"Feminismo para non morrer, feminismo para vivir". "Polo dereito a vivir en paz". Ou, sinxelamente, "querémonos vivas". Os numerosísimos actos que vilas e cidades de todo o país viñeron acollendo durante a última semana ao fío da conmemoración do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller culminaron este sábado con mobilizacións do movemento feminista en ata oito vilas e cidades galegas.
O feito de que este 25N cadrase en sábado desprazara xa ao venres boa parte dos actos institucionais, aínda que se mantiveron no sábado algúns deles. Foi caso da concentración organizada polo Concello da Coruña, da marcha reivindicativa á que se adheriron as institucións lucenses ou dos actos organizados pola Deputación de Pontevedra.
Xa pola tarde, a contorna do Obelisco coruñés, a rúa Sáenz Díez de Ourense, a Praza Maior de Lugo, a zona vella compostelá e, sobre todo, a área de Urzáiz en Vigo, tinxíronse de lila e inzáronse de reivindicacións feministas. No caso vigués a propia reivindicación contra a violencia machista uniuse ao malestar dos colectivos organizadores pola decisión do Concello de inaugurar o propio sábado pola tarde a o alumeado de Nadal a escasos metros da manifestación contra as agresións de xénero.