Profesionais da comunicación e o márketing dixital lanzan a iniciativa que busca ser "punto de encontro" de apostas "polo presente e o futuro do rural galego"
"Existen motivos para apostar polo rural. O rural ten futuro? Si. Depende de nós. Pero o rural non é unha postal dun lugar bonito e tranquilo á que podemos mudarnos". En setembro do pasado 2024, o portal Ficaraqui.gal publicaba no seu blog 10 motivos para non ficar aquí, unha listaxe cargada de realismo no que chamaba a "mirar de fronte" os problemas dos concellos rurais do país para "afastarse dunha idea simple e única do rural" e, deste xeito, procurar o seu futuro.
Ese texto podería ser, en boa medida, un resumo do proxecto promovido por Enxerta [Re]Acción Rural, unha empresa promovida por catro profesionais da comunicación e o márketing dixital. A iniciativa recibiu o ano pasado unha das distincións no X Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra e procura ser un portal de oportunidades para a Galicia rural. Co foco no emprego, pero non unicamente.
A vocación de Ficaraqui.gal é ser "punto de encontro para entidades e profesionais que aposten polo presente e o futuro do rural galego" e iso implica ser "moito máis ca unha listaxe de ofertas de emprego". As empresas que precisen persoal poden publicar ofertas, pero tamén hai espazo para o pequeno empresariado ou profesionais autónomos que busquen "asociarse ou colaborar con outras para desenvolver un negocio"". Ou para empresas "que son sostibles economicamente" pero están preocupadas pola remuda xeracional.
O web e as canles de WhatsApp de Ficar Aquí recollen oportunidades de ofertas de emprego, traspasos de negocio, remudas xeracionais en negocios e vías para colaborar entre profesionais
O web clasifica as oportunidades en catro apartados: oferta de emprego, traspaso de negocio, remuda xeracional e asociarse/colaborar. Ordénaas e xeolocalízaas sobre o mapa. Trátase, en síntese de abordar a "moi directa relación entre o despoboamento e a falta de oportunidades no territorio". "O despoboamento condiciona a actividade socioeconómica e o mantemento de servizos" e o que procuran é "sumar" e "dinamizar a economía local".
Ademais do sitio web, Ficar Aquí apóiase nunha das plataformas máis empregadas para as relacións económicas máis ou menos informais: o WhatsApp. O proxecto inclúe 53 canles nesta aplicación de mensaxería, unha por comarca, "para que cada persoa poida acceder de forma áxil e rápida á información da súa contorna ou dos lugares nos que busca un emprego ou unha oportunidade laboral". "De forma periódica publícanse en cada unha das canales as diferentes ofertas de emprego ou oportunidades existentes".