Festival do Suído: música e poesía contra o parque eólico Carballoso

José de la Riera, Carme Carreiro e Xavier Oitavén na presentación do Festival do Suído © Festival do Suído

O vindeiro sábado 15 de abril A Laxe (Fornelos de Montes) acollerá a primeira edición do Festival do Suído, que busca "defender os valores do monte con música e poesía". Su Garrido, Antilia, Tino Baz, Tonhito de Poi, Anxo Angueira, Miriam Ferradáns, Silvia Penas ou Ana Fernández participarán nunha iniciativa que quere "dar a coñecer o rico patrimonio natural e etnográfico do Suído" e mostrar a súa oposición á "depredación eólica".

Su Garrido, Antilia, Tino Baz, Tonhito de Poi, Anxo Angueira, Miriam Ferradáns, Silvia Penas ou Ana Fernández participarán nunha iniciativa que quere "dar a coñecer o rico patrimonio natural e etnográfico do Suído" e mostrar a súa oposición á "depredación eólica"

Ademais dos concertos e recitais poéticos, a programación do evento organizado pola Plataforma Sur Da Dorsal Galega, que se desenvolverá ao longo de todo o día, inclúe un roteiro guiado por especialistas e un coloquio posterior co obxectivo de dar a coñecer os valores ambientais desta serra "de extraordinaria riqueza paisaxística, arquitectónica e ecolóxica".

Carme Carreiro, Xavier Oitavén e José de la Riera, representantes da Plataforma Sur da Dorsal Galega, presentaron a programación do evento. "Con este programa queremos dar a coñecer a riqueza do Suído e, para iso, consideramos que a música e a poesía son unha boa ferramenta, en especial, da man de persoas que están comprometidas tamén cos nosos obxectivos de defensa da terra fronte esa ameaza que temos sobre as nosas cabezas que é o parque Carballoso", sinalou Carme Carreiro.

Aeroxeradores na Serra do Suído © Google

O encontro desenvolverase na área Recreativa da Airoa, na parroquia da Laxe, concello de Fornelos de Montes, dende as 11 da mañá do sábado 15 de abril

"Quixemos facer un festival singular como único é o monte Suído", sinala Xavier Oitavén, que confía que con esta iniciativa "podamos dar a coñecer os valores que explican a nosa oposición á invasión eólica, mostrar a riqueza deste monte que dá auga a Vigo, un patrimonio único e pouco coñecido que temos que defender porque está en xogo o futuro dun ben prezado para esta terra, un monte que é a nosa riqueza e tamén a nosa memoria". Entre outras cousas, no festival insistirase na demanda de que o valor natural e cultural do Suído sexa recoñecido e protexido e que forme parte da Rede Natura ademais de ser declarado Paisaxe Cultural e Parque Natural.

O Festival é a primeira dunha serie de actividades que a Plataforma promove para dar a coñecer o Suído e sumar apoios na súa defensa. Están a desenvolver unha campaña en redes sociais con imaxes e vídeos de persoas que se animan a sumarse co #SonSuido

Para o investigador José de la Riera, a Serra do Suído é "o noso Pireneo Atlántico" e conta "cun patrimonio material e inmaterial único e tan importante como a maior das catedrais". "Un legado da historia que é responsabilidade e obriga pasar a futuras xeracións. Un agasallo dos nosos devanceiros  que non está en venta, nin en mercado algún, é patrimonio común do pobo galego", engade. O Festival é a primeira dunha serie de actividades que a Plataforma promove para dar a coñecer o Suído e sumar apoios na súa defensa. Entre outras iniciativas, están a desenvolver unha campaña en redes sociais con imaxes e vídeos de persoas que se animan a sumarse co cancelo #SonSuido.

Serra do Suído © Turgalicia

No festival insistirase na demanda de que o valor natural e cultural do Suído sexa recoñecido e protexido e que forme parte da Rede Natura ademais de ser declarado Paisaxe Cultural e Parque Natural

O encontro desenvolverase na área Recreativa da Airoa, na parroquia da Laxe, concello de Fornelos de Montes, un territorio que suma valores "de especial interese", desde os foxos do lobo ou os chozos construídos en pedra seca, pasando polas especies de fauna en perigo de desaparición ata as turbeiras, "verdadeiros depósitos de auga dun territorio que presume de dar de beber a Vigo".

O programa iniciarase ás 11 horas co roteiro que incluirá no seu percorrido elementos característicos do Suído. A seguir, iniciarase o programa artístico na sesión vermú, coa participación de poetas como Silvia Penas, Miriam Ferradáns, Anxo Angueira e Ana Fernández. A música correrá a cargo de Su Garrido, Tino Baz, Antilia e Tonhito de Poi e o coloquio incluirá a participación de especialistas na riqueza natural e patrimonial do Suído como son Xosé Lois Vilar, Xosé Prendes, Xulio Eiroa e Adela Figueiroa.

Contra o parque eólico Carballoso 

Ademais dos concertos e recitais poéticos, a programación inclúe un roteiro guiado por especialistas e un coloquio posterior co obxectivo de dar a coñecer os valores ambientais desta serra "de extraordinaria riqueza paisaxística, arquitectónica e ecolóxica"

A plataforma critica o parque eólico Carballoso, que incluirá dez aeroxeradores que contan con 51MW de potencia. Ademais, afirma que está previsto instalar en toda a Dorsal outros nove parques que poderían sumar un total de 200 aeroxeradores. A Plataforma di que este proxecto sería "un golpe mortal para algunhas das especies animais vulnerábeis que se atopan na zona e afectaría ás turbeira e brañas que son elementos de especial protección e a áreas de grande interese paisaxístico".

A Serra do Suído conta cunha extensións dunhas 25.000 hectáreas distribuídas polos concellos da Lama, Covelo e Fornelos de Montes (Pontevedra) e Avión e Beariz (Ourense). Na serra nacen os ríos Verdugo, Oitavén, Tea e Navia e nos seus cursos prodúcense unha importante colección de fervenzas como a de Casariños.

Serra do Suído © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.