“Estamos soportando unha persecución e violencia que está tendo, e vai ter, unhas consecuencias incalculables nas vidas de persoas cunha enorme vulnerabilidade”, di a Asociación de Familias de Menores Trans
Santiago acolleu no mediodía deste sábado 5 de novembro unha manifestación en reclamación da inmediata aprobación da denominada lei trans que se está a tramitar no Congreso dos Deputados. Tras sucesivas demoras xa durante a súa elaboración previa por parte do Goberno de España, con discrepancias entre os socios do executivo, estas estendéronse tamén ao trámite parlamentario, que se está a prolongar, e provocaron a incerteza sobre cando pode estar aprobada a norma.
Con consignas como "as nosas vidas non son un debate" ou "aquí está, aquí se ve, o transfeminismo galego en pé", a marcha, conformada por varios centos de persoas, transcorreu entre a Praza do 8 de marzo e o Obradoiro.
A manifestación deste sábado estivo apoiada por colectivos de persoas trans e feministas como a Asociación de Familias de Menores Trans (Arelas), a Marcha Mundial das Mulleres, Amizando ou Nós Mesmas. Desde Arela salientouse que “o colectivo trans e as súas familias levamos anos loitando pola aprobación dunha lei trans estatal”, pero laméntase que a raíz da tramitación parlamentaria da norma “estamos soportando unha persecución e violencia desde diferentes ámbitos que está tendo, e vai ter, unhas consecuencias incalculables nas vidas de persoas cunha enorme vulnerabilidade”.
Arela critica que “dende unha parte da clase política, estase a tratar de demorar unha e outra vez os dereitos das persoas trans prolongando uns ‘debates’ e bulos que non fan máis que menoscabar a dignidade dun colectivo moi violentado e discriminado historicamente”.
“Non podemos seguir permitindo que se sigan perdendo infancias e adolescencias" di Arela
A manifestación deste sábado reclamou non seguir esperando e “alargando os dereitos que nunca chegan”. “Non podemos seguir permitindo que se sigan perdendo infancias e adolescencias e non podemos seguir permitindo que as persoas trans adultas sigan sufrindo violencias e discriminacións”, din os convocantes.