As minas de San Finx ou o Estuario da Foz, en Nigrán, sinalados con 'bandeira negra' por contaminación

Contaminación polas minas de San Finx, en Lousame CC-BY-SA Ecoloxistas en Acción

O Estuario da Foz, en Nigrán; as minas de San Finx, en Lousame; e a praia de Arealonga, en Barreiros. Son os tres puntos onde Ecoloxistas en Acción chantou as súas bandeiras negras para denunciar graves casos de contaminación no litoral. 

O Estuario da Foz, en Nigrán, as minas de San Fin, e a praia de Arealonga, en Barreiros, son os tres puntos que o informe sinala pola súa contaminación

Así se reflicte no informe Bandeiras Negras 2022 Galiza, un estudo no que cada ano -e desde 2005- a organización ecoloxista deita luz sobre "os casos máis significativos de contaminación e mala xestión ambiental" das costas do país e de todo o Estado. 

Son dúas bandeiras por cada provincia costeira, seis en Galicia e 48 no Estado. Así, na provincia de Pontevedra, a bandeira negra por contaminación foille outorgada ao Estuario da Foz, en Nigrán. Esta zona produtora de moluscos e lugar de importancia comunitaria no marco da Rede Natura 2000 atópase "gravemente degradada debido á contaminación achegada polo río Miñor, con cargas fecais superiores ás normativas permitidas causadas por unha estación depuradora (EDAR) deficiente e verteduras incontrolados ao longo do río", segundo destaca a entidade ecoloxista. 

Presentación do Informe Bandeiras Negras 2022 CC-BY-SA Ecoloxistas en Acción

Na Coruña, pola súa banda, foron as Minas de San Finx, en Lousame, as que foron novamente sinaladas. No informe denúnciase que os labores subterráneos da concesionaria, Tungsten San Finx S.L. pertencentes á empresa australiana Rafaella Resources Ltd. (e anteriormente ao grupo Sacyr), provocan "drenaxes acedas de mina, debido ás infiltracións de auga en contacto con quilómetros de galerías". As augas residuais industriais mineiras de baixo pH "favorecen a disolución de metais pesados" e as drenaxes presentan altos niveis de cobre, cinc e cadmito, esta última substancia "especialmente preocupante". 

Ecoloxistas en Acción outorga 'bandeiras negras' por "mala xestión ambiental" ao Concello de Vigo, á dragaxe da ría do Burgo e á situación da Illa Pancha

En Lugo, é a praia de Arealonga, en San Cosme de Barreiros, a sinalada ao ser nela onde desembocan dous regos que recollen augas de rede de sumidoiros. Nun dos casos a depuradora non funciona desde hai anos e no outro, di Ecoloxistas en Acción, a depuradora é "insuficiente" en época estival.

Por outra banda, a entidade tamén outorga bandeiras negras por "mala xestión ambiental" que nesta ocasión recaeron no Concello de Vigo, na dragaxe da ría do Burgo e na situación da Illa Pancha, en Ribadeo. 

No primeiro caso, Ecoloxistas en Acción sinala a administración local viguesa pola "xestión ecoloxicamente pouco respectuosa das praias no municipio". "A limpeza mecanizada das praias de forma exhaustiva, sen aplicar criterios xeomorfolóxicos e ambientais de xestión, realizada sistematicamente polo  Concello de Vigo non só reduce a biodiversidade costeira, tamén altera os perfís de praia e provoca unha perda de sedimentos", din. 

Estuario da Foz, en Nigrán CC-BY-SA Exoloxistas en Acción

En canto á ría do Burgo, en Culleredo, destaca que os traballos de dragaxe que agora comezaron con máis dunha década de atraso "céntranse na mera limpeza, perdéndose a oportunidade de realizar unha recuperación ambiciosa da ría e renaturalización da contorna".

"Os atentados ecolóxicos crecen cada ano, pero tamén os movementos veciñais de rexeitamento"

No caso da Illa da Pancha, o informe advirte de que "malia atoparse afectada por diferentes figuras de protección, está dedicada ao aproveitamento turístico por unha empresa privada desde decembro de 2017" sen que se achegase o Estudo de Impacto Ambiental requirido polo Defensor do Pobo e sen que Autoridade Portuaria nin o Concello de Ribadeo "tomen medidas administrativas concretas para permitir o acceso libre dos veciños que esixe a lei de costas".

Ecoloxistas en Acción sinala que, "ante todos estes atentados ecolóxicos que crecen en número cada ano, tamén aumentan os movementos veciñais de rexeitamento que cada vez están máis concienciados coa saúde dos ecosistemas terrestres, costeiros e mariños". "Con todo, e a pesar da presión e mobilización popular de asociacións, ONG e comunidades veciñais, as administracións fan oídos xordos e actúan tan lentamente que os cambios apenas son apreciables", din. 

Ademais, destacan que mentres as plataformas e organizacións ecoloxistas "procuran que as administracións actúen para eliminar os focos de contaminación, tamén hai impactos que, de xeito individual, podemos  evitar". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.