A esixencia de "medidas urxentes para facer fronte ao descontrolado incremento da carestía da vida" estivo este Primeiro de Maio no centro das dezaseis mobilizacións convocadas pola Confederación Intersindical Galega noutras tantas vilas e cidades. Afirma a CIG que as súas volveron ser "as máis concorridas" e que o mesmo sucedeu na manifestación central, en Vigo, resaltan.
Paulo Carril alerta contra os posibles pactos de moderación salarial e require intervención pública en sectores coma o eléctrico
Ao remate desa mobilización central, o secretario xeral da central soberanista, Paulo Carril, debuxou unha situación social e económica "extrema", cun "impacto brutal na clase traballadora, nas maiorías sociais". Este escenario, di, xa chegaba tras os meses máis intensos da pandemia, se ben agora "estase a aproveitar a guerra" na Ucraína para "xustificar políticas que non dan solucións a unha carestía que xa arrastrábamos".
Cómpren, defende Carril, "medidas extraordinarias de intervención pública" na economía e na política fiscal. Pero estas, censura, non pasan polo decreto aprobado polo Goberno de España -referendado esta semana polo Congreso- para afrontar a crise de prezos nin tampouco por parte dun pacto de rendas. Neste sentido, acusa a CCOO e UGT de encaixárense nun "diálogo social ao servizo do capital, baixo a premisa de impoñer a moderación e a contención salarial", o cal "imposibilita calquera recuperación do poder adquisitivo".
Ana Pontón encabezou a comitiva do BNG na manifestación central da CIG en Vigo, onde subliñou propostas como subir os impostos ás eléctricas e reclamou protexer "os dereitos da clase traballadora" na actual crise
Medidas de "intervención pública no sector eléctrico", accións para "reducir o custo dos combustíbeis", pero tamén "defender a industria e os sectores produtivos" ou "conxelar os alugueiros" foron outras das reivindicacións nun Primeiro de Maio que, defende o secretario xeral da CIG, debe ser unha "data de reivindicación" que dea azos para "intensificar a mobilización todos os días". "Necesitamos ir a máis na nosa capacidade de confrontar co poder económico, crear organización, crear poder popular" porque "os dereitos nin se regalan, nin se compran, nin veñen do diálogo social", conclúe.
As manifestacións da CIG foron secundadas en todo o país polo BNG, cuxa portavoz nacional, acudiu á manifestación central de Vigo. Pontón, xunto a diversos dirixentes e militancia do Bloque vigués, subliñou as medidas que vén propoñendo a formación soberanista fronte á crise de prezos, tales coma "subir os impostos ás eléctricas, acabar cos beneficios caídos do ceo" ou promover unha empresa pública galega de enerxía, citou como exemplos que servirían, di, para procurar unha "saída xusta ante a escalada de prezos" e, ao tempo, protexer "os dereitos da clase traballadora".