Unha borrasca non ía ser -nin foi- escusa para frear a solidariedade do pobo galego con Palestina, cando se cumpre un ano de masacre continuada de Israel na Franxa de Gaza. Miles de galegas e galegos fixéronse escoitar polas rúas de Santiago este domingo
Chovía a cachón esta mañá en Compostela, mais unha borrasca non ía ser escusa para frear a solidariedade do pobo galego con Palestina, cando se cumpre un ano de masacre continuada de Israel na Franxa de Gaza. E miles de galegas e galegos fixéronse escoitar polas rúas de Santiago este domingo.
A manifestación saíu polas 12.15 horas da Alameda encabezada por unha pancarta baixo o título Galicia con Palestina. Durante a marcha escoitáronse cánticos como "Palestina vencerá", "Netanyahu asasino" e "Desde o río ata o mar, Palestina vencerá", mentres percorrían as rúas de Compostela ata a súa chegada á Praza da Quintana. Alí leron un manifesto contra “unha destrución que parece non ter fin”.
Máis de 190 entidades galegas asinaron o manifesto de convocatoria da Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina para participar a manifestación deste domingo en Compostela. No aniversario da invasión sionista da Faixa de Gaza, denuncian “o xenocidio e a ocupación da Palestina”
Máis de 190 entidades galegas asinaron o manifesto de convocatoria da Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina para participar a manifestación deste domingo en Compostela. No aniversario da invasión sionista da Faixa de Gaza, denuncian “o xenocidio e a ocupación da Palestina”.
“Polas máis de 46.000 vítimas mortais ás que lles segaron a voz, contra a impunidade dos crimes de Israel e para dicir aínda máis alto e máis claro que os galegos non participaremos en silencio deste xenocidio televisado, por moito que si faga quen nos goberna”, subliñaron. Durante a xornada tamén conmemoraron a “digna resistencia” do pobo de Palestina, en Gaza e no “resto da Palestina histórica, contra os “76 anos de ocupación”.
O manifesto que arroupa a manifestación reclama, entre outras cuestións, un maior esforzo á Unión Europea para impulsar unha desescalada da ocupación e da violencia a través de relacións diplomáticas e do respecto do dereito internacional, así como o recoñecemento do Estado Palestino, co seu territorio íntegro, entre o río Xordán e o mar Mediterráneo.
Piden tamén aos concellos galegos “o compromiso de non acoller ningún evento de carácter deportivo, cultural ou doutra índole con asociacións ou organizacións israelís” e fan explicíta a súa adhesión á convocatoria de boicote económico a Israel. “Comprometémonos a non mercar produtos de orixe israelí, nin realizar contratacións con empresas do Estado sionista”, subliñan no manifesto.
Para a portavoz nacional do BNG, que acudiu á manifestación, estas mobilizacións deixan clara a solidariedade que hai en Galiza co pobo de Palestina, pero tamén destacou que “é o momento de que se dea algún paso máis”, porque agora mesmo o Estado de Israel “é un Estado que constitúe unha ameaza para a paz, que non só está cometendo un atentado aos dereitos humanos en Palestina con ese xenocidio, senón que está escalando o conflito e se está convertendo, por tanto, nun perigo a nivel internacional", alerta Ana Pontón.
O BNG reclama que o Estado español, así como a Unión Europea, deben proceder ao embargo de armas e á ruptura de todas as relacións diplomáticas e económicas con Israel
Dende o BNG reclaman que haxa accións máis contundentes, accións que camiñen para poñer fin ao xenocidio e que haxa paz en Palestina. Os nacionalistas demandan que o Estado español, así como a Unión Europea, deben proceder ao embargo de armas e á ruptura de todas as relacións diplomáticas e económicas con Israel. Isto quere dicir que non se pode permitir ningún tipo de actuación que signifique amparar as políticas de guerra ou xenocidio e a vulneración dos dereitos humanos e do dereito internacional que neste momento se está producindo en Palestina.