Catro anos a alargar a Praza Pública

Catro anos plurais e en galego CC-BY-SA Praza Pública

Hai hoxe catro anos publicáranse en Praza Pública 11.000 novas menos. A nosa redacción compartira uns 27.400 'fálase' menos e máis de 700 persoas, entre xornalistas e colaboradores de opinión, nunca escribiran unha soa liña ao abeiro do que primeiro foi Praza.com e despois, en canto foi posible, Praza.gal. Aquel 1 de febreiro nacía un xornal que era un proxecto e unha ilusión de futuro incerto. Catro anos despois, a ilusión segue intacta e o proxecto é máis amplo e ten máis futuro.

O traballo da Fundación Praza Pública centrouse dende o primeiro día en garantir a viabilidade do xornal e a fidelidade do labor informativo aos seus valores fundacionais: "Exercer a pluralidade de voces, de visións e de perspectivas sen máis liñas vermellas que aquelas que nos definen como proxecto comunicativo", isto é, "a defensa do autogoberno, do progreso e do benestar da cidadanía galega e mais a reivindicación da lingua e da cultura galegas como valores esenciais da Galicia que vén". Así o expresamos no noso primeiro editorial e así o reiteramos catro anos despois.

A estrutura da redacción de Praza.gal segue a ser máis reducida do que nos gustaría. Tres persoas asumen o groso do traballo informativo diario ao que, non obstante, durante estes anos se foron incorporando máis profesionais que colaboran con regularidade na elaboración de contidos informativos. O compromiso da comunidade de Praza e o apoio das entidades, empresas e institucións que confían no xornal como soporte para a súa publicidade permite que esteamos a piques de poder estabilizar unha cuarta persoa na redacción e que, asemade, poidamos valorar afrontar novos proxectos neste 2016.

A evolución do 2015 permítenos ser razoablemente optimistas en canto á sustentabilidade económica de Praza coa súa actual estrutura. As contas anuais, que vimos de pechar e que serán públicas nos vindeiros días, reflicten que acadamos ese obxectivo de equilibrio. Con todo, Praza Pública aspira a ir máis alá, poder ampliar a súa axenda informativa en canto a temas e cobertura territorial e traballar con novos formatos.

Estes obxectivos pasan, indispensablemente, por ampliar o apoio publicitario e da comunidade, motivo polo cal nos últimos meses reforzamos o traballo comercial cunha persoa dedicada ao mesmo. Do mesmo modo, na segunda metade de 2015 abordamos alianzas estratéxicas que nos permitiron poñer en marcha proxectos como a Tenda de Praza con milleiros de libros e outros artigos cuxa venda contribúe tamén ao sostemento económico do xornal.

No novo ano apostamos por afrontar novos retos xornalísticos que pasan, indispensablemente, polo apoio da comunidade e das entidades que confían en Praza Pública

Os últimos doce meses foron informativamente apaixonantes e as cifras de audiencia así o ratifican malia aos cambios técnicos que cumpriu afrontar en, por exemplo, o funcionamento interno dalgunhas redes sociais. Segundo os datos que nos proporciona Google Analytics o número de visitas a Praza.gal medrou case un 20% durante o 2015, superando os 2 millóns, e os usuarios e usuarias que visitan o xornal creceron en case un 15%. O público do xornal consultou case un 20% máis de páxinas, ata superar os 3,5 millóns durante un ano no que máis da metade da nosa audiencia tiña entre 25 e 44 anos.

Así é como afrontamos un 2016 que se prevé tan intenso como o ano que vén de rematar. Agardamos que, entre as moitas novas que conte Praza Pública durante cada día do seu cuarto ano, poidamos inserir algunha relativa ao asentamento e alargamento do noso proxecto xornalístico e dar conta de novas apostas informativas que, como procuramos dende aquel 1 de febreiro, quereremos que sexan plurais e en galego. Dende a desculpa polos erros e a celebración dos acertos, collemos folgos e seguimos.

Primeira portada de Praza CC-BY-SA Praza Pública
Presentación de Praza Pública, o 31 de xaneiro de 2012 no Museo do Pobo Galego CC-BY-SA Óscar Antón Pérez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.