Ecoloxistas en Acción advirte sobre a ameaza da minaría submarina fronte ás costas galegas

Minaría submarina © Deep Green

Ecoloxistas en Acción vén de publicar o informe ‘Ollos que non ven… a minaría submarina en España’, que analiza os efectos que a minería submarina podería ter sobre as augas de todo o Estado, entre elas as galegas, xa que unha parte dos montes submarinos do Banco de Galicia contan con depósitos metálicos de potencial interese económico para as empresas mineiras. 

A entidade ecoloxista alerta de que "a minaría submarina terá graves efectos sobre a biodiversidade mariña e supón unha ameaza a toda a cadea trófica, mesmo á produtividade pesqueira"

A entidade ecoloxista alerta de que "a minaría submarina terá graves efectos sobre a biodiversidade mariña e supón unha ameaza a toda a cadea trófica, mesmo á produtividade pesqueira". En consecuencia recomenda unha moratoria desta actividade para protexer os montes submarinos e demándalle ao Goberno central que "modifique a súa política na Autoridade Internacional para os Fondos Mariños", designando persoas expertas na conservación da biodiversidade destes particulares ambientes e na análise dos seus impactos.

Montes submarinos do Banco de Galicia contan con depósitos metálicos de potencial interese económico © Ecoloxistas en Acción

O ano 2020 será fundamental para o futuro da minaría submarina e dos fondos mariños, pois prevese que a Autoridade Internacional para os Fondos Mariños aprobe o código que regulará a extracción de minerais en alta mar. Numerosas voces, incluíndo ONGD, organizacións pesqueiras e a propia UE, que piden unha moratoria para esta actividade mentres os seus impactos potenciais non sexan totalmente coñecidos.

O Banco de Galicia acolle extensas zonas de cortizas de ferromanganeso así como depósitos de nódulos polimetálicos e zonas de fosforitas, con altos contidos de cobalto e presenza significativa de litio

O informe lembra que o Banco de Galicia e as súas zonas anexas acollen extensas zonas de cortizas de  ferromanganeso así como depósitos de nódulos polimetálicos e zonas de fosforitas, con altos contidos de cobalto e presenza significativa de litio. Ecoloxistas en Acción sinala que algúns autores consideran que as cortizas e nódulos do Banco de Galicia (xunto coas de Madeira, Canarias e Azores) poderían ser susceptibles de explotación comercial, particularmente no caso dos nódulos, polos seus moi altas concentracións de cobalto (de ata 1,8% da súa masa). 

O Banco de Galicia é un monte submarino situado a unhas 97 millas náuticas (180 km) da costa occidental de Galicia a profundidades de entre 500 e 1.000 metros. Foi declarado Zona de Especial Conservación (ZEC) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC da Rede Natura 2000), así como Área Mariña Protexida dentro da Rede OSPAR. Acolle extensos campos de coral de augas frías e máis de 700 especies catalogadas, incluíndo 6 en perigo de extinción.

Ecoloxistas en Acción recomenda unha moratoria desta actividade para protexer os montes submarinos e demándalle ao Goberno central que modifique a súa política

A entidade ecoloxista lembra que en setembro de 2017 o Comité Asesor Científico Técnico de ARVI-Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo emitiu un informe titulado “Coexistencia da actividade pesqueira coas industrias do gas, o petróleo e a minería submarina” no que amosa a súa preocupación por estas actividades. A preocupación de ARVI non procede só dos proxectos en augas xurisdicionais españolas, senón doutros moito máis avanzados en caladoiros de pesca frecuentados polos seus asociados, incluíndo proxectos de minería de  fosfatos en Namibia. 

As conclusións deste informe alertan que a actividade mineira submarina profunda pode provocar un dano significativo nos fondos mariños así como na fauna que habita neles e na calidade da columna de auga. E demandan a elaboración de plans de ordenación do espazo marítimo consensuados e dunha lexislación relacionada clara.

Máquina procesadora submarina © Deep Sea Mining Watch

Ecoloxistas en Acción denuncia que nos últimos anos diversos proxectos de organismos públicos españois encabezaron investigacións para avaliar o potencial mineiro de zonas próximas ás Illas Canarias. E tamén os de zonas fronte ás costas galegas e cantábricas, no Golfo de Cádiz e Mar de Alborán. Ademais, critica que nos últimos anos o Estado español confiou a súa representación nos órganos técnicos da Autoridade Internacional para os Fondos Mariños a expertos en minería proclives á explotación, "marxinando á comunidade científica que mellor podería contribuír á conservación e á análise dos potenciais impactos nestes ambientes".

Actualmente a reciclaxe de minerais como o litio, telurio ou terras raras, que se pretenden extraer das profundidades submarinas, está por debaixo do 1%

A organización ecoloxista participa nunha campaña internacional que lidera a Deep Sea Coalition, unha alianza de máis de 80 organizacións que busca o establecemento dunha moratoria sobre esta actividade e promove alternativas á destrución dos fondos oceánicos. Entre as medidas propostas inclúese o máximo aproveitamento dos materiais actualmente dispoñibles e a reciclaxe obrigatoria de residuos con contidos metálicos. Actualmente a reciclaxe de minerais como o litio, telurio ou terras raras, que se pretenden extraer das profundidades submarinas, está por debaixo do 1%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.