"Abaixo a morte!": Millán Astray abandona as rúas da Coruña

O goberno local e persoas participantes no acto © Concello da Coruña

"A emoción é tan grande que non podo falar". Mariquiña Villaverde secaba as bágoas ante centos de persoas, no mesmo barrio onde a represión se cebou hai case 80 anos coa masiva militancia anarquista da Coruña. Seu pai, José Villaverde, era o líder da CNT local e un dos tantos asasinados polo réxime franquista tras o golpe de estado militar contra a República. Asasinado polo fascismo, ese que defendía, impulsaba e do que presumía o xeneral Millán Astray, ao que a mesma praza que onte ateigaba a veciñanza homenaxeou durante décadas. Ata este xoves, cando pasou a ser a das Atochas. 

Veciños, persoeiros públicos, todo o goberno local e concelleiros de PSdeG e BNG acudiron a un acto do que se absentou o PP

Foi nunha homenaxe pública, convocada polo Concello, coa presenza de centos de veciños e dos concelleiros do goberno local da Marea Atlántica e dos grupos do BNG e do PSOE. Todos agás o PP, que non enviou ningún representante ao considerar "non prioritario" o acto. O seu voceiro e anterior alcalde, Carlos Negreira, cualificara hai uns anos a Millán Astray de "coruñés de pro" e gabara a figura do fundador da Legión, o mesmo que cualificaba o fascismo como "sanador de España" e que adoitaba berrar aquilo de "viva la muerte". Durante décadas, e malia os continuos gobernos socialistas na Coruña, o nome do xeneral fascista e doutros moitos franquistas e represores mantivéronse nas placas das rúas coruñesas. 

"Abaixo a morte, viva a intelixencia!", dixo José Manuel Sande, concelleiro de Culturas da Coruña, que advertiu da "normalización dunha parte da nosa historia" cun acto -o primeiro dos que se levarán a cabo para eliminar todo o rueiro franquista- no que se puido ver o escritor Manuel Rivas, o editor Francisco Pillado ou o secretario xeral de CCOO-Galicia, Sánchez Aguión, entre outros. Tamén Manuel Monge, fundador da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña e un dos membros da comisión de expertos que elaborou a lista de símbolos a retirar en 2009. "Un pobo sen memoria non ten futuro", lembrou no seu discurso o tamén ex concelleiro, que celebrou o comezo da fin da Coruña como "capital da simboloxía franquista" e que lembrou que as dúas primeiras rúas aos que o franquismo cambiou o nome foron Liberdade e Progreso, a tan só uns metros das Atochas. "Porque non querían nin liberdade, nin progreso". 

Ferreiro destacou o "privilexio de comezar, co cambio de nome da praza, a devolver en parte a débeda pendente coa nosa memoria"

Foi o alcalde, Xulio Ferreiro, o encargado de descubrir a nova placa, á que durante un tempo acompañará outra máis pequena. "Antes praza General Millán Astray, Retirada pola debida restauración da memoria histórica", pódese ler. O rexedor celebrou poder ter o "privilexio de comezar, co cambio de nome desta praza, a devolver en parte a débeda pendente coa nosa memoria". Descubriu a nova denominación acompañado polos membros do goberno e polos concelleiros de PSOE e BNG, que se repartiron apertas, saúdos e bicos mentres soaba o Grândola, Vila Morena e algúns enarboraban bandeiras republicanas. A só uns pasos, camións de mudanzas cargaban mobles no edificio que coroa a praza e varios nenos xogaban no parque infantil, nunha imaxe que, como recordaron varios dos intervintes, simbolizaba unha nova era. No mesmo espazo onde ata unha estatua chegou a homenaxear ao "novio de la muerte"

Aplicouse a lei e retiráronse as denuncias. Tan só unhas horas antes, o alcalde anunciou que a CRMH e o Concello solicitaran conxuntamente ante o xulgado do contencioso-administrativo número 4 da cidade a retirada da demanda que presentara a asociación contra a administración local polo incumprimento da Lei de Memoria Histórica e dos acordos municipais do propio executivo para a retirada de máis de trinta símbolos franquistas aínda presentes na urbe.

A CRMH decidiu retirar a demanda ao Concello por incumprir a Lei de Memoria Histórica e os acordos municipais de 2009

 

A Coruña líbrase das demandas por incumprir a lei

Anunciouno o rexedor coruñés no mesmo día no que a cidade comezou a dar comezo ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica e a retirar do rueiro da Coruña as múltiples denominacións franquistas e golpistas que aínda quedan. Cumprirase así coa normativa estatal e tamén co acordo do pleno municipal, que en setembro de 2009, hai máis de seis anos, aprobou a eliminación de 52 símbolos franquistas, entre eles o nome de máis de vinte rúas, ademais de 4 placas en grupos de vivendas, 21 distincións honoríficas e outros 4 monumentos e cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP.

A Coruña mantén máis de vinte rúas franquistas, ademais de catro placas en grupos de vivendas

Pouco se soubo máis alá da colocación simbólica de novas placas que debían substituír as anteriores -como o caso da avenida de Oza en lugar de General Sanjurjo- e que acabaron por ser retiradas para manter a denominación anterior. O Concello licitara incluso por máis de 70.000 euros os traballos de retirada da simboloxías franquista e publicitara uns bosquexos sobre a futura imaxe das novas placas.

Segundo avanzou Ferreiro, o resto de actuacións que non foron aprobadas polo pleno do ano 2009, e que teñen que ver co cumprimento da Lei de Memoria Histórica e coa reposición ás vítimas do franquismo, serán analizadas polo miúdo “buscando sempre o máximo consenso”. Ademais, e no intento de "xerar os menores prexuízos posibles á veciñanza", as novas placas terán un período de transición, polo que debaixo da nova permanecerá unha máis pequena “onde se indique o nome anterior e se especifique que foi mudada de denominación en cumprimento da lei”.

O acto deste xoves nas Atochas foi só un primeiro paso. Na Coruña quedan no rueiro o Viaducto del Generalísimo, praza General Mola, rúa Teniente Coronel Teijeiro, Cabo Santiago Gómez, División Azul, Alférez Provisional ou Avenida de los Caídos, entre outras, así como placas conmemorativas nalgún grupo de casas. Nada diso, que se acordara retirar naquel pleno municipal co goberno presidido polo socialista Javier Losada en 2009, foi suprimido. Coa chegada do popular Carlos Negreira á alcaldía, calquera intención de cumprir coa lei e co acordo foi paralizada. A Marea Atlántica xa anunciara na campaña que, no caso de chegar ao executivo local, a retirada da simboloxía fascista sería unha das súas primeiras medidas. 

Ferreiro, no descubrimento da nova placa © Concello da Coruña
Mariquiña Villaverde, emocionada ante Manuel Monge © Concello da Coruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.