"A independencia económica das mulleres é fundamental para que sexan quen de denunciar determinadas situacións"

María Ferreiro, á dereita CC-BY-SA SLG

A Lei de Titularidade Compartida foi unha demanda longamente reclamada polas mulleres labregas. Aprobada a finais de 2011, supoñía que por fin as labregas poden figurar como cotitulares, xunto á súa parella, do negocio familiar de explotación agraria, polo que os seus rendementos económicos e subvencións repartiríanse ao 50%. Na situación anterior, a pesar de que levasen anos realizando o mesmo traballo dos homes, na estatística só figuraban como axuda social, non existían, cos prexuízos económicos (sobre todo á hora da xubilación) que iso provocaba. De feito, apenas o 5% das labregas galegas se xubilan coa pensión íntegra, fronte ao 80% dos homes que traballan no campo.

Porén, dificultades burocráticas, falta de información e sobre todo un escaso interese por parte das administracións pola medida, fan que ano e medio despois da súa entrada en vigor, a súa aplicación efectiva siga pendente. Apenas dúas explotación solicitaran até setembro en Galicia a cotitularidade, 52 en toda España. A isto únense outros problemas (recortes nas leis de dependencia, no ensino, crise económica...) que se ben afectan a toda a sociedade, sofren con maior forza as mulleres.

Neste 25 de novembro de 2013, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a casa da cultura de Vilalba acolle ás 18.30 horas un acto ao redor da violencia de xénero. María Ferreiro Santos (responsable da Secretaría das Mulleres do SLG), falará sobre a violencia de xénero no rural, e a xuíza Estela San José Asensio fará outro tanto sobre A Violencia de xénero e a independencia da muller. Dependencia económica e violencia de xénero, sempre unidas

Por que non hai máis solicitudes de cotitularidade?

A lei aprobouse a finais de 2011 e inicialmente houbo problemas, porque as administracións non tiñan moi clara a súa tramitación ou o tipo de documentación que se requiría. Así estivemos máis dun ano, até que a mediados de 2013 se solucionaron todas as dúbidas. Porén, mesmo a día de hoxe practicamente non hai solicitudes. Nós levabamos anos reclamando esta lei, e foi moi ben benvida; o problema foi que deben ser as propias explotacións as que pidan o cambio de titularidade, e que a lei non se acompañou de medidas de acción positiva. En toda España hai 52 solicitudes, e en Galicia dúas, con datos de setembro, hoxe poden ser tres ou catro. Porén, en Galicia hai 35 mil labregas que nas estatísticas figuran como axuda familiar, non consta que formen parte das explotacións nas que traballan.

"En Galicia hai 35 mil labregas que nas estatísticas figuran como axuda familiar, non consta que formen parte das explotacións nas que traballan"

Hai falta de interese por parte das administracións?

Houbo moitas mobilizacións, e era unha necesidade obxectiva, polo que a lei se aproba. Pero dende ese momento a administración queda aí, non vai máis alá, non se preocupa. Case non houbo publicidade nas oficinas comarcais, nas extensións agrarias, os funcionarios case non tiñan información.

Ademais, o feito de non seren titulares, aféctalles moito ás mulleres á hora de cobrar a súa xubilación, non si?

Está moi relacionado, si. É difícil contarmos con datos exactos, pero a realidade moi probablemente siga sendo esa. Os homes chegan case todos coa pensión completa, porque se dan de alta dende o momento no que se fan cargo das explotacións, dende o comezo, dende que son moi novos, e en cambio as mulleres, que seguramente levan traballando na explotación dende o mesmo momento que os homes, só se dan de alta cando chegan aos 40 ou 45 anos. Isto xa viña pasando, e agora coa nova reforma das pensións, as mulleres labregas son moito máis prexudicadas.

Á muller aféctanlle máis os recortes nos servizos sociais?

No caso do ensino, o impacto está sendo grande. Vemos como hai zonas cun gran despoboamento, por exemplo na zona da Montaña, que polo peche de escolas unitarias os nenos teñen que facer viaxes de máis dunha hora en autobús para chegar aos colexios. Normalmente son as nais as que levan os nenos ou nenas á escola, ou ben ao lugar no que collen o transporte. O mesmo pasa no tema sanitario, con redución de servizos nos centros de saúde, incrementando os desprazamentos que as persoas do rural se ven obrigadas a facer. E por suposto, o grande impacto dos recortes da lei de dependencia, que por suposto lles afectan máis ás mulleres.

"No caso do ensino, o impacto está sendo grande. Normalmente son as nais as que levan os nenos ou nenas á escola, ou ben ao lugar no que collen o transporte"

A violencia de xénero ten características distintas no rural?

A violencia aféctanos a todas as mulleres, pero é certo que no mundo rural temos diferenzas. Por exemplo, o tema do despoboamento, que fai que moitas mulleres queden soas, sen persoas coas que compartir o que che pasa. Tamén é diferente a situación ás veces porque o teu entorno socializador, o médico ou médica, a garda civil, o asistente social..., por dicilo dalgunha maneira “todos e todas nos coñecemos”, e iso moitas veces é unha dificultade engadida á hora de facer unha consulta médica ou poñer unha denuncia. Neses casos, sucede que somos amigos ou familiares do propio agresor. E claro, os recortes en dereitos sociais e a crise económica inflúen moito. Non se poden separar os temas, está todo relacionado. Está demostrado que a independencia económica das mulleres é fundamental para que sexan quen de denunciar determinadas situacións.

"Non se poden separar os temas, está todo relacionado. Está demostrado que a independencia económica das mulleres é fundamental para que sexan quen de denunciar determinadas situacións"

Hai tendencias positivas, no entanto? As labregas participan máis?

Vemos que o número de mulleres que participan e que se achegan a traballar nos espazos que fomos creando vai en aumento. E pensamos que hai dous aspectos fundamentais nos que queremos incidir: a formación e a información. Hai leis que en principio non fan distinción entre homes e mulleres, pero que na súa aplicación práctica si producen unha discriminación. Por iso consideramos fundamentais os espazos de encontro e análise.

Cartaz do acto contra a violencia de xénero organizado polo SLG © SLG
María Ferreiro, á dereita CC-BY-SA SLG
Participantes nunha mobilización do SLG CC-BY-SA SLG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.