Orzamentos participativos: Que ideas tes para mellorar Compostela?

Unha iniciativa pide a humanización da rúa do Restollal © Compostela Decide

"Os orzamentos participativos renovan e complementan a democracia electoral con outra máis avanzada. É unha forma nova de facer política, estamos falando de orzamento, que é o máis importante". Deste xeito destacaba nunha conversa con Praza a importancia dos orzamentos participativos. Tomás Rodríguez-Villasante, profesor emérito na Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid. A Coruña e Compostela estrearon este ano os procesos nos que a cidadanía dunha e doutra cidade debate e escolle as prioridades nas que investir unha parte dos cartos públicos. A cidade herculina está xa na fase de avaliación de propostas, mentres que na capital galega as persoas e entidades sociais teñen ata o día 14 para presentar as súas suxestións.

Trátase dun proceso de longo percorrido, que este ano está dando os seus primeiros pasos, e que está a ser traballado con coidado polo Concello de Santiago. En certa maneira, a cidadanía e a propia institución viven esta experiencia como aprendizaxe. Hai case un ano Compostela iniciou un proxecto piloto de orzamentos participativos para o 2016, que se desenvolveu na área de Mocidade, un departamento que conta cun orzamento pequeno -100.000 euros- e que, pola natureza dos seus proxectos e destinatarios e destinatarios, podía ser propicio para probar estas novas fórmulas de deseño colectivo. E este respecto María Rozas, concelleira de Facenda, salientaba que "para ter orzamentos participativos hai que ter ferramentas de participación, e nos últimos anos desapareceron as poucas que había. Primeiro hai que implantalas e despois, traballar o tema orzamentario".

A cidadanía e a propia institución viven esta experiencia como aprendizaxe

Con esa aprendizaxe feita, en xuño botou a andar o camiño para os orzamentos de 2017, constituíndo o grupo motor que dirixe e impulsa o proceso. A cidadanía compostelá decidirá como investir 1.100.000 euros do total do orzamento municipal, dos cales 1.000.000 son do capítulo de investimentos e 100.000 de actividades de mocidade. Esta cantidade representa o 15% do total de investimentos do Concello, a razón de 11,40 euros por habitante. Na primeira xuntanza participaron 70 persoas, entre colectivos veciñais, tecido asociativo, partidos políticos (que conforman o Consello de Relacións Veciñais) e cidadáns e cidadás a título individual. Xa nesta xuntanza aprobouse a segmentación das propostas entre os barrios do nordeste (Fontiñas, San Lázaro, As Cancelas), suroeste (Pontepedriña, Castiñeiriño, Sar) e o rural, ademais das iniciativas de ámbito xeral para toda a cidade e as destinadas especificamente á mocidade. En anos sucesivos poderanse facer propostas de investimentos para aquelas zonas que agora non están incluídas.

 

O procedemento e o calendario

As propostas de investimento (non se aceptarán propostas ligadas á modificación de políticas sen investimento asociado, nin aquelas ideas que entren na consideración de gastos correntes) poden facerse ata o vindeiro 14 de setembro. Deben ser competencia do Concello, non contravir ningunha lei en vigor, ter unha duración superior aos 12 meses e non superar o orzamento previsto en cada apartado. Poderán realizarse tanto a través da web coma nas asembleas presenciais e xuntanzas en asociacións que se van celebrando. Por exemplo, o vindeiro 6 de setembro terá lugar unha asemblea de diagnose na Casa das Asociacións de Cornes, o 7 de setembro haberá asemblea de diagnose no centro sociocultural do Castiñeiriño (r/ Virxe de Fátima, 2) e o 8 de setembro será a quenda da asemblea de diagnose no centro sociocultural das Fontiñas (r/ Berlín, 13).

A cidadanía compostelá decidirá como investir 1.100.000 euros do total do orzamento municipal

Dende o pasado 1 de agosto e ata o 23 de setembro persoal técnico do Concello, baixo a supervisión dunha mesa de propostas, valorará a viabilidade das propostas. En outubro chegará a fase decisoria, co período de debate e priorización de propostas. E xa en novembro presentaranse os resultados definitivos, coas propostas cidadás nas que se gastará os 1,1 millóns de euros orzamentados.

 

Que tipo de propostas se están a facer?

En outubro chegará a fase decisoria, co período de debate e priorización de propostas

Entre o medio cento de propostas recollidas e aceptadas ata o momento destacan, por exemplo, a mellora do parque infantil do Camiño Francés, Remate da rúa Oslo, a construción de beirarrúas entre Mallou de abaixo e As Cancelas, a instalación de pasos de peóns, a humanización da rúa do Restollal, a mellora da comunicación entre o Castiñeiriño e Sar, a creación de carrís-bici entre o Castiñeiriño e o centro da cidade e no Sar, investimentos para o fomento do uso da bicicleta en Compostela, a organización dun Festival de Musicas do Mundo, a creación de xardíns con flora autóctona, a instalación de cubertas para os parques infantís ou a creación de zonas cubertas de uso público con paneis solares.

Cómpre salientar que a área que reúne máis ideas é a do rural compostelán, cun total de 24 propostas. Neste caso, unha parte importante das iniciativas refírense a canalizacións, saneamento e auga, construción de beirarrúas, mellora de accesos, construción de parques infantís ou a mellora do transporte público.

 

A fase de presentación de propostas está aberta ata o 14 de setembro © Concello de Santiago
Xuntanza do grupo motor dos orzamentos participativos © Concello de Santiago
Varias das propostas refírense á construción de beirarrúas, como neste caso de Aríns © Compostela Decide
Unha iniciativa pide a humanización da rúa do Restollal © Compostela Decide
Varias das suxestións piden a creación de carrís-bici CC-BY-SA Omar Bárcena

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.