Semana clave para as indagacións sobre o accidente de Angrois e as reivindicacións das vítimas do accidente. Despois de que o Ministerio de Fomento ratificase, mesmo mediante unha manipulación de datas, que non impulsará as comisións de investigación política e técnica ás que o actual ministro deu "apoio expreso" como alcalde de Santander, a instrución xudicial sobre o sinistro continúa dando pasos tras a súa reapertura por orde da Audiencia da Coruña. A seguinte data destacada neste xa prolongado calendario nos tribunais é o vindeiro 27 de xaneiro, nova data límite fixada polo xuíz Andrés Lago Louro para que os peritos da Xunta entreguen o seu "informe consensuado" sobre se Adif analizou como debía os riscos da curva da Grandeira. Pouco antes, o día 24, a Plataforma Víctimas Alvia 04155 será escoitada na comisión de peticións do Parlamento Europeo.
O xuíz Lago Louro vén de emitir un auto no que lembra que nos primeiros días de decembro expirou o prazo de tres meses que outorgara en setembro para recibir o informe dos tres peritos. Dous deles son funcionarios impostos pola Xunta que previamente desbotaran a existencia de responsabilidades alén do maquinista. O terceiro -máis independente, designado por sorteo polo primeiro xuíz da causa-, César Mariñas, dirixiuse ao xulgado o pasado 22 de decembro para, segundo recolle o maxistrado no seu auto, reclamar o auxilio xudicial para que Adif lle achegase documentación necesaria para realizar o seu traballo.
Os peritos teñen ata o 27 de xaneiro para entregar o seu "informe consensuado" sobre se Adif avaliou os riscos da curva de Angrois
Nomeadamente, os documentos reclamados por Mariñas son os que compoñen o "Plan Xeral de Seguridade do tramo de Alta Velocidade Ourense-Santiago". No auto, emitido o pasado 9 de xaneiro e a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, o xuíz deu á empresa pública un prazo de dous días para que achegue esa documentación e fixa para os peritos o devandito límite do 27 de xaneiro para entregaren o seu informe.
Cando dispoña da nova peritaxe será cando Lago Louro decida se, como piden os representantes legais do maquinista e mais das vítimas, dá entrada á causa a expertos da Axencia Ferroviaria Europea a través dun informe de seu. "Só no momento en que dispoñamos dos informe estaremos en condicións de recabar" do organismo comunitario "a súa opinión sobre puntos nos que os peritos poidan discrepar", sinala o xuíz. Será tamén nese momento, agrega, cando corresponda decidir se cita ou non e, no seu caso, se imputa os técnicos da empresa pública INECO e mais da unión temporal de empresas sque "realizaron avaliacións" da seguridade da liña.
O día 24 as vítimas comparecen ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo
O xuíz toma estas determinacións nun contexto no que, lembra, dous peritos ratificaron que Adif deitou a responsabilidade no maquinista sen avaliar previamente o risco da curva de Angrois. "O que interesa saber -detalla- é se (...) tendo en conta variables (...) que afectaban non só á infraestrutura e material rodante, senón tamén aos diversos subsistemas que incidían no funcionamento" da liña, "era necesario ou non realizar" a "avaliación integral" dos riscos antes de poñer en funcionamento a liña e tamén "con posterioridade" no caso de existir alí algún "cambio significativo".
Tres días antes do novo límite fixado para a recepción do informe dos peritos unha representación das vítimas será atendida na comisión de peticións da Eurocámara. A súa citación produciuse despois de que o PSOE europeo mudase de posición e votase, xunto ao grupo dos Verdes-ALE -ao que está ligado o BNG- e mais ao Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea, no que se integran grupos como AGEe ou Podemos, a prol desta comparecencia. Neste contexto, a voceira do Bloque en Bruxelas e futura eurodeputada, Ana Miranda, avanzou que solicitará que as vítimas poidan ter un novo encontro coa Axencia Ferroviaria Europea.