O Instituto de Estudos Miñoráns celebra o seu 20 aniversario con exposicións, charlas e documentais sobre a represión feminina no franquismo en colaboración cos tres concellos e a Deputación
O 15 de outubro de 1936 un grupo de falanxistas asasinaron ás aforas de Baiona, na enseada da Bombardeira, a nove mariñeiros do Val Miñor afiliados a sindicatos de esquerdas. Desde aquela esa curva da estrada cara á parroquia de Baredo e a Garda é coñecida como a volta dos nove e nos últimos anos o mes de outubro vén converténdose no mes da memoria na comarca, en gran medida grazas ás actividades organizadas desde o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM). Desta volta, coincidindo co 20 aniversario da entidade, as mulleres represaliadas serán as protagonistas.
Desde o IEM saliéntase o protagonismo feminino deste aniversario poñendo o foco tanto en “aquelas que padeceron de xeito directo, -caso de Dolores Samuelle, asasinada por dar acubillo en Baiona aos irmáns José e Luís López Luís, os Ineses, cuxa redada deu orixe á masacre dos nove no camiño a Baredo- como as que viron á súa vida truncada pola persecución dos homes da familia”. As nove viúvas dos asasinados na Bombardeira son un exemplo desa represión, de aí que o IEM denominase as xornadas como A Volta das 9. “Non só homenaxearemos a esas nove vítimas e ás súas familias se non que, coa súa volta á nosa memoria, queremos render tributo a todas as mulleres do Val de Miñor que sufriron a represión”, salientan dende o instituto, que tamén lembrará “as mulleres solidarias, resistentes e aquelas que, transmitindo a súa memoria, posibilitaron que o verdadeiro relato do acontecido chegase ata nós”.
As xornadas, que se prolongarán durante todo o mes de outubro, contan coa colaboración dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán e da Deputación de Pontevedra
As xornadas, que se prolongarán durante todo o mes de outubro, contan coa colaboración dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán e da Deputación de Pontevedra. O primeiro acto terá lugar este xoves, 3 de outubro, na Aula Ponte de Rosas de Gondomar, sede do IEM, a partir das oito da tarde, cunha charla de Telmo Comesaña, orfo de José Comesaña, un dos veciños de Alcabre asasinados en Vincios o 6 de outubro de 1936.
Dous días despois, o sábado 5 ás oito da tarde, terá lugar no Concello de Baiona a inauguración da exposición Rexas, mulleres baixo o terror franquista, cedida pola Deputación de Pontevedra. E a continuación, na Biblioteca Municipal, a proxección e posterior debate do documental Matriarcas, que sobre esta mesma temática elaboraron catro alumnas da contorna: Xiana Vilar, Mónica Sousa, Vanesa García e Laura Rial.
O martes 8, tamén ás oito da tarde, a directora francesa Odette Martínez estará no Auditorio de Nigrán para presentar o seu traballo La isla de Chelo, protagonizado pola guerrilleira antifranquista Chelo Rodríguez, falecida este mesmo ano. O seu compañeiro de loita, o guerrilleiro Quico Martínez, participará no debate posterior.
A volta das 9 inclúe a proxección dun terceiro documental, o laureado El silencio de otros. Será o venres 18, ás oito da tarde, de novo na biblioteca municipal de Baiona, e contará coa presenza dun dos seus protagonistas, Chato Galante, que se adheriu á querela arxentina para que a xuíza Servini investigue as torturas ás que foi sometido por Billy el niño.
Tamén estarán en A volta das 9 as escritoras Eva Mejuto, coa súa obra Memoria do silencio, protagonizada polas irmás Touza, que desde Ribadavia crearon unha rede de evasión para afastar aos xudeus do holocausto nazi, e Inma López Silva que, en Memoria das cidades sen luz, recrea o exilio de María Miramontes, a viúva do alcalde de Compostela, Anxo Casal, asasinado polos franquistas.
O programa complétase coas charlas das xornalistas Montse Fajardo, que falará das características da represión feminina e en concreto, da sufrida na contorna, e Carme Vidal, que versa sobre as autobiografías realizadas por varias vítimas galegas, así como de familiares de represaliados: Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda, asasinado en agosto do 36, e Pablo Iglesias Núñez, fillo de Mercedes Núñez, presa nun campo de concentración nazi.
As actividades rematarán cun acto final de homenaxe ás familias represaliadas que terá lugar o sábado 26 de outubro, ás doce da mañá, tras a colocación dunha placa obra de Fernando Casás, no cemiterio de Baiona en memoria dos nove asasinados.