As facturas da marea negra de hai 15 anos aínda están sen pagar

O Prestige, partido e a piques de afundir © Xurxo Lobato / Divulgada pola Plataforma Nunca Máis

Este luns 13 de novembro cúmprense 15 anos da catástrofe do Prestige. Aquel día de forte temporal de 2002, o petroleiro Prestige pedía auxilio tras abrírselle unha importante fenda no casco e comezar a perder fuel que se dirixía a Galicia. Logo de seis días dun errático rumbo marcado polo Goberno central -Álvarez Cascos ordenou envialo "ao quinto pino"-, o buque cargado con 77.000 toneladas de fuel parte a 250 quilómetros de Galicia. Máis de 60.000 daquelas toneladas esparexéronse por toda a costa galega, afectando as rías e manchando de chapapote desde a desembocadura do Miño até o suroeste de Francia. Prohibiuse a pesca durante meses, amarráronse os barcos e milleiros de voluntarios axudaron na limpeza e sufriron uns efectos contaminantes que mataron máis de 100.000 aves e acabaron con moitos recursos mariños. Xusto no día no que se cumprían once anos daquel episodio, a Audiencia Provincial da Coruña absolveu o Estado e o capitán de delito medioambiental, un delito que si recoñecería o Supremo dous anos despois pero só para Mangouras. Exculpados os responsables políticos, a sentenza do alto tribunal corrixiu o ditame anterior e abriu a porta ao cobro das indemnizacións, pero as facturas seguen sen pagarse.

A Audiencia da Coruña absolveu o Estado e o capitán de delito medioambiental, un delito que si recoñecería o Supremo dous anos despois pero só para Mangouras

Todo segue á espera da resolución da Audiencia Provincial que, por orde do Supremo, ten que fixar as indemnizacións. Será, de cumprírense as previsións, esta mesma semana cando certifique a cantidade que cada un dos reclamantes puido acreditar como dano e unhas compensacións que irán destinadas, fundamentalmente, ás administracións que adiantaron os pagos. E será, con todo, unha parte máis dun longo proceso que terá máis batallas xudiciais. 

As compensacións irán destinadas, fundamentalmente, ás administracións que adiantaron os pagos, sobre todo ao Estado

A sentenza do Supremo, ademais da condena a Mangouras, declarara a responsabilidade civil da propietaria do buque (a liberiana Mare Shipping) e da aseguradora (The London P&I Club), o que abría a porta a que esta última asumise o pagamento das compensacións por danos materiais e ao medio ambiente. Pero o límite de cobertura na póliza é de 1.000 millóns de dólares (943 millóns de euros), fronte aos 4.328 millóns que reclama a Fiscalía froito da peritaxe realizada por unha experta da USC que analizou os danos ecocómicos e sociais, aínda que "á baixa" ao non poder alongarse no tempo máis aló de 2006. Como lembra o fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, a asegurada é a única entidade "solvente" sobre a que se pode reclamar. 

A próxima resolución da Audiencia é esperada, sobre todo, polo Goberno central. O Estado, entre os decretos de indemnización para pagar a empresas, municipios, sectores afectados e miles de mariñeiros, ademais de todos os gastos derivados da limpeza e a xestión da catástrofe, desembolsou máis de 1.000 millóns de euros, segundo os cálculos. Por iso, no caso de que definitivamente a aseguradora pague a factura, a maioría da cantidade irá destinada á Administración central e, en menor medida, ao resto das administracións prexudicadas -Xunta, Executivo  e concellos franceses e diversos municipios-, aínda que tamén  hai algún particular que reclama importantes cantidades.

Restos da marea negra que afectou as costas galegas no outono e inverno daquel ano 2002 / © Greenpeace

As alegacións sobre a contía das indemnizacións e algunha contradición nos cálculos foron os únicos avances no último ano á espera de que o tribunal de instancia resolva. O maxistrado ultima un cálculo no que se inclúen aquelas persoas físicas ou xurídicas que non quixeron subrogarse á reclamación do Estado, arredor de 2.000. 

A preto de 20.000 afectados o Goberno central xa lles adiantou as indemnizacións e agora terá que ser compensado por estes pagamentos e polos gasos derivados da catástrofe. O FIDAC (Fondo Internacional para a Indemnización de Danos Causados polos Hidrocarburos) achegou máis de 170 milóns -o máximo posible- co que se pagou a moitos dos prexudicados. Ademais, están os 22 millóns de euros consignados pola aseguradora no xulgado de Corcubión no comezo de todo o proceso.

O Estado aínda terá que pelexar por que prevaleza o ditame do Supremo fronte ao dos tribunais británicos a favor da aseguradora; o Brexit pode complicar o proceso

No momento no que se emita a factura, o Estado terá que comezar outra batalla xudicial no Reino Unido, onde ten a sede a aseguradora.  O proceso non será doado. Unha sentenza de 2013 dun tribunal británico, atendendo á solicitude desta aseguradora, ditaminou que esta só estaría obrigada a pagar directamente ao armador e logo de que este achegase as compensacións requiridas. "É unha discusión xurídica", aclara o fiscal, que pon un exemplo común para entendelo. "En España, se tes un accidente de tráfico, ti non reclamas directamente á persoa que che deu o golpe, senón á compañía de seguros; en Inglaterra non é así e entenden que tampouco o ten que ser neste caso", explica.

Será unha pelexa para determinar se prevalece o ditame penal do Supremo ou o civil dos tribunais británicos. As alternativas son  unha comisión rogatoria que pida á xustiza do Reino Unido a execución da sentenza e/ou unha demanda á aseguradora na súa propia xurisdición. A vitoria do Brexit hai ano e medio engade máis incerteza ao cobro destes cartos. Por que? Tal e como explica o fiscal, aínda sendo "unha hipótese sobre outra hipótese", a xurisprudencia que marca o Tribunal de Xustiza da UE sempre é moi favorable á aplicación do dereito europeo en todos os Estados por igual, tamén no que se refire á execución de sentenzas. No caso de que se consumase a saída da UE dos británicos, ese paraguas desaparece. Sexa como for, será un capítulo máis nun proceso que busca un final que, con todo, nunca poderá resarcir de todo o mal causado por aquela marea negra. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.