Este luns celébrase o Día Mundial da Infancia, unha celebración que en Galicia remite necesariamente a uns índices de natalidade que se sitúan entre os máis reducidos de todo o planeta. No ano 2016 naceron 18.952 nenos e nenas en Galicia, tres mil menos que en 2010. A cifra sitúase próxima ao mínimo histórico (18.538), rexistrado en 1998.
En oito concellos non se produciu ningún nacemento o pasado ano. Trátase de Negueira de Muñiz, A Gudiña, Ribas de Sil, Muras, San Amaro, A Teixeira, Pontedeva e Vilariño de Conso. En 2015 foran catro (O Irixo, Parada de Sil, O Bolo e Mondariz-Balneario) e en 2014 cinco (Pedrafita do Cebreiro, Negueira de Muñiz, Lobeira, Gomesende e Pontedeva).
Hai, ademais, 18 concellos nos que só houbo un nacemento en 2016 (Vilasantar, Navia de Suarna, Ourol, Trabada, Xermade, Entrimo, Beariz, Calvos de Randín, Porqueira, Avión, Montederramo, Parada de Sil, Gomesende, Padrenda, Quintela de Leirado, Chandrexa de Queixa, O Bolo, Carballeda de Valdeorras). En 2015 foran 13. En 2015 todas as comarcas galegas presentaran un saldo vexetativo negativo por primeira vez na historia, unha circunstancia que en 2016 rachou a de Santiago (+30).
O escaso número de nacementos rexistrado nos últimos anos, o incremento do fenómeno da emigración de mocidade a outros puntos do Estado e ao estranxeiro e a reducida chegada de poboación inmigrante fixo que na actualidade só 20 concellos galegos teñen máis menores de 20 anos que maiores de 65. En total hai 430.299 persoas de menos de 20 anos (o 15,82%) e 661.314 de máis de 65 (o 24,31%). En 1998, hai apenas 18 anos, aínda había en Galicia máis poboación moza (o 20,5%) que por riba da idade de xubilación (19,3%). As únicas 20 localidades que rachan esta tendencia, tendo aínda máis menores de 20 que maiores de 65 son Ames, Salceda de Caselas, Ponteareas, Barbadás, Oroso, Culleredo, Soutomaior, Tui, Poio, Oleiros, Gondomar, O Porriño, Arteixo, Cambre, Pontevedra, Teo, Mos, Pontecesures e Burela.
As estatísticas sobre a infancia tamén revelan que cada vez falan máis castelán e menos galegos e que, de feito, o castelán convértese na súa lingua de apendizaxe. De feito, segundo os últimos datos dispoñibles, correspondentes a 2013, só o 18,35% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos aprende a falar só en galego, cun rápido descenso dende o 32,43% de 2003. O 45,49% comeza a falar en castelán e un 31,46% nos dous idiomas por igual. Unha realidade semellante á que amosaba a pregunta sobre a lingua empregada por pais e nais cos seus fillos e fillas. Tan só o 18,52% lles falaba sempre en galego, algo máis da metade que unha década antes. Pola contra, o 38,57% dos pais e nais fálalles sempre en castelán e outro 21,57% usa máis o castelán que o galego.