Greenpeace sinala unha empresa lucense como principal importador de madeira ilegal

Greenpeace reitera a súa denuncia de que Galicia é un dos principais puntos de entrada desta madeira na UE © Greenpeace

Este mércores 21 de marzo celébrase o Día Internacional dos Bosques. Greenpeace aproveita esta conmemoración para alertar sobre o prexuízo que a tala ilegal de madeira e a súa comercialización lle causa á selva amazónica e ás súas comunidades. A organización ecoloxista, que hai uns días alertaba da entrada dun cargamento desta madeira de sangue a través do Porto de Vigo, reitera a súa demanda de que a Xunta estableza os controis necesarios para evitar esta práctica.

No Estado Español Greenpeace considera que Galicia "é unha das principais portas de entrada de madeira de orixe ilegal"

Estados Unidos, Francia, Portugal, Bélxica e Países Baixos lideran o ranking de países importadores de madeira ilegal. No Estado Español Greenpeace considera que Galicia "é unha das principais portas de entrada de madeira de orixe ilegal". "É obvio que a documentación oficial que acompaña aos cargamentos de madeira tropical brasileira non garante a orixe legal da madeira. E é obriga da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal da Xunta de Galicia establecer os controis necesarios para garantir que as empresas importadoras están a realizar a debida dilixencia para avaliar aos seus provedores e minimizar os riscos de comerciar con madeira ilegal", sinala Miguel Ángel Soto, portavoz de Greenpeace España. "Está a facer o seu traballo? Evidentemente, non?", engade.

Greenpeace sinala especialmente a actividade da empresa López Pigueiras S.A., de Viveiro, que foi denunciada varias veces nos últimos anos como responsable da importación de madeira de ipé procedente da fraude no sistema de control brasileiro, aparecendo en informes internacionais como o principal importador de madeira ilegal no Estado Español.

O informe de Greenpeace Árbores imaxinarias, destrución real, explica como o alto valor da madeira de ipe no mercado (unha vez transformada en solos e chapas de decoración pode acadar os 2.500 dólares por metro cúbico) fai que sexa moi rendible para os madeireiros ilegais penetrar ata a profundidade da selva. A entidade sinala que "algúns dos efectos provocados por este crime ambiental xa son visibles, incluíndo unha intensificación da violencia no medio rural brasileiro, unha crecente degradación do bosque, a destrución da biodiversidade e unha maior invasión de camiños ilegais". 

López Pigueiras está sinalada por importar grandes cantidades de madeira de ipe procedentes de plans de xestión forestais cuxos inventarios tiñan unha alta sobrestimación da densidade desta especie arbórea

A organización tamén subliña que a talla ilegal de árbores de ipe vese facilitada "polas debilidades no proceso de autorización dos plans estatais de xestión forestal" e pola falsificación de informes e inventarios forestais. Segundo Greenpeace o 77% deses inventarios rexistraron volumes de árbores de ipe por encima dos niveis identificados polas investigacións científicas recentes. Nalgúns documentos, a sobreestimación da densidade de árbores de ope chega a ser dez veces superior á densidade natural aceptada como probable polos científicos.

López Pigueiras está sinalada por importar grandes cantidades de madeira de ipe procedentes de plans de xestión forestais cuxos inventarios tiñan unha alta sobrestimación da densidade desta especie arbórea. Esta compañía foi citada xa en tres ocasiones nos últimos informes de Greenpeace por comercializar madeira procedente de empresas vinculadas coa talla ilegal e a fraude documental.

 

A organización ecoloxista denuncia a falsificación de inventarios forestais e outros documentos para permitir talas ilegais © Greenpeace
Greenpeace denunciou en varias ocasións esta empresa de Viveiro por importar madeira de ipé de forma irregular © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.