O proxecto, impulsado polo Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, procura "dar resposta á necesidade de vivendas, locais e terras de alugueiro para asentamento de novos poboadores"
O marco da España baleira non encaixa na estrutura poboacional galega. Nin sequera para afrontar o innegable reto demográfico que ten por diante o noso país. Con este marco de fondo veñen nacendo diversas iniciativas para combater o despoboamento, máis tamén para adaptar ese combate ás características de Galicia, dende os milleiros de núcleos de poboación á dispersión das propiedades.
Neste marco é no que nace a ferramenta Aldeas Vivas. Dentro do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente, este Grupo de Desenvolvemento Rural que agrupa catorce concellos da montaña lucense busca "dar resposta á necesidade de vivendas, locais e terras de alugueiro para asentamento de novos poboadores". O público obxectivo é poboación doutros puntos de Galicia, mais tamén "axudar á integración da poboación migrante".
Aldeas Vivas concrétase nun portal web concibido como "centro de recursos do territorio". Vivendas en alugueiro, negocios con posibilidade de traspaso, ofertas de emprego ou terras dispoñibles para traballar xúntanse nun único buscador que nace da man da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Persoal técnico de ambas entidades, destacan, "apoiouse nas asociacións do territorio" para que "sexan tamén elas as que axuden a detectar oportunidades".
O sitio web nace con diversas ofertas inmobiliarias e laborais e pon no foco tanto a poboación de orixe galega como "na integración da poboación migrante"
Dende Montes e Vales Orientais subliñan que o seguinte reto é "que o entramado social e institucional do territorio faga súa a web", apoiada tamén dende o Goberno de España. Román Sánchez, un dos técnicos do proxecto, subliña que un bo funcionamento de Aldeas Vivas pode axudar "á remuda xeracional" no agro nun territorio con evidente envellecemento. E tamén pode contribuír a que "os mozos poidan levar a cabo o seu proxecto de vida sen ter que emigrar da súa comarca".
Fe Álvarez, xerente do GDR, ve en Aldeas Vivas unha mostra dos bos resultados de "sumar esforzos e traballar man con man coas diversas entidades que operan no territorio". Alberto Varela, presidente da Fegamp, advirte da importancia de proxecto coma este nun territorio no que en máis de 2.500 quilómetros cadrados viven apenas 22.000 persoas. Por iso ve clave "o esforzo por gañar poboación, aumentar posibilidades de emprego e crecemento local.
Na súa estrea, Aldeas Vivas xa ofrece no seu mapa de recursos varias ofertas de alugueiro de vivendas. Tamén recolle ofertas laborais ou locais hostaleiros dispoñibles para o seu traspaso.