Galicia contará cunha Fiscalía especializada en violencia machista

Manifestación contra a violencia machista na Coruña CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Rosalina Carrera Cotado vén de ser nomeada fiscal delegada de Violencia sobre a Muller en Galicia, que se converte na cuarta comunidade que conta cunha fiscalía autonómica especializada en violencia machista, xunto con Andalucía, Cataluña e Castela e León. O nomeamento foi realizado polo fiscal xeral do Estado, Julián Sánchez Melgar, a proposta da Unidade Especializada de Violencia sobre a Muller e da Fiscalía Superior de Galicia.

O obxectivo é "fortalecer a loita contra a violencia machista e dar unha resposta eficaz, avanzando na protección das vítimas, a reparación do dano e a seguridade xurídica dos procedementos xudiciais"

Carrera Cotado pertence á Fiscalía Provincial de Pontevedra, onde dende o ano 2012 xa exercía como delegada da mesma especialidade no ámbito da provincia, á fronte da Sección de Violencia sobre a Muller. Terá como funcións a supervisión e coordinación dos fiscais especialistas en violencia de xénero que traballan en Galicia e, á súa vez, servir de enlace coa Fiscalía de Sala dependente da Fiscalía Xeral do Estado. Tamén desempeñará funcións de representación, por delegación do fiscal superior de Galicia, nos foros institucionais relacionados coa especialidade, coma o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, no que xa ten participado como fiscal provincial.

O obxectivo, segundo a Fiscalía Superior de Galicia, é "fortalecer a loita contra a violencia machista e dar unha resposta eficaz a este tipo de delincuencia, mantendo a necesaria unidade de actuación do Ministerio Público, avanzando na protección das vítimas, a reparación do dano e a seguridade xurídica dos procedementos xudiciais". A creación dunha Fiscalía especializada en violencia machista é unha demanda que nos últimos anos se vén lanzando dende entidades sociais, o movemento feminista e os partidos da oposición

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, salienta que tanto no ano 2016 como no 2017 se rexistrou "un apreciable incremento" das cifras relacionadas con violencia de xénero. En 2016 incoáronse 6.805 procedementos nos tribunais, un 10% máis que en 2015, e formuláronse 5.683 denuncias por violencia de xénero, cun incremento do 9% respecto ao ano anterior, así como 1.700 ordes de protección solicitadas, o que supón un aumento do 8%. No 2017, á espera das cifras definitivas, nos nove primeiros meses a cifra total de denuncias achegouse ás 5.000, cun aumento do 18,4% respecto a igual período do ano anterior, mentres que a cifra de ordes de protección solicitadas aumentou nun 14,4%. O número de denuncias vén incrementándose de forma sostida dende o ano 2012, pero o aumento rexistrado nos últimos dous anos en Galicia é especialmente rechamante, acadando practicamente 600 por mes, case 20 por día.

No último ano as denuncias por violencia de xénero incrementáronse un 18% e a cifra leva en ascenso dende o ano 2012

No seu nomeamento, o fiscal xeral do Estado destacou a “acreditada cualificación e relevante capacidade profesional e técnica” de Rosalina Carrera, así coma a súa contrastada experiencia na materia. Con praza dende o ano 1991, foi fiscal especialista na sección de Menores dende o ano 2000 ata xullo de 2012, data na que pasou a encargarse da delegación provincial de Violencia contra a Muller.

 

Rosalina Carrera Cotado, fiscal delegada de Violencia sobre a Muller en Galicia © Fiscalía Superior de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.