Un desprendemento de terra fai descarrilar un tren en Pantón e fere o maquinista

Vías do tren en Monforte CC-BY-SA Praza Pública

A precariedade das conexións ferroviarias en Galicia alén do eixo atlántico e da futura conexión de alta velocidade con Madrid rexurdiu nos últimos meses entre as reivindicacións da oposición política e colectivos cidadáns afectados. Unha das vías sobre a que se reiteran as protestas é a que parte dende Ourense cara á Monforte, con posterior extensión cara a Lugo. Unha vez desbotada formalmente polo Ministerio de Fomento a construción dunha liña de AVE -a mesma que Alberto Núñez Feijóo chegou a prometer a financiar "con cartos da Xunta"- están en marcha lentas melloras que non impiden que sigan quedando á vista as deficiencias do decimonónico trazado. A última, un descarrilamento na madrugada deste 16 de marzo por por dun desprendemento.

A caída de terra, pedras e unha árbore sobre a vía provocou que descarrilase a locomotora do Tren Hotel que cubría a liña Madrid-Pontevedra

Segundo informa o 112, un Tren-Hotel que circulaba dende Madrid pola vía Ourense-Monforte con rumbo a Pontevedra descarrilou no punto quilómetrico 25, á altura de Pantón. Ningunha das 47 persoas que formaban a pasaxe do tren resultou ferida, pero si o maquinista, que sufriu "algunhas lesións de carácter leve" e precisou "atención médica" no lugar, "sen que fose necesaria a súa evacuación". A razón de que o maquinista fose o peor parado foi que a caída de terra, pedras e unha árbore na vía férrea a causa da meteoroloxía adversa provocou que a locomotora "se saíse da vía".

Sempre segundo a información de Emerxencias, os pasaxeiros permaneceron no interior do tren ata que unha nova locomotora "conduciu os vagóns a Ourense", dende onde foron trasladados "por distintos medios de transporte". Mentres, no lugar do accidente servizos de Adif comezaron os labores de "liberación" da vía por medio de retroescavadoras. O inicio dos traballos e a propia evacuación da pasaxe foi lenta porque "o lugar no que descarrilou o tren é unha zona de difícil acceso por estrada, o que levou ás forzas de seguridade a mantela no interior do tren" para evitar posibles incidencias.

Contorna na que se produciu o descarrilamento, entre Os Peares e Santo Estevo do Sil, onde a vía do tren transcorre pola beira do río

As carencias ferroviarias entre Ourense e Lugo, onde Fomento xa desbotou o AVE, lastran o tráfico de pasaxeiros e tamén o de mercadorías

A primeiras horas da mañá deste venres continuaban os traballos na zona e, mentres, mantíñanse tamén as repercusións noutros servizos. Así, por exemplo, a pasaxe do Alvia da Coruña a Barcelona foi trasladada en autobús entre Ourense e León e o Tren-Hotel de Barcelona a Vigo acumulaba ao seu paso polo Bierzo máis dunha hora de demora. A circulación na zona do accidente quedou restablecida contra as seis da tarde do venres.

As carencias nas conexións ferroviarias nesta contorna lastran as viaxes de pasaxeiros, pero tamén o tráfico de mercadorías. Así, a liña entre Monforte e Ponferrada foi a elixida para enlazar Galicia co resto da rede europea de tráfico de mercadorías. A ausencia de melloras dificulta, por exemplo, a chegada de empresas ao Porto Seco monfortino, infraestrutura loxística que vén de facer catro anos sen unha soa compañía instalada e que sería clave na incorporación galega ao Corredor Atlántico de mercadorías.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.