O tribunal con sede en Estrasburgo considera que a prohibición, avalada polo Tribunal Superior galego, estivo "xustificada" nun contexto no que cumpría "protexer a saúde pública" ante a "grave presión no sistema sanitario" e mentres as autoridades aínda non tiñan "total coñecemento da orixe e incidencia" da COVID
O Primeiro de Maio de 2020 transcorrera apenas mes e medio da activación do estado de alarma pola COVID-19. Os diferentes sindicatos asumiran a imposibilidade de organizar manifestacións ao xeito habitual e optaran por outras vías de mobilización, moitas delas simbólicas ou a través das redes.
Un deles, a Central Unitaria de Traballadores (CUT), tentara adaptar a protesta á situación pandémica organizando unha caravana de vehículos en Vigo. A iniciativa fora prohibida prohibida pola Subdelegación do Goberno, nunha decisión ratificada posteriormente polo Tribunal Superior de Xustiza, que concordara en que celebrala daba lugar a un "evidente perigo para a saúde pública". A organización decidiu continuar litigando no Constitucional -que inadmitiu o seu recurso- e no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que vén de avalar o veto.
Nunha sentenza feita pública este 17 de outubro e adoptada por 6 votos contra 1, o tribunal con sede en Estrasburgo e dependente do Consello de Europa considera que nas "difíciles circunstancias nas que as autoridades españolas tiñan que tomar as decisións", o inicio dunha pandemia "sen total coñecemento a orixe e incidencia" do virus e "grave presión no sistema sanitario", houbo que conciliar "a necesidade de protexer a saúde pública cos dereitos do sindicato" e "a prohibición, nese sentido, estivo xustificada".
O TEDH non cre que fose violado o dereito de reunión e asociación ao non tratarse dunha "prohibición total" nin basearse no contido da protesta
Concretamente, o TEDH coida que o veto á mobilización da CUT non supuxo unha violación dos dereitos de reunión e asociación protexidos pola Convención Europea de Dereitos Humanos. Conclúeo porque non se tratou dunha "prohibición total", senón cinguida a esa manifestación en concreto e non polo seu "contido" e "proporcional" atendendo ás circunstancias da pandemia e do confinamento que estaba en curso.
"Dada a emerxencia de saúde pública" do momento, concordan en que a prohibición se encadra nun contexto de "necesidade social imperiosa" e mesmo no mandato constitucional de protexer a saúde pública. E ademais, abondan, o Tribunal Superior de Xustiza avalou a prohibición da Subdelegación pontevedresa con razóns "suficientes, dadas as circunstancias" e, polo tanto, non existiu violación do dereito de libre asemblea do sindicato convocante.