Mulleres xitanas, maiores ou discapacitadas: a UVigo pon o foco na discriminación múltiple

Campaña da Fundación Secretariado Gitano de Galicia polo 8M, nunha imaxe de arquivo © FSG

Muller e ademais negra, xitana, lesbiana, maior ou discapacitada. Ser muller e saírse da norma xera discriminacións múltiples que converten estes colectivos en máis vulnerables

Mulleres e ademais negras, xitanas, con velo, lesbianas, maiores ou discapacitadas. Cando ao feito de ser muller engádese outra característica que se sae da norma poden darse novos casos de discriminación, que non se adoitan dar se diante do adxectivo vai a palabra home, e converten este colectivo en máis vulnerable. 

“Os prexuízos asociados a unha muller madura non teñen nada que ver cos homes maduros e a fenda salarial dispárase coa idade”, explica Fernando Lousada Arochena, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade da Coruña. 

Cartel da xornada sobre Traballadoras especialmente vulnerables, celebrada na facultade de Dereito do campus de Ourense. CC-BY-SA UVigo

Arochena foi un dos primeiros xuristas en España en falar do concepto de discriminación múltiple, e en concreto da intersectorial, que se produce cando converxen dous factores que crean unha nova forma de discriminación. 

O maxistrado participou na xornada sobre Traballadoras Vulnerables celebrada na facultade de Dereito de Ourense o 10 de outubro.

“Buscamos poñer sobre a mesa os conceptos e sensibilizar o alumnado destas situacións, que sexan conscientes de que hai grupos especialmente discriminados e vulnerables e hai que telos en conta”, explica Marta Fernández Prieto, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social na UVigo e organizadora da xornada.

As feministas afroamericanas foron as pioneiras en analizar a discriminación múltiple, un concepto que vén de recollerse oficialmente na Lei 15/2002 para a Igualdade de Trato e non Discriminación

As primeiras en poñerlle nome a estas discriminacións foron as feministas afroamericanas a finais do século pasado. Tal e como relata Lousada Arochena, o problema xurdiu cando mulleres negras eran vetadas para traballar en empresas onde xa había homes negros e mulleres brancas. En realidade non existía discriminación por xénero porque xa traballaban mulleres, nin por raza, porque empregaban homes negros, mais dábase un novo tipo de discriminación xurdida dos dous factores: muller e negra. 

As feministas afroamericanas, en concreto Kimberlé Williams Crenshaw, foron as pioneiras en analizar a discriminación múltiple, un concepto que vén de recollerse oficialmente na Lei 15/2002 para a Igualdade de Trato e non discriminación (artigo 6) e que foi obxecto da análise durante a xornada da Universidade de Vigo.

Campaña con motivo do Día Internacional contra a Discriminación Racial, o 21 de marzo © SOS Racismo Galicia

¿Teñen dereito as mulleres xitanas a pensión por viuvez? Se están casadas polo rito xitano, a resposta é non , segundo a xurisprudencia actual

“¿Teñen dereito as mulleres xitanas a pensión por viuvez? Se están casadas polo rito xitano, a resposta é non , segundo a xurisprudencia actual”, relata Fernando Lousada. Isto supón unha dobre discriminación e un problema que non teñen que afrontar as mulleres casadas conforme á lexislación española.

A situación das mulleres inmigrantes non é a mesma que a dos homes. A eles non se lles esixe un reforzamento da identidade islámica con prendas concretas (o velo, nas súas diferentes modalidades) que lles dificultaría máis a busca dun emprego.

“Existen prexuízos asociados á intersección de muller e discapacidade que chegan a banalizar as agresións", detalla Fernando Lousada Arochena

Os datos da última Macroenquisa de Violencia Contra a Muller, realizada desde o Ministerio da Igualdade, revela que as mulleres con discapacidade sofren máis agresións sexuais

En concreto, as mulleres con discapacidade acreditada sufriron violencia física fóra da parella ao longo das súas vidas en maior proporción (17,2%) que as mulleres sen discapacidade acreditada (13,2%). Tamén é algo maior a porcentaxe das que a sufriron na infancia (12,2% das mulleres con discapacidade fronte a 8,5% das mulleres sen discapacidade).

Concentración polo Día da Discapacidade na Praza do Obradoiro. CC-BY FEGADACE

“Existen prexuízos asociados á intersección de muller e discapacidade que chegan a banalizar as agresións:que se lles gusta, que non o van contar ou non as van crer se o contan, por exemplo”, detalla o maxistrado do TSXG.

Lousada Arochena pon o foco tamén nas agresións que sofren as mulleres lesbianas. “A lesbofobia non ten as mesmas consideracións que a homofobia. Existen os tournantes, as violacións ‘correctoras’ para as mulleres polo feito de ser muller e lesbiana”, explica. 

“Pouco a pouco a sociedade vai percibindo o concepto e os órganos xudiciais tamén o integran cada vez máis. O xuíces somos iguais de feministas que o resto das persoas”, asegura Arochena, para quen a xornada resultou moi “proveitosa” para o alumnado asistente -futuros avogados ou xuíces- e participou formulando "moitas cuestións" aos relatores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.