A unión das esquerdas, a alta participación e o voto estratéxico deixaron o Reagrupamento Nacional de Marine Le Pen en terceira posición
A unión das esquerdas freou a extrema dereita en Francia. A Nova Fronte Popular (NFP) gañou as eleccións lexislativas francesas nunha segunda volta na que o Reagrupamento Nacional (RN) de Marine Le Pen foi o gran derrotado. Segundo as proxeccións publicadas polas empresas demoscópicas a coalición de esquerdas, formada pola Francia Insumisa de Jean-Luc Mélenchon, o Partido Socialista, Verdes, Partido Comunista e outras forzas progresistas acadou 182 escanos da Asemblea Nacional. Ensemble, a coalición centrista formada ao redor do presidente Macron chegou a 168
O cordón sanitario acordado entre as dúas forzas para evitar que o RN se fixese con escanos -con acordos para retirar as candidaturas que ficaran en terceira posición na primeira volta en circunscricións nas que a extrema dereita podía gañar- tivo o efecto buscado e o NFP e Ensemble contarán cunha maioría suficiente para gobernar. O voto estratéxico e a elevada participación beneficiaron mesmo á dereita dos Republicanos, que obtivo preto de 60 escanos, máis dos esperados.
Malia a derrota, a extrema dereita pasa de 89 a máis de 140 escanos
Os grandes derrotados da noite foron Marine Le Pen e o seu candidato Jordan Bardella, que ficaron moi lonxe da súa esperada vitoria, apuntada nunha primeira volta na que o RN fora a forza máis votada con máis do 33% dos sufraxios. A pesar diso, a formación sumou 143 escanos.
Nas súas primeiras reaccións, Bardella cargou contra Mélenchon e alertou de que o resultado "leva a Francia aos brazos da extrema esquerda". Marine Le Pen subliñou que "a marea non subiu tanto como esperabamos", pero indicou que o revés desta noite "tan só atrasa un pouco" a chegada ao poder da súa formación. Cómpre lembrar que nas anteriores lexislativas o Rassemblement national obtivera 89 escanos e que en 2017 ficara en 8, polo que o resultado deste domingo supón unha mellora moi clara.
Mélenchon reclamou que o presidente Macron se debe dirixir á Nova Fronte Popular para a escolla do primeiro ministro
O resultado deixa unha cámara sen maiorías claras e na que as forzas que se presentaron dentro das coalicións da Nova Fronte Popular e de Ensemble terán que entenderse. Ao longo desta noite Mélenchon reclamou que o presidente Macron se debe dirixir á súa formación para a escolla dun primeiro ministro, que debería saír dalgúns dos partidos que formaron a coalición de esquerda.
No seu discurso de celebración o líder da Francia Insumisa reivindicou a necesidade de realizar un xiro á esquerda nas políticas aplicadas en Francia, con reformas tanto na xestión interna coma na política internacional e reclamou que o novo goberno francés recoñeza oficialmente a Palestina.
Non será doado o entendemento entre as forzas máis esquerdistas da nova Fronte Popular e os partidos de centro-dereita agrupados en Ensemble. Varios medios de comunicación comezan a especular coa posibilidade de que o novo ou nova primeira ministra saia dalgunha das forzas máis próximas ao centro esquerda, por exemplo do Partido Socialista, que contará con preto de 60 deputados na cámara, nun acordo que podería excluír a Francia Insumisa.