Este domingo 1 de marzo o feminismo galego ten unha cita en Verín, que acollerá a manifestación nacional previa ao 8M. A escolla da localidade ourensá, anunciada hai unhas semanas, non é casual: durante os últimos meses a veciñanza mobilizouse contra o peche da sala de partos do hospital da vila e a súa loita (e o seu triunfo) converteuse en toda Galicia nun símbolo da defensa da sanidade pública e dos dereitos das mulleres.
A veciñanza de Verín mobilizouse contra o peche da sala de partos e a súa loita (e o seu triunfo) converteuse nun símbolo da defensa da sanidade pública e dos dereitos das mulleres
A plataforma unitaria Galegas 8M, que convoca a manifestación, destaca neste senso que "o compromiso e a loita de colectivos feministas, persoal sanitario, asociacións de mulleres, organizacións sindicais e a morea de veciñas que participaron das mobilizacións e peches denunciando a violencia obstétrica foi e é exemplar". "Para poñer a vida no centro, imos a Verín a celebrar, mais tamén a alertar que debemos estar vixiantes ante a violencia institucional", salienta a plataforma.
A marcha partirá ás 12 horas do IES Xesús Taboada Chivite e rematará na Praza Maior, onde se lerá un manifesto
A marcha partirá ás 12 horas do IES Xesús Taboada Chivite (nº 116 da Avenida de Portugal) e rematará na Praza Maior, onde se lerá o manifesto, elaborado colectivamente entre todas as mulleres integrantes de Galegas8m. A súa lectura corresponderá a Cristina Huete (xornalista), Susana Bueriberi May (verinesa dedicada aos coidados e que participou activamente na defensa do paritorio), Daniela Ferrández (activista trans e feminista) e Rosana Méndez (enfermeira do Hospital de Verín).
Ademais, haberá actuacións musicais, un xantar colectivo e unha foliada. Están a organizarse autobuses dende distintas cidades e vilas galegas para achegarse ata Verín. Pode atoparse toda a información na páxina de Galegas 8M.
A manifestación terá como lema 'Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado'
A manifestación terá como lema 'Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado'. A convocatoria deste ano fai fincapé no traballo "invisible" dos coidados, realizados de forma maioritaria por mulleres e que resulta imprescindible no sostemento da vida e da economía pero que as máis das veces non está retribuído e nin sequera ten un recoñecemento social. Galegas 8M quere "sacar á rúa o que fica oculto nas nosas casas, esixindo responsabilidade social e colectiva no coidado do territorio e do medio ambiente, esixindo tamén que se recoñezan os coidados como un ben social non valorado".
"A meirande parte do traballo dos coidados realízase sen remuneración ningunha, pese a que a gratuidade do seu labor aforra custes de saúde, coidado de crianzas, do fogar, das persoas con dependencia, da labranza das terras", destaca a Asemblea, que engade que "cando estes traballos son remunerados, realízanse en condicións de precariedade e son infravalorados tanto social como economicamente".
A marcha de Verín servirá como previa ás mobilizacións que se se están convocando en todas as cidades e vilas galegas para 8 de marzo
A manifestación de Verín servirá como previa ás mobilizacións que se se están convocando en todas as cidades e vilas galegas para 8 de marzo. A coincidencia este ano do Día da Muller en domingo fixo que o movemento feminista galego optase por non convocar folga laboral e estudantil nesta ocasión e facer unha aposta "polo debate e mobilización social". Con todo, algúns sindicatos, como a CUT, o SLG ou a CNT si rexistraron a convocatoria de folga laboral, incidindo nas mulleres que teñen traballan en domingo, que en moitos casos se inscriben nos colectivos máis precarizados.