Do 7 ao 9 de xuño os Xardíns de Méndez Núñez da Coruña acollen exposicións, charlas, proxeccións e música para reflexionar colectivamente sobre a realidade da infancia e a mocidade refuxiada
A fotografía que ilustra o cartel da oitava edición de Acampa pola Paz, é unha boa mostra das dificultades que atravesa o pobo palestino en todos os ámbitos. A imaxe, dun neno entre as ruínas do seu fogar en Gaza, é obra do fotógrafo palestino Majdi Fathi, que estaba convidado a participar no encontro internacional centrado nos dereitos humanos que todos os anos se celebra na Coruña, pero que finalmente non puido saír de Palestina, ao non poder xestionar o seu visado para viaxar a España.
A fotografía é "un resumo da desolación e a esperanza ao tempo", ao amosar un neno salvando dos entullos os seus libros e cadernos, "agarrándose á normalidade e ao futuro arrebatados polas bombas israelís que converteron en entullos toda a súa vida, enterrando en apenas segundos a súa infancia", segundo destaca a propia Rede Acampa.
A fotografía que ilustra o cartel da oitava edición de Acampa Coruña amosa un neno gazatí salvando dos entullos os seus libros e cadernos, "agarrándose á normalidade e ao futuro arrebatados polas bombas israelís que converteron en entullos toda a súa vida, enterrando en apenas segundos a súa infancia"
Como vén sendo xa tradición nos últimos anos, os Xardíns de Méndez Núñez da Coruña acollerán entre o venres 7 e o domingo 9 o groso das actividades, aínda que durante todo o mes de xuño se poderán ver oito exposicións fotográficas de gran formato. A edición 2024 de Acampa chama a "reflexionar colectivamente sobre a realidade da infancia e a mocidade refuxiada", os millóns de nenos e nenas "que permanecen en territorios en guerra, atrapados pola fame, a seca ou os desastres naturais".
A ministra de Mocidade e Infancia, Sira Rego, a directora da UNRWA España, Raquel Martí, a enfermeira pediátrica de MSF, Ruth Conde, retornada de Gaza, e Vicente Raimundo, director de Cooperación Internacional e Acción Humanitaria de Save the Children, participarán como relatoras no Encontro.
O autor da imaxe, Majdi Fathi, que estaba convidado a participar no encontro, finalmente non puido saír de Palestina, ao non poder xestionar o seu visado
Ademais, un Memorial en recordo da infancia asasinada en Gaza e un campo simulado de persoas refuxiadas, tamén gazatí, serán os dous polos de atracción principais deste oitavo Encontro Internacional. O campo simulado de persoas refuxiadas busca dar a entender como están actualmente centos de miles de persoas desprazadas dentro da Franxa de Gaza, sobrevivindo sen auga, sen comida e sen pertenzas baixo os ataques, as bombas e o acoso permanente de Israel.
Pola súa banda, o Memorial é unha instalación colaborativa con 1.200 pezas onde se rende homenaxe aos máis de 15.000 nenos e nenas asasinados en Gaza, pero tamén a cada un dos outros falecidos en calquera dos conflitos e guerras activas no mundo. O programa inclúe tamén a realización dun minuto de silencio -o domingo 9 ás 12 nos Xardíns de Méndez Núñez- como repulsa ás accións do exército israelí, que asasinou xa máis de 15 mil nenos e nenas en Gaza dende o inicio da invasión.
A ministra de Mocidade e Infancia, Sira Rego, a directora da UNRWA España, Raquel Martí, a enfermeira pediátrica de MSF, Ruth Conde, retornada de Gaza, e Vicente Raimundo, director de Cooperación Internacional e Acción Humanitaria de Save the Children, participarán como relatoras no Encontro
Ademais de Majdi Fathi, conforman a nómina de fotoperiodistas convidados na oitava edición do Encontro Internacional Acampa Ana Palacios, Diego Ibarra, Pedro Armestre, Vincent Tremeau, Rodrigo Abd, Bruno Thevenin e Marta Moreiras. Coas súas imaxes convidarán o público a reflexionar sobre eses millóns de nenos aos que se roubou o seu dereito para selo.
As súas propostas expositivas, que permanecerán en Xardíns ata o 30 de xuño, viaxan desde Gabón, Togo ou Benin á fronteira sur de España, mostran Gaza, Afganistán ou Ucraína. Trasladarán ao público á Cañada Real de Madrid, condenada á escuridade desde fai máis de catro anos, e enfrontaranlle a como se vive a infancia se se nace cunha discapacidade en Guinea Bissau Algúns dos fotoperiodistas, aos que a súa axenda permitirá achegarse ata a cidade, farán visitas guiadas polas súas mostras.
Haberá tamén un Memorial en recordo da infancia asasinada en Gaza e un campo simulado de persoas refuxiadas, tamén gazatí. O domingo 9 ao mediodía gardarase un minuto de silencio en recordo dos 15 mil nenos e nenas asasinadas polo exército israelí
En Acampa haberá tamén proxeccións: o documental M, producido pola Deputación de Cádiz, con guión do xornalista Nicolás Castellano e a curta Aínda que é de noite, dirixida por Guillermo García López, gañadora do Goya 2024.
O público asistente poderá gozar da charla entre Castellano e Ismail El Majdoubi, un dos mozos que protagoniza o documental e que hoxe preside a Asociación ExMenas. Tamén se poderá asistir ao encontro da presidenta da Asociación Tabadol de Cañada Real, Houda Akrikez, e Marina García, da produtora Sintagma Films que sacou adiante a curta.
Finalmente, a música correrá a cargo dos grupos Kreze, A Quinta de Do, BelémTajes, e os músicos ucraínos Anna Haidukova, Myroslava Tatarchuk, Artem Matovka, Solomia Javchuk, Ihor e Lida Popadiuk.