O feminismo mobilízase nunha 'noite violeta' para denunciar que "estas rúas aínda non son nosas"

CC-BY-NC-SA Forte, rebelde, líder. Imaxe tirada en Compostela o pasado 8 de marzo

O feminismo mobilízase na noite deste venres. Tralas concentracións e manifestacións do mércores, en repulsa polos asasinatos machistas de Valga, chega a #emerxenciafeminista ou #noitevioleta, convocada hai varias semanas en todo o Estado, que lembra que "máis da metade das agresións e violacións ocorren pola noite, de madrugada, cando voltamos para a casa".

O manifesto lembra que "máis da metade das agresións e violacións ocorren pola noite, de madrugada, cando voltamos para a casa"

No seu manifesto, destácase que no que vai de ano "contabilizáronse 74 feminicidios en España: 39 deles, practicamente a metade, só este verán", e que o mes de xullo foi o peor en 13 anos. Ademais, saliéntase que "no que vai de 2019 rexistráronse 42 agresións sexuais múltiples, das cales só no mes de xullo foron nove". "Estamos desamparadas, non podemos confiar nunha xustiza que segue sendo patriarcal, nunhas institucións que miran cara outro lado, nunha parte da sociedade espectadora e cómplice. A violencia non é illada, é sistémica", denuncia o texto.

O manifesto denuncia a política de "xestos" e reclama medidas decididas e reais: "Remataron os minutos de silencio. Aquí estamos e estaremos, denunciaremos cada caso de acoso, pederastia, explotación sexual e trata, violacións e agresións", sinálase. "Esiximos ás institucións medidas que muden as estruturas, cambios integrais do sistema. Erradicar a violencia é unha cuestión de estado, é unha prioridade, é unha Emerxencia Feminista", engade

Concentracións convocadas para esta noite en Galicia © PFG

"Esiximos ás institucións medidas que muden as estruturas, cambios integrais do sistema. Erradicar a violencia é unha cuestión de estado, é unha prioridade, é unha Emerxencia Feminista"

Están convocadas máis de trinta concentracións noutras tantas cidades e vilas galegas, que comezarán entre as 20.15 horas e as 21.30 horas, aínda que a maior parte o fará entre as 21 e as 21.30. Nas convocatorias recoméndase vestir roupa negra ou violeta e, igualmente, levar "luces violetas", empregando candeas ou lanternas cubertas con algún material desta cor.

Convocatorias

  • A Estrada: diante do Concello 21h
  • A Gudiña: Praza Maior 20:15
  • Ames: Praza do Concello 20:30h
  • Arteixo: Praza do Balneario 21:30h
  • Cambados: Praza de Asorei 21:30h
  • Cangas: Praza María Soliña 21:30h
  • Cee: Praza 8 de Marzo 21:30h
  • Chantada R/Leonardo Rodríguez 21h
  • Compostela: Praza 8 de marzo 21h
  • A Coruña: Obelisco 20:30h
  • Cuntis: Praza das árbores 21h
  • Ferrol: Cantón de Molíns 21h
  • Foz: diante do Concello 21:30h
  • Lalín: 21h Praza da Torre
  • Marín: diante do Concello 21h
  • Miño: Praza do Parchís 20:30h
  • Mondariz: Praza de Mondariz 21h
  • Noia: diante do Concello 21h
  • O Courel: diante do Concello 21h
  • Ourense: Praza Maior 21:30h
  • Padrón: Estatua de Rosalía (Espolón) 21h
  • Pontevedra: Praza de España 21h
  • Poio: diante do Casal de Ferreirós (San Salvador) 21h
  • Ribeira: Praza do Concello 21h
  • Teo: Ramallosa 21h
  • Vedra: 21h diante do Concello
  • Verín: Praza García Barbón (Praza Maior) 20:45h
  • Vigo: Praza da Pedra 21h
  • Vilalba: Praza da Constitución 22:30h
  • Vilagarcía: Praza de Galicia 21h

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.