O rural vigués, contra a construción dunha vía de alta capacidade cun forte impacto ambiental e que "partirá familias en dous"

Protesta contra o novo vial proxectado en Beade (Vigo) © AVIBE

O proxecto está a provocar unha mobilización crecente entre a veciñanza do rural, principalmente Beade, pero tamén Bembrive, Castrelos e Sárdoma

O proxecto de construcción dunha estrada de alta capacidade, prevista no novo PXOM de Vigo, entre a A55 e a Avenida Clara Campoamor, está a provocar unha mobilización crecente entre a veciñanza de varias parroquias da zona rural da cidade olívica, principalmente Beade, pero tamén Bembrive, Castrelos e Sárdoma. 

A Plataforma de Afectados polo Vial de Beade (AVIBE), á que se uniron entidades ecoloxistas, como Ecoloxistas en Acción, denuncian que esta vía "tería un forte impacto" sobre o medio natural de Beade, coa construción de viadutos e túneles, que afectarían principalmente aos ríos Eifonso e Barxa e á conca do Lagares. 

Ademais do dano medioambiental, coa destrución de leiras e bosques de ribeira e o incremento da contaminación acústica e do aire, a estrada "fendería a parroquia, partindo familias en dous", sinala a plataforma. "Vigo ten no seu medio rural un auténtico pulmón verde que cómpre preservar", engade Ecoloxistas en Acción.

Denuncian que esta vía "tería un forte impacto" sobre o medio natural de Beade, coa construción de viadutos e túneles, que afectarían principalmente aos ríos Eifonso e Barxa e á conca do Lagares

A veciñanza destas parroquias levou a cabo nas últimas semanas varias concentracións, manifestacións e andainas para denunciar a situación e informar sobre o proxecto en marcha. As mobilizacións continuarán nos vindeiros días, cunha nova concentración convocada para este domingo 9, neste caso no centro da cidade (Rúa Príncipe), onde a veciñanza das parroquias de Beade, Bembrive, Castrelos e Sárdoma entregará información á cidadanía que pase por alí e recollerá sinaturas para presentar máis de 200 alegacións contra o proxecto.

Este domingo 9 a veciñanza das parroquias de Beade, Bembrive, Castrelos e Sárdoma entregará información na Rúa Príncipe e recollerá sinaturas para presentar máis de 200 alegacións contra o proxecto

A plataforma veciñal denuncia "falta de diálogo e información" por parte do Concello, sinalando que a ausencia de "transparencia e comunicación" levou a que se producisen "situacións como a de tres familias que en xaneiro e febreiro de 2021 recibiron licenza para a construción das súas vivendas unifamilares e que agora estando en fase de construción souberon que serán expropiadas". Critican, así mesmo, que este vial implica a recualificación de terreos que pasarán de ser urbanos a ser rústicos "coa consecuente perda de valor económico".

"Unha obra destas características afectaría á calidade de vida da veciñanza, que ten dereito a desfrutar de entornos tranquilos, saudables e agradables"

Ecoloxistas en Acción e grupos políticos como Marea de Vigo denuncian que o obxectivo desta vía de alta capacidade é unicamente mellorar as conexións en automóbil coa planta de PSA, sen pensar no custo medioambiental e para a veciñanza destas parroquias. O grupo ambientalista sinala que "unha obra destas características afectaría á calidade de vida da veciñanza, que ten dereito a desfrutar de entornos tranquilos, saudables e agradables".

A obra configúrase como "unha circunvalación intermedia de este a oeste"

Marea de Vigo considera que “de novo, como aconteceu coa Rolda de Vigo, un proxecto do Plan Xeral de Ordenación Urbanística improvisa e simplemente traza sobre un papel un proxecto de vial de fondo impacto ambiental, que afectará a ducias de familias e que se configura, tal e como recolle o PXOM, como unha circunvalación intermedia de este a oeste". A formación política está a traballar do deseño de alternativas de mobilidade "que solventen dun xeito razoable e sostible o necesario aliviamento do tráfico na Avenida Antonio Palacios e o eixo Alcalde Portanet - Avenida Citroën".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.