CCOO e UGT reclaman subas salariais para que a clase obreira non "pague as consecuencias" da inflación disparada

Mobilización central de CCOO e UGT na Coruña neste Primeiro de Maio CC-BY-NC-SA CCOO

Satisfacción polos acordos logrados en materias como as reformas laborais e das pensións ou as sucesivas subas do salario mínimo interprofesional, pero tamén inquietude ante a perspectiva provocada polas fortes subas de prezos. Foron as principais liñas argumentais das mobilizacións desenvolvidas por CCOO e UGT en nove vilas e cidades galegas.

Ambos sindicatos advirten de que a negativa patronal de compensar a inflación con subas salariais conducirá ao "conflito"

Trátase, sinalaron no acto central de ambas centrais sindicais, celebrado na Coruña, de "defender e esixir que o conseguido se cumpra", mais tamén de "poñer enriba da mesa vellas reivindicacións" agora agudizadas pola crise actual. Neste sentido, os sindicatos que encabezan Amelia Pérez e José Antonio Gómez explican que a "carga negativa" coa que a clase traballadora chegou a este Primeiro de Maio ten que ver coas subas de prezos do 10%. A forte inflación, din, debe vir acompañada de subas salariais para non "conducir ao empobrecemento".

Manifestación de CC.OO e UGT en Vigo, neste 1 de maio CC-BY-NC-SA CCOO

Neste sentido, ambos sindicatos diríxense á posición da patronal CEOE na negociación colectiva. A posición empresarial, sinalan, debe "mudar" e "apostar por garantir cláusulas de revisión salarial que aseguren o mantemento do poder adquisitivo das familias". Se isto non sucede, advirten, será sinónimo de "conflito" nun contexto que require "de pacto e negociación". "Non se pode consentir", acrecentan, que "sexan os traballadores, cos seus salarios, os que paguen as consecuencias".

A mobilización central de CCOO e UGT foi secundada polo PSdeG, cuxa vicesecretaria xeral, Lara Méndez, advirte fronte á "involución laboral que defende o PP"

As mensaxes de solidariedade co pobo ucraíno e mais "con moitos cidadáns rusos que están a ser perseguidos pola súa postura en contra da inxusta guerra" estivo tamén presente nunhas manifestacións nas que se emprazou tamén a unha nova suba do salario mínimo. Ao tempo, resaltan a necesidade de "seguir avanzando en materia de igualdade, poñer en marcha un plan de loita contra sinistralidade laboral" ou avanzar cara a un escenario laboral no que sexa posible acadar a xornada de 32 horas semanais.

Na mobilización central de CCOO e UGT na Coruña estivo presente unha ampla comitiva do PSdeG encabezada pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na súa condición de vicesecretaria xeral do partido. Sinala Méndez que este foi tamén un 1º de Maio de alertar fronte á "involución laboral que defende o PP" a través de Feijóo para todo o Estado mediante a súa oposición á recente reforma laboral, mais tamén fronte ao "continuísmo" de Alfonso Rueda en Galicia, o cal, augura, será sinónimo de "seguir afondando na fenda laboral de xénero e na precariedade e o desemprego xuvenil".

Comitiva do PSdeG na mobilización central de CCOO e UGT, na Coruña, encabezada pola vicesecretaria xeral do partido e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.