O sindicalismo galego loita polo indulto a Pintos: recollida de sinaturas e manifestación contra a 'lei mordaza'

Manifestación en solidariedade con López Pintos en Ferrol CC-BY-NC-SA CIG

Os sindicatos en Galicia únense na loita polo indulto para Xesús Anxo López Pintos, para quen o Tribunal Supremo confirmou  hai unhas semanas unha condena de seis meses de cadea tras unha carga policial en Ferrol en 2012 na que sufriu feridas pero tras a que foi tamén acusado dun delito de "atentado". 

Desde finais de abril desenvólvese unha campaña de recollida de sinaturas en apoio ao indulto de Pintos pola que este mércores CIG, CCOO, UGT e CGT apañaron firmas na Praza de Armas de Ferrol, acción que repetirán o xoves 19 de maio diante do Concello de Narón e o mércores 25 ante o edificio da Xunta, en ambos casos de 11 a 13 horas. 

Xesús Anxo López Pintos, ferido, no momento da súa detención CC-BY-NC-SA Susete

CIG, CCOO, UGT e CGT continúan a recoller sinaturas polo indulto e convocan manifestación o 31 de maio en Ferrol tamén pola derrogación da 'lei mordaza'

As persoas interesadas en apoiar a causa tamén poden asinar a través de internet e mesmo acceder ao documento para recoller sinaturas que poden ser logo entregados nos locais da CIG. Todo dentro dun conxunto de actuacións que inclúen unha manifestación que percorrerá as rúas de Ferrol o vindeiro día 31 de maio convocada tamén pola central nacionalista, Comisións, UGT e a CGT. Sairá ás 20 horas do edificio da Xunta.  

Todos os sindicatos coinciden en criticar "a desmesura actuación da que foi vítima Pintos, tanto no relativo á súa detención como ao proceso xudicial posterior, valéndose da aplicación máis humillante da chamada lei mordaza, que a día de hoxe segue vixente". De feito, a derrogación desta lei é unha das reivindicacións da marcha xunto co indulto do sindicalista condenado. "Contra a represión, solidariedade obreira", destacan as centrais. 

Todo xorde daquel 5 de outubro de 2012, cando os antidisturbios cargaron con dureza contra unha manifestación duns 300 ou 400 traballadores de Navantia que protestaban en Ferrol ás portas do hotel onde o PP celebraba un acto político, no inicio da campaña para as eleccións ao Parlamento galego. Nese momento, produciuse un enfrontamento entre os axentes que formaban parte do cordón policial e un grupo de manifestantes, entre eles o daquela secretario comarcal da CIG, Xesús Anxo López Pintos. 

López Pintos foi reducido polos policías e sufriu feridas, pero tamén foi acusado dun delito de "atentado", polo que foi condenado hai tres anos a seis meses de cadea, unha sentenza que confirmou neste pasado mes de marzo o Tribunal Supremo.

O ditame da Audiencia Provincial da Coruña condenara a López Pintos polo citado delito, coa agravante de reincidencia e a atenuante de dilacións indebidas. Igualmente, impúxolle o pago dunha indemnización de 840 euros, ademais do pagamento das custas causadas pola intervención no proceso do axente como acusación particular e defensa. No seu recurso, o sindicalista solicitaba a súa absolución e a condena do policía. O Supremo desestimou todas as pretensións do recorrente, excepto a condena a pagar os gastos de defensa do policía, que foi anulada.

Concentración sindical antes do xuízo a López Pintos CC-BY-NC-SA CIG

O Supremo considera "probado" que o sindicalista "agarrou cunha man da camisa" a un dos axentes que formaban o cordón policial que protexía aos políticos do Partido Popular e coa outra man "golpeoulle varias veces no casco". O ditame describe a acción de López Pintos como unha "actuación de acometemento directamente orientada a, coa agresión e o emprego dunha lesiva forza física contra un dos funcionarios policiais, superar as liñas dos axentes da orde e lograr arremeter contra o alcalde e o presidente da Deputación", que se atopan no acto do Partido Popular. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.