O Concello de Vigo frea o centro comercial de Porto Cabral en plena guerra contra o do Celta, a apenas dous quilómetros

Perímetro da cidade deportiva do Celta, en Mos, segundo o seu propio proxecto e zona na que estaría o centro comercial de Porto Cabral, en Vigo Perímetro da cidade deportiva do Celta, en Mos, segundo o seu propio proxecto e zona na que estaría o centro co CC-BY-SA Praza Pública

Rexeita que a empresa promotora se atribúa, ao igual que está a facer o club, a xestión dun monte comunal que antes debería ser expropiado e sacado a concurso

Tras varios anos sen pronunciarse abertamente sobre o proxecto de gran centro comercial que se quere instalar nun monte comunal da parroquia de Cabral, o Concello de Vigo fixo público este domingo un comunicado co que deslexitima os intereses urbanísticos da empresa promotora. Faino cunha argumentación similar á que está a empregar para cargar contra o centro comercial similar que o Celta quere levantar a apenas dous quilómetros, xa no termo municipal de Mos: as empresas promotoras dos complexos, sexa o Celta ou o grupo investidor Intu Eurofund, non poden atribuírse a xestión de espazos que son actualmente montes comunais, que non poden ser vendidos senón só expropiados pola administración que despois só pode concederllos a unha empresa a través dun concurso público.

O proxecto de gran centro comercial no monte de Cabral tiña o seu amparo no Plan de Urbanismo municipal aprobado en 2008, que contemplaba que ese espazo puidese ter usos comerciais a cambio, entre outras contrapartidas, de que os beneficios desa operación permitisen executar unha Cidade do Deporte na outra parroquia viguesa de Valadares. O grupo Eurofund, con outros centros comerciais en Zaragoza, Torremolinos, Lisboa ou Madrid, propuxo un gran centro comercial, Porto Cabral, que ao longo da última década desencadeou unha loita na parroquia e na comunidade de montes entre defensores e detractores do proxecto, estes últimos co apoio, entre outros, dos comerciantes de Vigo ou dos sindicatos. Pero neste tempo o proxecto empresarial atopou dous grandes obstáculos: o enfrontamento entre o Concello e o Celta e a anulación xudicial do Plan de Urbanismo.

Mobilización da veciñanza de Cabral © Un monte de todos

O Concello de Vigo xa alegou contra a cidade deportiva do Celta que non se analizase o seu impacto a nivel metropolitano senón só en Mos por estar nese termo municipal

O desexo do principal accionista do Celta, Carlos Mouriño, de que a sociedade anónima deportiva deixase de ser arrendataria tanto do estadio municipal de Balaídos como das instalacións tamén municipais do monte da Madroa na que adestran os seus equipos atopou a oposición do alcalde, Abel Caballero. Balaídos non está en venta, dixo, o que levou ao Celta a ameazar con levarse o equipo de Vigo e lanzar o seu propio proxecto de cidade deportiva nun monte do veciño concello de Mos lindeiro co termo municipal de Vigo. O do Celta é un proxecto apoiado polo PP tanto en Mos como na Xunta que inclúe tamén un gran centro comercial que se levantaría a apenas dous quilómetros do de Porto Cabral e que está aínda pendente de obter os permisos necesarios despois de que varias administracións advertisen do seu impacto. Entre elas, o Concello de Vigo, que reclama que se teña en conta que o complexo tería repercusión en toda a área metropolitana e non só en Mos.

Co plan de 2008 anulado, os promotores de Porto Cabral pediron ao Concello o pasado 21 de novembro que tramitase novamente o seu proxecto urbanístico, o que vén de ser rexeitado

Pero o obstáculo que agora atopa o centro comercial de Porto Cabral non é só o da competencia desa cidade comercial do Celta, cunha tramitación máis avanzada e mesmo coas obras xa iniciadas no que afecta ás primeiras instalacións deportivas, senón que o Concello de Vigo non atopa encaixe ao proxecto na vía legal aberta de xeito excepcional para paliar a anulación xudicial do Plan de Urbanismo. Aquel plan foi tombado pola xustiza porque a Xunta do bipartito permitiu que non se sometese a unha avaliación ambiental completa senón acelerada. O Concello está a redactar un novo, pero mentres a Xunta impulsou unha modificación legal coa que salvar algúns dos grandes proxectos que contiña aquel documento. 

Co plan de 2008 anulado, os promotores de Porto Cabral pediron ao Concello o pasado 21 de novembro que tramitase novamente o seu proxecto urbanístico, o que vén de ser rexeitado. O Concello emprega como argumentos para frear a Intu Eurofund os mesmos que usa para cargar contra o centro comercial do Celta en Mos. Que a empresa non é a propietaria actual dos terreos, e polo tanto non pode ser ela a que inste unha modificación urbanística como a que solicita. O Concello de Vigo lembra que os montes comunais só poden ser expropiados pola administración e que esta debe convocar un concurso público para poder entregalos posteriormente a unha empresa. Intu Eurofund non pode atribuírse a xestión dese espazo por “falta de lexitimación”, di o Concello na súa argumentación técnica dun xeito similar ás súas declaracións políticas nas que rexeitan que o Real Club Celta Sociedade Anónima Deportiva poida facer o mesmo en Mos.

Parte de monte que sería destruído polo centro comercial Dominio Público O monte non se vende

“Sorprende”, di o Concello de Vigo, “que o solicitante se permita presentar” unha proposta que debera ser de iniciativa pública “e se autonomee, sen ningún concurso público, adxudicatario do hoxe solo rústico"

“Sorprende”, di o Concello de Vigo, “que o solicitante se permita presentar” unha proposta que debera ser de iniciativa pública “e se autonomee, sen ningún concurso público, adxudicatario do hoxe solo rústico de especial protección forestal da Comunidade de Montes de Man Común de Cabral”. Ao tempo que rexeita admitir a trámite a petición de Intu Eurofund para Porto Cabral, o Concello di que será o novo plan de urbanismo que está a redactar o que “ordenará e programará as actuacións que a cidade precisa para garantir unha axeitada calidade de vida dos vigueses e viguesas”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.