O movemento feminista galego impulsou no serán deste mércores máis de medio cento de concentracións denunciar a violencia machista e condenar o asasinato de tres mulleres en Valga. Eran Sandra, María Elena e Alba. Nas concorridas concentracións, impulsadas por plataformas como a Marcha Mundial das Mulleres, a Plataforma Feminista Galega, a Rede pola Igualdade e numerosos colectivos locais, as convocantes reclamaron medidas efectivas para rematar cos asasinatos de mulleres, accións que vaian máis aló dos "xestos" e das "boas palabras"
"Non son mortas, son asasinadas"; "rebelión, desobediencia, contra a súa violencia", "nin unha máis" foron algunhas das consignas máis reiteradas nas concentracións e mobilizacións de vilas e cidades. "Estamos fartas de fotos e promesas, de accións cara á galería, de minutos de silencio, condenas enérxicas e iluminacións".

"Queremos e reclamamos medidas contundentes e reais, recursos e orzamentos que garantan que se pode avanzar na formación de todos os axentes que interveñen na educación, a sanidade e a prevención e atención das mulleres que sufren violencia machista", di o Manifesto que a Marcha Mundial puxo á disposición das convocatorias.
O texto lembra, ademais, que dúas das asasinadas, María Elena e Alba, non aparecerán como víctimas de violencia machista, "pois pese a que este ten suscrito o convenio de Istambul e colocado a vontade de trasladar o mesmo á lexislación no Pacto de Estado, nada diso foi efectivizado ate hoxe. Segue no papel". Ao redor de 20 asasinatos de mulleres cometidos en Galicia dende o ano 2010 non figuran nas estatísticas oficiais de violencia machista.
Mobilizacións feministas en repulsa polos tres asasinatos de Valga
-
Mobilización en Vigo en repulsa polos asasinatos de Valga, o 19 de setembro de 2019 -
Remate da mobilización en Santiago en repulsa polos asasinatos de Valga, este 19 de setembro -
Mobilización feminista en Lugo contra os asasinatos de Valga, o 19 de setembro de 2019 -
Mobilización feminista en Pontevedra contra os asasinatos de Valga, o 19 de setembro de 2019 -
Mobilización feminista en Chantada contra os asasinatos de Valga, o 19 de setembro de 2019 -
Mobilización feminista na Coruña contra os asasinatos de Valga, o 19 de setembro de 2019 -
Mobilización feminista en Ourense contra os asasinatos de Valga, o 19 de setembro de 2019
"Estamos fartas de que se use o feminismo para dar cor á acción política sen que iso redunde en melloras ou avances reais"
"Estamos fartas de que se use o feminismo para dar cor á acción política sen que iso redunde en melloras ou avances reais. O tempo de pedir xestos rematou, é momento de conquistar realidades", conclúe o manifesto di que "non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Máis de 1.000 no Estado español", conclúen.
Retirada da patria potestade ao asasino confeso
Mentres seguen producíndose mostras de repulsa polo triplo asasinato machista, avanza tamén a instrución xudicial. O autor confeso dos feitos, José Luis Abet, foi trasladado o mércores desde a prisión ata os xulgados de Caldas para, segundo confirman fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a "realización de dilixencias" entre as que se inclúe a comunicación formal da suspensión da patria potestade sobre os seus dous fillos, ante os cales disparou mortalmente contra Sandra. No transcurso do proceso a xuíza decidirá tamén sobre a custodia.
Paralelamente -e sen contacto algún co asasino confeso, subliñan- o xulgado completou a dilixencia denominada "exploración dos menores". Como aclaran as mesmas fontes xudiciais, esta dilixencia é practicada por un grupo de persoas expertas que obteñen o testemuño de menores de idade -neste caso, os dous fillos- sobre os feitos, sen que medie un interrogatorio por parte da xuíza. Este testemuño adquire o valor de "proba preconstituida" e evita que os nenos teñan que declarar no momento do xuízo.