Os sindicatos reclaman neste 1º de Maio máis medidas e intervención pública ante a crise de prezos

Operario da automoción, nunha fábrica en Galicia CC-BY-SA Xunta

Máis políticas públicas e actuacións contundentes contra a suba de prezos, a inflación e a carestía da vida que afecta sobre todo as clases traballadoras ante as "insuficientes" medidas levadas a cabo tanto polo Goberno central como pola Xunta. Os tres principais sindicatos de Galicia (CIG, CCOO e UGT) coinciden nesta reclamación ante un Primeiro de Maio que chega no medio dunha nova crise social e económica agravada pola invasión rusa na Ucraína e cando aínda perdura o impacto dos efectos da COVID. 

CIG, CCOO e UGT coinciden en denunciar as "insuficientes" medidas contra a suba de prezos e a carestía da vida nunha crise acentuada pola guerra na Ucraína

Con convocatorias de novo separadas -a CIG pola súa banda e CCOO e UGT de maneira conxunta- os tres grandes sindicatos mobilizaranse neste Día Internacional da Clase Traballadora reclamando "políticas públicas e salarios dignos contra a pobreza", como reza o lema da central nacionalista, e chamando a saír á rúa "para que a clase obreira non pague os pratos rotos" desta nova crise, tal e como demandan Comisións e UGT. 

A crise de prezos e os efectos que a nova reforma laboral está a ter no mercado laboral marcan este Primeiro de Maio, aspectos sobre os que reflexionan en Praza.gal os líderes dos tres sindicatos. 

Paulo Carril, secretario xeral da CIG CC-BY-NC-SA CIG

"Estase usando a guerra para xustificar unha inflación e carestía da vida que xa arrastrabamos; destinar máis diñeiro público a armamento que a acabar co cos efectos da suba dos prezos é denunciable", di Paulo Carril, secretario xeral da CIG, que reclama "medidas urxentes e extraordinarias de intervención pública e cambios profundos nas políticas económicas e fiscais". "Non as vemos incluídas no plan de resposta económica do Goberno central", di quen considera "insuficientes" as medidas do Executivo español. "Mantéñense na liña máis neoliberal e estase aludindo a un pacto de rendas facendo apoloxía da moderación salarial, algo que significa impedir a recuperación de poder adquisitivo e imposibilita vivir dignamente", explica. 

Carril (CIG) demanda "medidas urxentes e extraordinarias de intervención pública e cambios profundos nas políticas económicas e fiscais"

Na "insuficiencia" da medidas do Goberno central coincide Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO-Galicia, que cre que van "na boa dirección" pero que "non son dabondo". "Non se poden considerar vulnerables só persoas en risco de exclusión social ou con pobreza severa porque o problema da inflación abrangue moita xente que non dá chegado a final de mes e á que un imprevisto económico lle rebenta as costuras", explica. 

Ademais, a líder de Comisións en Galicia apunta ao intento por impor no debate unha rebaixa de impostos "que non é unha saída". "Non se pode intentar aplicar esta baixada a todo o mundo; sería un despropósito que só vai acabar producindo un recorte no Estado de Benestar a curto e medio prazo", advirte. 

"Unha rebaixa de impostos xeral e a todo o mundo sería un despropósito e suporía un recorte no Estado de Benestar a curto e medio prazo", di Pérez, de CCOO

Desde UGT-Galicia, o seu secretario xeral, José Antonio Gómez, cre que hai que "poñer en valor" o traballo en materia de concertación social do seu sindicato durante anos, con resultados que permiten "camiñar cara á aminoración dos danos sobre a clase traballadora dun IPC desbocado". Refírese aos "acordos de pensións que garanten o mantemento do poder de compra dos pensionistas ou a suba do SMI". Con todo, di, "axuda pero non é suficiente". "As administracións deben traballar pola contención de prezos e aplicar todas as medidas para acabar coa especulación como a que se dá nos prezos da enerxía ou dos carburantes: o contrario é tirar máis pedras aos fogares deste país", di. 

Desde a CIG, Carril lembra que o sindicato reclama neste Primeiro de Maio medidas "para garantir unhas condicións de vida dignas" como a creación dunha tearifa eléctrica especial con prezos de referencia limitados, implantar a tarifa eléctrica galega ou retirar do mercado maiorista para fixar o prezo as centrais hidráulicas, nucleares e de gas. Tamén incrementos salariais, a fixación do SMI nos 1.167 euros ao mes -o 60% do salario medio do Estado- tal como recomenda a Carta Social Europea ou fixar un prezo máximo da gasolina e do diésel.

Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO-Galicia CC-BY-SA CCOO-Galicia

"Hai medidas urxentes e extraordinarias de intervención publica nas políticas económicas e fiscais para axudar a conter esta inflación e altos prezos", lembra Carril. Gómez, pola súa banda, advirte do "evidente empobrecemento" que a suba do IPC está a provocar en moitas familias galegas, "especialmente para as 500.000 persoas que, ben por estar en desemprego, cobrar menos de 1.000 euros ou percibir pensións non contributivas ou con complementos a mínimos, están nunha situación vulnerable e para as que urxen medidas de soporte xa". 

"As administracións deben traballar por conter os prezos con todas as medidas para acabar coa especulación na enerxía ou nos carburantes", di Gómez, de UGT

"Xunta e Goberno central puxeron enriba da mesa medidas; saudámolas pero considerámolas insuficientes", insiste o líder de UGT en Galicia, que cre que "as administracións están obrigadas a articular medidas específicas cara á poboación máis vulnerable". "Teñen unha débeda pendente por saldar con todas estas persoas e as súas familias", di. 

"Todos debemos traballar nunha recuperación xusta, que non deixe a ninguén atrás. Evitar os graves erros que se cometeron na crise económica anterior, de 2008, na que os traballadores e traballadoras deste país pagaron os pratos rotos. A lección debería estar aprendida", reflexiona. 

"A solución: subir salarios, conter prezos, máis igualdade", reza o lema compartido de CCOO e UGT. "Fálase dun pacto de rendas, que ten que ser que asumamos entre todos e todas, e non só a clase obreira, o custo da crise que se está producindo", lembra Pérez desde Comisións. 

Por outra banda, e n que ten que ver coa situación do mercado laboral galego e os efectos da nova reforma laboral, as posturas non son tan coincidentes entre os sindicatos. Desde a CIG, Paulo Carril cre que a devandita nova reforma laboral "non restitúe os dereitos perdidos pola de Rajoy de 2012". "Baixo novas formas contractuais mantéñense a precariedade e a pobreza laboral, que non son erradicadas con estas novas formas indefinidas", di o líder da central nacionalista que considera "unha fraude que pola modificación de contratos se nos queira presentar unha mellora na erradicación da eventualidade e a temporalidade". "Só se manifestan en novas formas", insiste. 

Para Gómez, de UGT, pola contra, a reforma laboral foi "un paso decisivo e histórico, froito dun arduo traballo de diálogo social e concertación". "Xa demostrou dende comezos de ano a súa efectividade no recorte dunha das grandes lacras do noso mercado laboral: a temporalidade", di.  

José Antonio Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia © UGT-Galicia

Paulo Carril (CIG) cre que a nova reforma laboral "non restitúe os dereitos perdidos: Baixo novas formas contractuais mantéñense a precariedade e a pobreza"

"A presunción de indefinición no contrato de traballo é algo primordial e congratulámonos de que se estean aumentar as contratacións indefinidas, así como a prevalencia do convenio sectorial nos salarios", explica Pérez, de CCOO, que cre que foi fundamental actuar sobre estas eivas pero que agora débese ir máis aló e "corrixir a parcialidade" que, lembran, "sofren sobre todo mocidade e mulleres". 

"Evitar o recurso ao despedimento en momentos de adversidade económica e reequilibrar a negociación dos convenios tamén xerará unha mellora das condicións laborais e, en suma, da calidade do emprego", lembra Gómez que insta a "dotar de recursos suficientes a Inspección de Traballo para que poida desenvolver o seu traballo de forma aínda máis efectiva e velar polo cumprimento da normativa e implementar unha reforma integral das políticas activas de emprego, o que implica reforzar o orzamento e o persoal dos Servizos Públicos de Emprego". "O obxectivo debe ser reducir o desemprego de longa duración, que en Galicia xa se achega ás 60.000 persoas", indica. 

CCOO e UGT gaban os efectos da nova reforma laboral pero animan a "corrixir a parcialidade" ou "dotar de recursos suficientes a Inspección de Traballo"

Ademais, cre que as políticas activas de emprego "deben ser adaptadas ás novas esixencias de dixitalización a automatización da actividade produtiva" e urxe a un "plan de choque" no eido da seguridade e saúde no traballo, "cun incremento da sinistralidade de máis do 18% en Galicia no último ano e unha suba do 26% nos dous primeiros meses de 2022". 

Por último, Carril insiste en que a nova reforma laboral o que fai é "disfrazar e maquillar a precariedade baixo novas formas". "Segue habendo inestabilidade e inseguridade laboral, unido a precarias condicións que non son resoltas", di. "A alternativa'", pregúntase. "Modificación real da lexislación para restituír dereitos", responde. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.