostra disto, afirma, foron as trece concentracións e manifestacións celebradas noutros tantos puntos do país, ás que, di, acudiron 4.000 persoas. 

"Baleiramos as aulas e enchemos as rúas con mobilizacións que demostran que o estudantado quere ser partícipe da elaboración dun modelo educativo alternativo que sexa verdadeiramente pedagóxico, que aposte pola normalización do noso idioma, que eduque en igualidade, que realmente nos forme e desenvolva a nosa capacidade crítica" e "no que poidamos aprender a realidade propia do noso país, sinala Figueroa. As protestas deste xoves, resalta, culminan unha xeira de mobilizacións que tamén incluíron a realización dun referendo simbólico a prol da devandita lei galega.

Dende a CIG-Ensino o seu secretario nacional, Suso Bermello, resalta que o sindicato secundou a mobilización porque a parálise da LOMCE "non é certa". "Está plenamente vixente agás no que ten a ver coas reválidas, que se conseguiron eliminar pola enorme contestación social" que xeraron na comunidade educativa, afirma. Mentres, censura, a "complicidade da oposición en Madrid" permite continuar a agardar por un pacto educativo do que "non sabemos nada, agás por algunha información na prensa".

Reivindicación do ensino da filosofía na manifestación de Vigo / CIG-Ensino

A Xunta desdeña as protestas, que ve "antigas" porque está en marcha o futuro pacto educativo estatal, e censura que teñan intención "política"

A folga de xoves, subliña a CIG-Ensino, vai alén da LOMCE e mesmo do controvertido modelo de 3+2 na universidade. "Os sucesivos recortes e o desprezo cara a toda a comunidade educativa dos gobernos da Xunta e de Madrid no ensino galego tamén están enriba da mesa como causas deste paro", resalta Bermello, que encadra a vixencia da LOMCE nun modelo que tamén padece as "altas taxas de interinidade na docencia" que, por exemplo, dificulta "a posta en marcha de plans de mellora da calidade do ensino".

Pola banda da Xunta o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, desdeñou as mobilizacións deste xoves. Ao seu xuízo, cómpre ter en conta que Erguer está "vinculada" ao BNG -dende a organización resáltase a dúa "independencia" partidaria e, daquela, que a folga ten carácter "político". Ademais, di, as súas reivindicacións son "antigas", porque xa están en marcha os traballos para un futuro pacto educativo estatal.

Remate da protesta en Santiago CC-BY-SA CIG-Ensino
Manifestación na Coruña CC-BY-NC-SA CIG Ensino

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.