Unha feira para "derrubar os prexuízos ao redor do veganismo" con máis de 200 produtoras galegas e portuguesas

Primeira edición da feira Vegana en Vigo no ano 2021 © Carlos Casanova

Vigo acolle esta fin de semana a segunda edición da Feira Vegana e Sostible de Galicia no Ifevi. Un punto de encontro para coñecer novos produtos e que produtoras e distribuidoras poidan tecer rede

A Feira Vegana e Sostible de Galicia celebrará a súa segunda edición os días 1, 2 e 3 de xullo no Ifevi de Vigo con máis de 200 casetas expositoras de produtoras e marcas galegas, portuguesas e doutros países. Ademais de degustacións gratuítas haberá charlas, showcookings, concertos e unha ampla zona de comedor. Tamén contará con obradoiros de cociña, cerámica, pintura e educación ambiental para as nenas e nenos, así como un punto de lectura e un espazo para pintarse a cara.

Patricia Menéndez, Tamara Alonso e Ana Gontad, fundadoras de VeganaGal, organizan esta edición seis meses despois da primeira co obxectivo –explica Alonso– de "trasladar o debate que vira en torno ao veganismo e a necesidade que actuar xa para frear o cambio climático a ámbitos onde case nunca se toca". Pois esta feira pon o foco en "derrubar todos os prexuízos que xiran ao redor do veganismo".

Obradoiro infantil na primeira edición da feira Vegana © Carlos Casanova

O público asistente poderá probar as últimas novidades gastronómicas do sector vegano, deixando tamén un espazo destacado para o calzado e a moda sostible, a cosmética, o sector vinícola e cervexeiro, a artesanía, os xoguetes para todas as idades, pequenos electrodomésticos e todo tipo de alternativas ao plástico dun só uso. Tamén haberá espazo para asociacións, santuarios de animais e refuxios, que mostrarán no que consiste o seu traballo.

Unha enquisa sinala que a poboación flexitariana, vexetariana e vegana está sobre todo "entre os 25 e os 34 anos", "identifícase co xénero feminino" e "está altamente representada na contorna rural"

"O apoio institucional é imprescindible, é necesario mudar cara a un sistema máis sostible a nivel mundial por moitos motivos: empatía cara aos animais, frear o cambio climático na medida do posible e reorganizar os recursos naturais para que as persoas en situación de vulnerabilidade tamén dispoñan deles", salienta Patricia Menéndez.

Co obxectivo de coñecer os gustos do público obxectivo, a organización pola conciencia alimentaria ProVeg España e VeganaGal, promotora desta feira, realizaron un estudo sobre os hábitos alimentarios da poboación flexitariana, vexetariana e vegana con 2.749 persoas no Estado. Esta enquisa revela que o grupo de idade dos 25 aos 34 anos é o máis numeroso entre a poboación flexitariana, vexetariana e vegana, seguido do dos 35 aos 44. 

Cartaz da segunda edición da feira Vegana © Vegana

Ademais, a poboación veggie no Estado é ser maioritariamente feminina. O 83% das persoas flexitarianas, o 87% das vexetarianas e o 79% das veganas identifícanse co xénero feminino. E aínda que se poida pensar que este tipo de alimentación é "algo moderno e de xente 'de cidade", a enquisa mostra que "en proporción a poboación veggie está altamente representada na contorna rural". Segundo estes datos, o 21% de persoas flexitarianas, o 23 % de vexetarianas e o 26 % de veganas viven en vilas ou aldeas. 

"É marabilloso poder romper co mito de que unha alimentación plant-based é só cousa de xente de cidade e comprobar que levar unha alimentación máis saudable, sostible e respectuosa cos animais é posible independentemente da contorna", destaca Tamara Alonso.

As organizadoras da feira celebran a ampla participación que avanza o bo ritmo na venda de entradas, que teñen un custe 4,5 euros en prevenda e 5 euros no despacho de billetes. A entrada é gratuíta para menores de 12 anos, maiores de 65, persoas desempregadas e persoas con diversidade funcional. "Estas feiras actúan en varias direccións. Por unha banda, o cliente final coñece produtos novos que non ten na súa tenda habitual. Por outra banda, as marcas poden tecer redes entre elas e cos propios distribuidores locais. Un evento destas características enriquece á propia cidade que o acolle, tanto socialmente como economicamente", explica Ana Gontad.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.