O relator da ONU sobre pobreza visita Galicia para avaliar a situación das persoas en exclusión social no rural

Philip Alston, relator especial da ONU sobre a extrema pobreza e dereitos humanos © ONU

O Relator Especial da ONU sobre a extrema pobreza e os dereitos humanos, Philip Alston, iniciou este luns unha visita de investigación a España co obxectivo de analizar a pobreza existente no Estado. Ata o 7 de febreiro Alston viaxará a Madrid, País Vasco, Estremadura, Andalucía, Cataluña e tamén Galicia, onde estará este martes 28.

"Máis dunha década despois da crise financeira, e tras unha impresionante recuperación económica, moitos dos indicadores de pobreza e desigualdade de España están moi por riba dos niveis anteriores á crise", di Alston

Nos días previos ao inicio desta visita, Alston destacou que "España é a quinta economía máis grande de Europa e, con todo, ten uns niveis de pobreza sorprendentemente altos. Isto expón verdadeiras preguntas sobre quen se beneficiou do recente crecemento e quen quedou atrás". Alston engadiu que "cómpre destacar que, máis dunha década despois da crise financeira, e tras unha impresionante recuperación económica, moitos dos indicadores de pobreza e desigualdade de España están moi por riba dos niveis anteriores á crise".

A ONU salienta a elevada taxa de pobreza e exclusión social no conxunto do Estado (26,1%), superior á que se rexistraba no ano 2009 (24,7%). En Galicia as cifras son algo inferiores (23%), unha porcentaxe que no 2009 era do 24,6%. O informe previo das Nacións Unidas subliña as elevadas taxas de desemprego e fai fincapé en que "hai un preocupante aumento da pobreza na poboación activa". Ademais, lembra que "o país gasta moito menos que a media da UE en numerosos tipos de apoio social".

Centro de recursos de COGAMI en Medelo © Cogami

Este martes Alston chegará a Galicia, onde se reunirá con representantes da Xunta, persoas en situación de pobreza en Compostela e visitará un centro de Cogami en Silleda e unha escola en Monfero

A análise final do Relator Especial da ONU basearase en contribucións e investigacións previas á misión, incluído un exame exhaustivo da información publicamente dispoñible, máis de 60 entrevistas telefónicas previas e unhas 40 achegas escritas proporcionadas por persoas afectadas pola pobreza, a sociedade civil, o mundo académico e outros. O informe final presentarase no mes de xuño en Xenebra (Suíza), pero xusto antes de abandonar España Philip Alston ofrecerá unha rolda de prensa na que compartirá as súas "observacións e recomendacións preliminares".

Este martes Alston chegará a Galicia, onde primeiro manterá unha xuntanza con representantes do Goberno galego e a continuación reunirase con persoas en situación de pobreza en Santiago de Compostela.

Explorará as situacións de pobreza e exclusión social que se producen tanto nas contornas urbanas como tamén rurais, facendo unha especial incidencia neste ámbito nas súas visitas a Silleda e Monfero

Ás 13.30 horas Alston visitará o centro de recursos que COGAMI ten en Medelo (Silleda) para coñecer de primeira man a situación na que viven as persoas con discapacidade do ámbito rural. Finalmente, o relator visitará unha escola en Monfero e manterá un encontro con familias afectadas pola exclusión social e o risco de pobreza nesta localidade. 

Polo tanto, Alston explorará de forma especial as situacións de pobreza e exclusión social que se producen tanto nas contornas urbanas como tamén rurais, facendo unha especial incidencia neste ámbito nas súas visitas a Silleda e Monfero.

O australiano Philip Alston, que asumiu as súas funcións como Relator Especial sobre a extrema pobreza e os dereitos humanos en xuño de 2014, afirma que busca "examinar minuciosamente como funciona o sistema de protección social español para as persoas en situación de pobreza, así como a situación das persoas con traballos precarios ou que se enfrontan a dificultades para acceder a unha vivenda axeitada, á educación e á sanidade, especialmente entre as poboacións vulnerables". 

O relator busca examinar como funciona o sistema de protección social para as persoas en situación de pobreza, e a situación das persoas con traballos precarios ou con dificultades para acceder a unha vivenda

Alston salienta que "o novo goberno de España comprometeuse a mellorar o benestar económico e social da poboación" e destaca que a súa visita "tan cedo na lexislatura" ofrece "unha oportunidade para avaliar a situación e recomendar a mellor maneira en que o Goberno pode apoiar ás persoas en situación de pobreza".

Ao redor de 40 entidades da sociedade civil enviaron nos últimos meses documentos de análise para informar sobre a situación que viven uns ou outros colectivos. Entre elas a rede contra a pobreza EAPN, que ademais de salientar as cifras xerais sobre pobreza e exclusión social, destacou a elevada incidencia da violencia de xénero, os problemas xerados pola prostitución e a trata de mulleres para a súa explotación sexual, a exclusión residencial e a falta de vivenda digna, as consecuencias da 'Lei Mordaza', a situación dos CIES ou a "explotación laboral".

De igual xeito, o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) alertou de que "as persoas con discapacidade soportan un risco de pobreza e/ou exclusión moito máis elevado que aquelas que non teñen discapacidade", sufrindo este colectivo "unha exclusión dentro da exclusión". O CERMI sinala que hai un 21% das persoas con discapacidade que non son pobres, pero que se atopan inmersas en situacións de exclusión social. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.