Fai 'click' e axuda a repoboar os montes de Froxán

Traballos no monte Froxán, en Lousame CC-BY-SA ColunaSanfins

O pasado mes de xaneiro botou a andar nos montes veciñais de Froxán un proxecto para transformar dez hectáreas de monte ateigadas de eucaliptos nun bosque de árbores frondosas autóctonas, a través da plantación dunhas 10.000 novas árbores. Nos dous últimos meses xa se plantaron case 3.000 árbores frondosas autóctonas, en substitución de eucalipto e acacia, grazas ás achegas de 370 madriñas que apoiaron unha campaña de micromecenado e de máis de 200 voluntarias que participaron nas plantacións.

A iniciativa foi agora escollida como finalista nun certame internacional de accións medioambientais, promovido pola European Outdoor Conservation Association. Entre 150 proxectos foron seleccionados 14, entre os que está a repoboación de Froxán. Calquera persoa pode colaborar para facer realidade o proxecto co seu voto a través da páxina da entidade ata o día 23 de marzo, día no que pechan as votacións. Desde a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, promotora da iniciativa xunto co Monte Veciñal de Froxán, destacan que “ter chegado a este punto é un gran logro de por si, e ademais pon en destaque todo o traballo feito durante os últimos meses e anos”.

O proxecto pretende ampliar ata as 20 hectáreas a superficie de actuación e ademais restaurar un hábitat natural prioritario de turbeiras. no caso de que a candidatura de Froxán resulte gañadora, os traballos iniciaranse este mesmo verán continuando durante os dous próximos anos

O resultado da votación, na que participan candidaturas de Chile, Perú, Colombia, Honduras, Camboia, Borneo, Benín, Sudáfrica, Mozambique, Bosnia, Grecia e Reino Unido, daráse a coñecer ao final de abril e, no caso de que a candidatura de Froxán resulte gañadora, os traballos iniciaranse este mesmo verán continuando durante os dous próximos anos. O proxecto pretende ampliar ata as 20 hectáreas a superficie de actuación e ademais restaurar un hábitat natural prioritario de turbeiras. Desde as entidades promotoras agradécese a colaboración de toda a xente que se anime a votar e a compartir a campaña coas súas amizades e redes.

O pasado ano Froxán converteuse na primeira Área Conservada por Comunidades Locais e Pobos Indíxenas (ICCA) recoñecida polas Nacións Unidas no Estado e este mes de febreiro foi galardoada co Premio Osíxeno á mellor actuación ambiental.

 

Traballos no monte Froxán, en Lousame CC-BY-SA ColunaSanfins
Traballos no monte Froxán, en Lousame CC-BY-SA ColunaSanfins

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.