Miles de luces violetas iluminaron a escuridade do machismo en toda Galicia

Cabeceira da manifestación en Compostela CC-BY-SA Galiza Contrainfo

En Vigo, na Coruña, en Compostela, Ferrol ou Pontevedra, en Lugo e en Ourense, pero tamén en Miño, Cuntis, Cangas, Ames, Vilalba, Carnota, Poio, A Gudiña ou Sober. Máis de 30 cidades e vilas de toda Galicia (e ducias máis no resto do Estado) ilumináronse de violeta na noite deste venres para reclamar medidas decididas e reais contra a violencia machista.

Unha emerxencia feminista que lembrou que no que vai de ano "contabilizáronse 74 feminicidios en España: 39 deles, practicamente a metade, só este verán", e que o mes de xullo foi o peor en 13 anos. O triplo asasinato de Valga foi o máis recente en Galicia, hai tan só uns días. Ademais, salientouse que "no que vai de 2019 rexistráronse 42 agresións sexuais múltiples, das cales só no mes de xullo foron nove".

Cabeceira da manifestación en Vigo CC-BY-SA Galiza Contrainfo

"Máis da metade das agresións e violacións ocorren pola noite, de madrugada, cando voltamos para a casa"

As mobilizacións convocáronse pola noite porque "máis da metade das agresións e violacións ocorren pola noite, de madrugada, cando voltamos para a casa". "Estas rúas, compañeiras, aínda non son nosas", engadía o manifesto. Porque diso se trataba, de esixir que as rúas das cidades e vilas tamén son das mulleres, tamén pola noite. 

"Este verán non foi un verán máis, e non podemos finxir que o foi. Con estes datos só nos queda rabia, impotencia, e, a verdade, medo… Dixéronnos que xa está todo conseguido, e aínda tentan convencernos de que non temos ningún motivo para estar aquí. Pero neste mundo ser muller é máis perigoso ca ser home, convivimos coa dúbida de quen será a seguinte", sinalábase no manifesto.

Centos de persoas manifestáronse nas cidades, varias ducias nas vilas. Todas levando luces (lanternas, os móbiles...) e candeas violeta, iluminando "esta maldita escuridade", como tamén se dicía no manifesto que foi lido nas mobilizacións.

"Remataron os minutos de silencio. Aquí estamos e estaremos, denunciaremos cada caso de acoso, pederastia, explotación sexual e trata, violacións e agresións"

"Remataron os minutos de silencio. Aquí estamos e estaremos, denunciaremos cada caso de acoso, pederastia, explotación sexual e trata, violacións e agresións", berrouse, esixindo accións decididas e non só "xestos". "Estamos desamparadas, non podemos confiar nunha xustiza que segue sendo patriarcal, nunhas institucións que miran cara outro lado, nunha parte da sociedade espectadora e cómplice. A violencia non é illada, é sistémica", díxose, e esixíronse "medidas que muden as estruturas, cambios integrais do sistema". "Erradicar a violencia é unha cuestión de estado, é unha prioridade, é unha Emerxencia Feminista", concluía o texto.

Manifestación na Coruña © Marea Atlántica
Manifestación en Compostela este 20S CC-BY-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.