A endometriose é unha enfermidade inflamatoria que consiste na aparición e crecemento do tecido endometrial alén do útero. Calcúlase que afecta a unhas 60.000 mulleres en Galicia.
Dende hai case unha década, a asociación QuerENDO. Mulleres con endometriose traballa para facer visible esta doenza. E, a partir desta visibilidade, "contribuír ao diagnóstico precoz e evitar o deterioro da calidade de vida" das mulleres que a sofren.
A actividade de querENDO combina a reivindicación coa divulgación, o estudo e a posta en contacto das mulleres con endometriose. Tamén o seguimento da súa atención no sistema sanitario público. Dende o seu nacemento, por exemplo, pulan pola creación de unidades multidisciplinares nos hospitais do Sergas ou polo incremento de recursos para investigala e tratala.
A asociación QuerENDO ten en marcha unha pescuda co obxectivo de "loitar por melloras e dar visibilidade á situación real das doentes" e pide espallar un formulario en liña co que coñecer a experiencia das mulleres que padecen a enfermidade
Con este pano de fondo, QuerENDO ten en marcha "unha pescuda entre as mulleres que padecen endometriose" centrada en "como está sendo a atención que reciben nas diferentes áreas sanitarias" do país. "O obxectivo final deste estudo -explican- é loitar por melloras no servizo e darlle visibilidade a situación real das doentes".
Para lograren chegar ao maior número posible de mulleres con endometriose, a asociación vén de lanzar un formulario en liña co que sistematizar as experiencias das pacientes e, neste contexto, está a procurar tamén colaboración dos medios de comunicación. "Cubrir o cuestionario non leva máis de cinco minutos, é sinxelo e totalmente anónimo", subliñan.