As adiccións cambian pero non diminúen: Proxecto Home pide prevención sobre drogas e novas tecnoloxías entre a mocidade

Celebración dos 30 anos do centro de Proxecto Home en Vigo © Proxecto Home

Proxecto Home fai trinta anos en Vigo e advirte de que a incidencia do consumo de drogas non diminuíu dende os anos noventa. Reclaman coordinación entre administracións públicas para que lideren unha campaña de prevención entre a mocidade

“Todo é urxente cando molesta a nivel social”, di a presidenta de Proxecto Home Galicia, Ofelia Debén. Non é o caso das adiccións, tanto as relacionadas con substancias como drogas e alcohol, como as vencelladas co xogo e as novas tecnoloxías. Debén advirte que a incidencia do consumo de drogas non baixou desde os anos noventa, pero critica que a visibilidade é moito menor e solicita as administracións públicas unha campaña de prevención efectiva entre a mocidade.

Unha persoa traballadora, cunha estrutura familiar normalizada e funcional é a imaxe habitual entre quen acode ao Proxecto Home na actualidade. Queda máis lonxe o estereotipo do delincuente que rouba pola síndrome de abstinencia, aínda que “todo volve”, apunta Debén: “O noso centro de rehabilitación en Ourense está situado nun punto forte de consumo de drogas e había moito tempo que non vía a tantas persoas subir a comprar drogas deterioradas como as que había nos oitenta e principios dos noventa. Todo volve, e eu penso que aquí a pandemia tivo moito que ver”.

Centro residencial do Proxecto Home nas instalacións de Vigo CC-BY-SA Praza.gal

En toda Galicia, Proxecto Home –nos servizos que ten en Santiago, Vigo e Ourense– axuda a unhas 400 persoas. A sede de Vigo atende continuadamente uns 160 casos e o seu centro residencial para patoloxía dual –as enfermidades de saúde mental derivadas do consumo de drogas– ten prazas para 37 persoas, homes e mulleres, que nestes momentos están completas. 

O máis habitual é que as persoas entren en contacto coa entidade a través de internet, que acudan tras coñecer a boa experiencia doutra xente ou a través das médicas e médicos de cabeceira ou psiquiatras. “É duro admitir que perdiches o control”, salienta Remedios Rivada, coordinadora do centro de Proxecto Home en Vigo, que fai trinta anos na cidade

"Van cambiando os perfís, a forma de traballar e as substancias pero a atención a estas persoas vulnerables é a mesma", salienta a coordinadora do centro de Proxecto Home en Vigo

O aniversario fainos visibles novamente, e xa que agora isto non está entre as principais preocupacións da sociedade, lembramos que seguimos aquí. Van cambiando os perfís, a forma de traballar e as substancias pero a atención a estas persoas vulnerables é a mesma”, salienta Rivada, que leva desde 1993 no centro vigués.

A presidenta de Proxecto Home Galicia propón que se traballe en rede sobre drogas e novas tecnoloxías en profundidade co obxectivo de formar as persoas máis novas. “A coordinación entre institucións públicas sería boísima, así como a colaboración con entidades privadas especializadas que poidan levar a cabo esa formación”, defende.

“Cantos máis axentes externos poidan participar dunha formación, máis protexidos se van sentir os menores. Que as persoas que están ao redor da rapazada, tanto pais como profesores, sigan unha mesma liña é moi importante. As boas campañas de prevención implican a diferentes axentes para transmitir as mesmas mensaxes e, sobre todo, non confundir”, engade Debén.

A presidenta de Proxecto Home Galicia, Ofelia Debén © Proxecto Home

Hoxe a maioría da poboación que demanda axuda é consumidora de cocaína, cánnabis e alcohol ou ten problemas coas novas tecnoloxías

Lamentan a falta de vontade política e de sensibilidade social. “Parece que só se atende cando o problema está xa sucedendo e o vemos claramente. Temos que actuar antes. Hai recursos e institucións que traballamos nisto, pero non se lle dá valor nin prioridade ata que a onda está aquí. Falta unha continuidade”, indica Remedios Rivada.

“Pensamos que o que estamos facendo, no recuncho que nos corresponde, axuda a que unha persoa volva pensar, tomar decisións e recuperarse da problemática coa que chega”, argumenta Debén. Á festa de solidariedade que celebran todos os anos, e que este setembro tivo lugar en Vigo polo 30º aniversario, acudiron persoas que hai máis dunha década que remataron os seus tratamentos no centro. “Eu recibín a catro ou cinco que se rehabilitaron cando comecei aquí hai trinta anos. Ves que son persoas da sociedade como calquera outra. Isto é o que lle dá sentido ao traballo”, celebra Rivada.

Na actualidade hai moita máis diversidade nos perfís que atenden comparado co momento no que comezaron hai trinta anos. Nos noventa destacaba o perfil do politoxicómano, principalmente de heroína, e hoxe a maioría da poboación que demanda axuda é consumidora de cocaína, cánnabis e alcohol ou ten problemas coas novas tecnoloxías: co xogo e as apostas online como principais adicións. En Proxecto Home tamén tratan adolescentes, de maneira máis individualizada cando xa comezou o consumo e en grupo como labor de prevención. Destacan que entre a poboación máis nova os teléfonos móbiles e as redes sociais son un problema crecente, así como o xogo e as compras online.

"Unha das trampas mentais é asociar o consumo só ás fines de semana, iso fai que tardes máis en decatarte de que che está a xerar problemas na túa vida", destaca Rivada

“Independentemente de que nestes momentos a xente nova utiliza as drogas no tempo libre e de ocio, non deixa de ser un problema porque non saben pasar ese tempo se non é desde o consumo. Dá igual que sexan anfetaminas, cánnabis, alcohol ou todo mesturado. Hoxe paran e están durante a semana facendo o que sexa para pasar o resacón, pero despois non van ser quen de parar e son conscientes diso porque afecta moito á saúde mental da persoa”, destaca Ofelia Debén.

Existe unha falsa sensación de control no consumo de drogas que vén derivada da abundante información que está hoxe ao alcance de calquera sobre estas substancias. Isto provoca un atraso na toma de consciencia do problema e que pase máis tempo antes de pedir axuda. “Unha das trampas mentais é asociar o consumo só ás fines de semana, iso fai que tardes máis en decatarte de que che está a xerar problemas na túa vida normal, tanto a nivel relacional como laboral. Como me permite facer unha vida –de cara á galería– aparentemente normal, podo facer un traballo máis ou menos ben e as consecuencias físicas poden tardar en aparecer... Os efectos vense máis tarde e isto dificulta que a persoa tome conciencia do problema”, sinala Remedios Rivada.

Xantar na Festa de Solidariedade celebrada en Vigo polo 30 aniversario do centro de Proxecto Home na cidade © Proxecto Home Galicia

"Non podemos esquecer que os contactos con calquera tipo de conduta aditiva inícianse na adolescencia. Cun bo traballo a nivel preventivo pódese atrasar esa idade de inicio e así atopar menos problemas posteriores", resalta Ofelia Debén

“Non podemos esquecer que os contactos con calquera tipo de conduta aditiva inícianse na adolescencia. Cun bo traballo a nivel preventivo pódese atrasar esa idade de inicio e así atopar menos problemas posteriores. Pero se entendemos que unha campaña de prevención significa dar unha información puntual nun colexio e ao día seguinte a outra cousa, non funciona. Ademais, os medios de comunicación ofrecen moitas novas e moi distintas e as redes sociais boicotean moitas veces a mensaxe porque os adolescentes poden ir onde xa saben que van escoitar o que queren. Unha verdadeira campaña de prevención ten que ser unha constante”, ratifica a presidenta de Proxecto Home Galicia.

O por que consomen non cambiou, é unha maneira de escapar de algo que non lles crea benestar. Iso pasaba nos anos oitenta coa heroína e pasa nos dous mil co que queiras poñer de exemplo. A diferencia é que nas décadas dos oitenta e noventa a droga principal era depresora, é dicir, que te obnubila e te deixa sedado; e desde finais dos noventa son drogas estimulantes. Pero o obxectivo final é o mesmo: desconectar da realidade”, di Debén.

A patoloxía dual é a que máis recursos require de Proxecto Home Galicia. “Persoas novas cun consumo de ocio de moitos anos presentan patoloxías psiquiátricas serias e graves, con moitos ingresos hospitalarios antes de chegar aquí”, explican.

"Cando un tratamento remata pretendemos que a persoa teña unha autonomía e un desenvolvemento da súa autoestima o suficientemente importante como para que poida ter asertividade e unha toma de decisións correcta", di Debén

Para adultos, Proxecto Home ofrece un programa ambulatorio compatible con determinadas actividades laborais, aquelas que consideran que non son de risco para non estar en constante recaída. Acostuman a participar nel persoas que son consumidoras de drogas estimulantes ou de cánnabis. A maiores, contan cun programa residencial para quen ten unha desestrutura que non lle permite compatibilizar un emprego coa terapia.

“O que perseguimos é que a persoa reconduza a súa vida para que as adicións non teñan cabida xa, pero para iso hai que reorganizar o seu estilo de vida e que aprenda a coñecer os seus límites. Cando un tratamento remata pretendemos abstinencia no consumo de drogas e que o individuo teña unha autonomía e un desenvolvemento da súa autoestima o suficientemente importante como para que poida ter asertividade e unha toma de decisións correcta. Para iso, axuda a incorporación ao mundo laboral de maneira estable no tempo e ter unha rede social o suficientemente boa como para que a persoa se poida integrar: amizades e espazos nos que pasar o tempo libre e unha relación familiar reconstruída na que se sinta cómoda co seu rol”, debulla a presidenta.

Ofelia Debén salienta o fundamental do traballo coas familias, amizades e persoas da contorna máis próxima á persoa adicta. De media, calquera tratamento ten unha duración de ano e medio ou dous anos, a excepción dos casos de patoloxía dual, que requiren dun apoio máis continuado no tempo. No programa Acougo, destinado a estes casos, os tratamentos superan os dous anos. Para Remedios Rivada o maior aval que teñen nestes trinta anos é “o gran número de persoas que volveron atopar un sentido diferente á vida que levaban”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.