O tribunal considera que o ex-secretario comarcal da CIG en Ferrol é culpable dun delito de atentado a un axente da autoridade por golpear coa man no casco durante unha violenta carga policial contra un grupo de manifestantes que en outubro de 2012 protestaban ás portas dun acto electoral do PP
O 5 de outubro do ano 2012 os antidisturbios cargaron con dureza contra unha manifestación duns 300 ou 400 traballadores de Navantia que protestaban en Ferrol ás portas do hotel onde o PP celebraba un acto político, no inicio da campaña para as eleccións ao Parlamento galego. Nese momento, produciuse un enfrontamento entre os axentes que formaban parte do cordón policial e un grupo de manifestantes, entre eles o daquela secretario comarcal da CIG, Xesús Anxo López Pintos. López Pintos foi reducido polos policías e sufriu feridas, pero tamén foi acusado dun delito de "atentado", polo que foi condenado hai tres anos a seis meses de cadea, unha sentenza que agora vén de confirmar o Tribunal Supremo.
A sentenza da Audiencia Provincial da Coruña condenara a López Pintos polo citado delito, coa agravante de reincidencia e a atenuante de dilacións indebidas. Igualmente, impúxolle o pago dunha indemnización de 840 euros, ademais do pago das costas causadas pola intervención no proceso do axente como acusación particular e defensa. No seu recurso, López Pintos solicitaba a súa absolución e a condena do policía. O Supremo desestima todas as pretensións do recorrente, excepto a condena a pagar os gastos de defensa do policía, que foi anulada.
O tribunal non considera probada a agresión dos policías a López Pintos, a pesar de que o sindicalista sufriu feridas que necesitaron de asistencia médica
O Supremo considera "probado" que o sindicalista "agarrou cunha man da camisa" a un dos axentes que formaban o cordón policial que protexía aos políticos do Partido Popular e coa outra man "golpeoulle varias veces no casco". O ditame describe a acción de López Pintos como unha "actuación de acometemento directamente orientada a, coa agresión e o emprego dunha lesiva forza física contra un dos funcionarios policiais, superar as liñas dos axentes da orde e lograr arremeter contra o alcalde e o presidente da Deputación", que se atopan no acto do Partido Popular.
Na Comisaría o sindicalista denunciou ter recibido malos tratos, que a sentenza tampouco considera probados
Pola contra, o tribunal non considera probada a agresión dos policías a López Pintos, a pesar de que o sindicalista sufriu feridas que necesitaron de asistencia médica. "Aínda que o acusado sustentou que os policías o rodearon e que o golpearon con saña, a cámara só recolle como foi reducido inmediatamente despois de que os axentes colocasen ao acusado detrás do cordón policial e os informes médicos unicamente describen unha tumefacción no dedo", di a sentenza, que explica que os axentes reduciron a López Pintos, esposárono e trasladárono á Comisaría, onde recibiu asistencia médica. Na Comisaría o sindicalista denunciou ter recibido malos tratos, que a sentenza tampouco considera probados.
O ditame considera a carga policial xustificada e proporcionada
O ditame considera a carga policial xustificada e proporcionada, afirmando que "os axentes pretenderon dar a volta ao detido para esposalo (mentres que o recorrente opúñase agarrando a porra policial sen soltala) e que, unha vez que os policías alcanzaron a súa misión, conducírono de maneira ruda ao vehículo policial co que foi evacuado", concluíndo o tribunal que a dor que sufría o sindicalista "xurdiu unicamente da postura que tiña o detido e da rapidez coa que houberon de evacualo ante as circunstancias de seguridade nas que estaban inmersos".
Nos anos seguintes foron varias as mobilizacións convocadas en Ferrolterra en apoio de López Pintos e en denuncia da "represión sindical"
A carga policial e a violencia empregada pola policía aquel día de outubro de 2012 recibiran unha condena pública por parte das forzas da oposición galega e converteuse nun dos asuntos máis comentados da campaña electoral. Ademais, nos anos seguintes foron varias as mobilizacións convocadas en Ferrolterra en apoio de López Pintos e en denuncia da "represión sindical". No ano 2019, ás portas do xuízo que o condenou, unha manifestación convocada por CIG, CCOO, UGT e CGT e apoiada por entidades políticas, sociais e culturais de todo tipo e por un total de 35 comités de empresa, entre eles o de Navantia, denunciou que "o proceso contra Pintos supón un ataque descarado contra o sindicalismo e a mobilización social".
"Resulta inconcibíbel que se condene a Pintos, cando el foi o agredido pola policía", sinalou a CIG
Hai tres anos a CIG cualificou de "aberración" a sentenza condenatoria contra López Pintos, sinalando o secretario xeral, Paulo Carril, que "resulta inconcibíbel que se condene a Pintos, cando el foi o agredido pola policía, tanto durante as cargas (tal e como quedou acreditado nas probas presentadas no xuízo) como despois, mentres permanecía detido e incomunicado na comisaría".