Que Galicia sofre unha grave crise demográfica non é nada novo. A maiores, o que realmente está a cambiar é o incremento na idade das nais galegas. Entre o comezo do milenio e o 2014, o número de nacementos con nais de 31 a 40 anos incrementouse considerablemente ao pasar de representar pouco máis da metade do total -un 50,75% do global (arredor duns 8.800 nacementos)- a un 70,3% (uns 13.000).
Os nacementos en nais de entre 31 e 40 anos supoñían a metade do total en 2000 e xa son máis do 70%
Así se tira de debullar os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre nacementos en Galicia. Analizando as cifras segundo as franxas de idade das nais, destaca tamén que en ningunha delas se manteñen estables os números durante os últimos quince anos. Así, entre 2000 e 2014, o número de nenos e nenas nadas con nais de menos de 18 anos diminuíu dun 1,72% (299 nacementos) a tan só un 0,91% (169).
Ademais, en canto aos nacementos en nais de 19 a 25 anos, a súa diminución foi de practicamente 10 puntos (do 16,5% no 2000 a un 6,7% no 2014). Do mesmo xeito, caen os datos nas nenas e nenos nados con nais de entre 26 a 30 anos. No ano 2000, cunha situación económica favorable e cunha maior probabilidade á incorporación a un posto de traballo fixo e con boas expectativas de futuro, o número de nacementos entre estas mulleres era de algo máis dos 5.000, o que significaba case un 30% do global. Tras o comezo da crise e a baixa calidade dos poucos postos de traballo que se poden atopar, os nacementos nas mulleres destas idades reducíronse ata os 3.000, un 16,17 % do total.
O número de nenos nados de nais maiores de 40 anos triplicouse desde o comezo do milenio
Xa que logo, tan só as mulleres maiores de 30 anos incrementaron o número de nacementos dende o comezo do milenio. O elevado número de nacementos (uns 13.000) con nais con idades comprendidas entre os 30 e os 40 anos significa o 70% do total de nacementos. Incrementouse, polo tanto, 20 puntos con respecto o ano 2000.
Tamén son reveladoras as cifras sobre a natalidade en nais maiores de 40 anos, xa que os cativos nados en nais que pasan as catro décadas pasaron de ser 322 no 2000 a triplicarse en 2014 (1.106). Para o doutor europeo en Xeografía e Historia e profesor titular de Xeografía Humana na Universidade de Santiago, Carlos Ferrás, estes datos están vinculados sobre todo ao segundo fillo.
En global, este experto universitario cre que as claves deste atraso na maternidade en Galicia, máis aló do innegable efecto da grave crise económica, débense sobre todo á maior incorporación da muller non só ao mercado de traballo, senón tamén aos sistemas de formación superior.
En Galicia, na actualidade, a media de idade da primeira natalidade atópase arredor dos 32 anos, algo máis alta que a media do estado (31,2). Ferrás liga os datos co “proceso de cambio e transformación social en Galicia durante os últimos 40 anos”. Tradicionalmente, o país foi sempre rural, mais durante as últimas décadas o modelo cambiou cara ao desenvolvemento de servizos públicos. As zonas rurais teñen cada vez un menor grao de urbanización e servizos, mentres que comarcas como a de A Coruña, Santiago, Vigo ou Pontevedra continúan a concentrar a poboación.
“En Galicia non existen políticas demográficas avanzadas que favorezan claramente a maternidade e a crianza dos fillos”
Galicia sofre unha baixa taxa de natalidade (tan só nacen 7,2 nenos e nenas por cada milleiro de habitantes), o que unida a unha maternidade máis tardía fai que non se poda espreitar unha solución a curto prazo. Ferrás afirma que Galicia "non é un país atractivo para a inmigración polo escaso dinamismo económico e do mercado laboral”, así como tampouco “existen políticas demográficas avanzadas que favorezan claramente a maternidade e a crianza dos fillos”, o que fai que non se corrixan os problemas demográficos.