O relator da ONU para a pobreza escoitou en Monfero as necesidades das persoas que viven no rural

Philip Alston, no CPI Virxe da Cela de Monfero © CPI Virxe da Cela de Monfero

O pasado martes o Relator Especial da ONU sobre a extrema pobreza e os dereitos humanos, Philip Alston, visitou Galicia para avaliar a situación das persoas en exclusión social no país. Alston, que permanecerá no Estado Español ata o vindeiro 7 de febreiro, mantivo unha xuntanza con representantes do Goberno galego e a continuación reuniuse con persoas en situación de pobreza en Santiago de Compostela. Ademais, visitou o centro de recursos que COGAMI ten en Silleda para coñecer de primeira man a situación na que viven as persoas con discapacidade do ámbito rural. E, finalmente, mantivo un encontro en Monfero con familias afectadas pola exclusión social e o risco de pobreza nesta localidade e tamén con representantes de entidades sociais.

O pasado martes Alston mantivo un encontro en Monfero con familias afectadas pola exclusión social e o risco de pobreza nesta localidade

Polo tanto, Alston explorou de forma especial as situacións de pobreza e exclusión social que se producen tanto nas contornas urbanas como tamén rurais, facendo unha especial incidencia neste ámbito nas súas visitas a Silleda e Monfero.

No CPI Virxe da Cela de Monfero representantes do centro, das familias, dos servizos sociais do concello e a Rede Galega para o Desenvolvemento Rural explicaron as dificultades e retos a débenos enfrontarse as persoas que son parte do rural español e galego. 

No encontro participaron Alberto Casado, director de Advocacy de Ayuda en Acción, a delegada da organización en Galicia, Beatriz Varela; dúas nais do centro, a directora do CPI Virxe da Cela, Camino Pereiro, e o presidente da ANPA do colexio, Jorge Pena; a traballadora social do Concello de Monfero Mª del Carmen Sieiro; e Alfonso Filgueira, representante da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural.

Encontro no que participou o relator da ONU Philip Alston no CPI Virxe da Cela de Monfero ©

As participantes no encontro falaron de problemáticas que están as sufrir os concellos rurais galegos, como o desmantelamento dos servizos sociais, a falta de infraestruturas ou a falta de oportunidades para mozas

"Da visita quedamos sobre todo, coa sensación de que por unha vez a voz das persoas foi escoitada. Queremos ser parte dunha sociedade que por moito que tente camuflarse na globalidade non pode deixar de lado que nela existen diferentes realidades que teñen expectativas de desenvolvemento xusto e sustentable que tamén deben ser tidas en conta", comenta Camino Pereiro, directora do centro.

As persoas participantes no encontro falaron de problemáticas que están as sufrir os concellos rurais galegos, como o desmantelamento dos servizos sociais, a falta de infraestruturas de comunicación e de transporte público, a falta de oportunidades para mozas e maiores, a fenda dixital e de xénero, o menor índice salarial, os problemas da muller como coidadora e traballadora sen salario ou do sentimento de abandono por parte das institucións.

As potencialidades do rural

"O principal desafío reside en establecer propostas de desenvolvemento endóxeno sustentable de carácter integral e non actuacións puntuais descontextualizadas", di a directora da escola

Porén, destaca Camino Pereiro, "tamén salientamos as nosas potencialidades e os nosos valores de superación e de axuda mutua". "De como no rural perduran dos valores comunitarios intimamente relacionados coa natureza e coa propia identidade cultural galega. Por exemplo, como baluartes dunha lingua que se resiste a ser absorbida dentro da diglosia cultural actual", di.

"O principal desafío reside en establecer propostas de desenvolvemento endóxeno sustentable de carácter integral e non actuacións puntuais descontextualizadas", subliña a directora do centro. "Temos a posibilidade de escapar de criterios mercantilistas asentados en pseudo-eficiencias que levan á inexistencia ou ao desmantelamento efectivo dos servizos e recursos sociais (educativos, sanitarios, economía e intervención social, benestar, mobilidade…) do noso medio", engade.

"O rural é xerme de experiencias emprendedoras capaces de entrelazar tradición e innovación", destaca

E sinala que "desde un punto de vista económico, o rural é xerme de experiencias emprendedoras que parten dos recursos naturais e persoais, capaces de entrelazar tradición, modernidade e innovación para xerar emprego e estabilidade, desenvolvemento local e riqueza xeral", como tamén destacabamos nesta reportaxe

Philip Alston ©

As escolas rurais

 "As nosas escolas rurais ofrecen parámetros de calidade moi altos, que veñen determinados en gran medida polas súas formas e tempos propios, adaptados á realidade na que se enmarcan"

Nestas potencialidades, a directora do centro inclúe a escola rural e o ensino nestas contornas: "as nosas escolas rurais ofrecen parámetros de calidade moi altos, que veñen determinados en gran medida polas súas formas, espazos e tempos propios, adaptados á realidade na que se enmarcan e aos intereses e necesidades do seu alumnado". 

E conclúe: "falamos de equidade, calidade, non discriminación, igualdade de oportunidades, compensación das desigualdades, colaboración entre administracións e entre territorios… e de ser conscientes de que unha escola con calidade e equidade é parte imprescindible do desenvolvemento sustentable do medio rural".

 

Uns niveis de pobreza "sorprendentemente altos"

O relator busca examinar como funciona o sistema de protección social para as persoas en situación de pobreza, e a situación das persoas con traballos precarios ou con dificultades para acceder a unha vivenda.

"Unha escola con calidade e equidade é parte imprescindible do desenvolvemento sustentable do medio rural", conclúe Camino Pereiro

A análise final do Relator Especial da ONU basearase en contribucións e investigacións previas á misión, incluído un exame exhaustivo da información publicamente dispoñible, máis de 60 entrevistas telefónicas previas e unhas 40 achegas escritas proporcionadas por persoas afectadas pola pobreza, a sociedade civil, o mundo académico e outros. O informe final presentarase no mes de xuño en Xenebra (Suíza), pero xusto antes de abandonar España Philip Alston ofrecerá unha rolda de prensa na que compartirá as súas "observacións e recomendacións preliminares".

Nos días previos ao inicio desta visita, Alston destacou que "España é a quinta economía máis grande de Europa e, con todo, ten uns niveis de pobreza sorprendentemente altos. Isto expón verdadeiras preguntas sobre quen se beneficiou do recente crecemento e quen quedou atrás". Alston engadiu que "cómpre destacar que, máis dunha década despois da crise financeira, e tras unha impresionante recuperación económica, moitos dos indicadores de pobreza e desigualdade de España están moi por riba dos niveis anteriores á crise".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.