Esperanza, Felisa, Lía, Carmen: as ferroviarias galegas represaliadas polo franquismo tamén teñen o seu recoñecemento

Unha gardabarreiras ao paso dun tren © Fundación de los Ferrocarriles Españoles

O Ministerio de Transportes recompila nunha web as sancións e condenas que recibiu o persoal que traballaba no ferrocarril e non puido ‘demostrar a súa inocencia’

A rede ferroviaria galega era reducida en 1936 e as mulleres que traballaban nela, moitas menos que os homes. Pero tamén elas sufriron tras a guerra a represión dos golpistas, que impuxeron ao persoal ferroviario a obriga de ‘demostrar a inocencia’ para evitar sancións ou condenas de todo tipo. 

A historia da represión ligada ao ferrocarril en Galicia ten o seu elemento máis rechamante nos “carrilanos”, as persoas condenadas a construír con traballos forzados a liña entre Zamora e Ourense. Pero agora a iniciativa do Ministerio de Transportes, xunto coa Fundación de los Ferrocarriles Españoles, de poñer nomes ao maior número de persoas represaliadas no sector ferroviario vén de traducirse nunha web (www.memoriahistoricaferroviaria.org) na que se dedica un espazo específico ás mulleres.

Fragmento do mapa interactivo da web agora activada na que se identifican liñas realizadas con traballos forzados © Fundación de los Ferrocarriles Españoles

A finais dos anos 30 boa parte da rede ferroviaria galega era xestionada fundamentalmente pola Compañía Nacional de los Ferrocarriles del Oeste e, no caso da saída á Meseta por Monforte, pola compañía do Norte, que en 1941 serían integradas na nova Renfe. As obras da saída por Zamora na que traballaron os carrilanos estendéronse entre as décadas dos anos 20 e os 50.

O listado de mulleres ferroviarias represaliadas que agora ofrece o ministerio identifica 716 en todo o Estado, unha pequena parte dos 90.000 rexistros de ferroviarios represaliados. Delas, de 237 descoñécese o lugar de residencia, e na compañía do Oeste, que tamén operaba en Castela e León e Estremadura, identifícanse 39, das que en catro casos se sinalan específicamente residencias en Galicia -ningunha no caso da compañía do Norte-. Son elas:

  • Esperanza Mella Serrano, oficial de terceira no servizo de reclamacións de Vigo, sancionada con “separación definitiva con perda de todos os dereitos”.
  • Felisa Novoa Cisneros, empregada no servizo de reclamacións de Vigo, sancionada con “separación definitiva con perda de todos os dereitos”.
  • Lía Novoa Cisneros, empregada no servizo de reclamacións de Vigo, sancionada con “separación definitiva con perda de todos os dereitos”.
  • Carmen Quintana Pombo, expendedora no servizo de movemento de Santiago, sancionada con “perda de haberes durante o tempo que estivo sen traballar”.

“Os delitos que se lles atribuíron sempre foron considerados máis graves polo feito de ser mulleres e moitas foron sancionadas polos seus maridos e fillos, cando no caso contrario non se deu esta circunstancia”

O ministerio salienta que as mulleres, “ao igual que os seus compañeiros, tiveron que demostrar que tiñan un pasado político ‘sen tacha’ e que non se opuxeran ao Alzamento Nacional para poder recuperar os seus postos de traballo”. Pero engade que “os delitos que se lles atribuíron sempre foron considerados máis graves polo feito de ser mulleres e moitas foron sancionadas polos delitos atribuídos aos seus maridos e fillos, cando no caso contrario non se deu esta circunstancia”.

Xunto coa activación da web na que se recollen estes datos, e para a que o ministerio está aberto a recibir novas achegas de información, vén de estrearse tamén este documental sobre a represión no sector ferroviario, Los hijos del hierro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.