Baixo o lema “Nin Ence na Ría, nin Altri na Ulloa… celulosas fóra!, persoas da área de Pontevedra e da Ulloa uniron forzas este domingo para berrar “celulosas fóra de Galicia"
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) volveu saír á rúa para protestar polo mantemento da celulosa Ence en Lourizán e desta vez contou tamén coa presenza da veciñanza da Ulloa, que loita contra a instalación da factoría Altri, para amosar a súa firme oposición ás celulolosas no territorio.
Baixo o lema “Nin ence na Ría, nin Altri na ulloa… celulosas fóra!, persoas da área de Pontevedra e da Ulloa –convocadas pola Plataforma Ulloa Viva- uniron forzas para berrar “celulosas fóra de Galicia".
“A Xunta de Galicia apoia submisamente a absurda e ilegal permanencia de Ence na Ría, e mesmo auspicia a ampliación das súas instalacións", alertan desde a APDR
A APDR argumenta nun manifesto as razóns para esta nova marcha realizada este domingo en Pontevedra. “A Xunta de Galicia apoia submisamente a absurda e ilegal permanencia de Ence na Ría, e mesmo auspicia a ampliación das súas instalacións, o aumento da produción, do consumo de auga e materias primas e, consecuentemente, o dos vertidos e emisións á atmosfera, dos cheiros e ruídos e, en definitiva, o dos danos ambientais e as molestias á veciñanza, que vai sufrir - ademais- o aumento do impacto visual e paisaxístico da fábrica”, relata a asociación.
Ademais, a Xunta de Galicia, tamén apoia e promove o proxecto de celulosa que a portuguesa Altri quere instalar en Palas de Rei, “unha fábrica que -máis aló da incidencia ambiental no encoro de Portodemouros, no río Ulla e na Ría de Arousa- vai afectar coas emisións atmosféricas, cheiros e ruído á saúde das persoas e á calidade de vida da comarca, unha comarca que ten na agricultura e na gandería ecolóxicas e no turismo ligado ao camiño de Santiago, o seu medio de vida”, alertan desde a APDR.
Por eses motivos, explican “sobran as razóns” para esta nova marcha “polo obxectivo común dun futuro digno e sustentábel para as persoas, un futuro baseado na explotación racional dos nosos recursos e incompatíbel co modelo que defende a Xunta de Galicia", indican.