A vía británica ao desconfinamento

Boris Johnson durante o discurso televisado © GOV.UK

O pasado domingo, Boris Johnson anunciou o comezo do desconfinamento. Nun discurso televisado escaso en detalles e con moitos condicionais, anunciou un novo sistema de alertas que servirá de guía para ir relaxando as restricións en función do risco de contaxio. Houbo que agardar até o día seguinte para que o goberno publicase un documento cos detalles da desescalada.

Estas medidas aplicaranse só en Inglaterra, xa que boa parte da xestión da crise do coronavirus está descentralizada e os gobernos de Escocia, Gales e Irlanda do Norte non concordan coa estratexia de Boris Johnson

Entón, que mudou? Pois de entrada poderase quedar con outra persoa de fóra do fogar sempre que se respecte a distancia de seguridade e se faga en exteriores. Isto compleméntase co levantamento das restricións para facer deporte, até o de agora limitado a unha vez por día.

Pero quizáis a novidade máis importante é a volta ao traballo en determinados sectores, particularmente na construción e na industria. Isto queda condicionado a que as empresas poidan garantir que os traballadores manteñan a distancia de seguridade entre si.

Estas medidas aplicaranse só en Inglaterra, xa que boa parte da xestión da crise do coronavirus está descentralizada e os gobernos de Escocia, Gales e Irlanda do Norte non concordan coa estratexia de Boris Johnson. Nicola Sturgeon, a ministra principal de Escocia, foi moi crítica co novo eslogan do goberno de Londres, que abandona a consigna de “queda na casa” e substitúea pola instrución máis xenérica de “está alerta”.

Na fronte económica e para evitar despedimentos masivos, o goberno anunciou a extensión dun programa polo que paga o 80% do salario dos empregados que quedaron sen carga de traballo por mor do coronavirus. Inicialmente estaba pensado que estas medidas rematasen en xuño, pero a presión de sindicatos e oposición fixo que se extendese até outubro. 

Ana Inés Jabares Pita: a mente detrás do escenario

No podcast desta semana, en Té con Gotas entrevistamos a Ana Inés Jabares Pita, escenógrafa e deseñadora de vestiario que leva case unha década traballando para algunhas das compañías de teatro e ópera máis prestixiosas do Reino Unido.

Esta coruñesa afincada en Londres foi gañadora do premio Linbury, único galardón de escenografía en Europa e antes da crise do coronavirus estaba traballando en dous proxectos para a Royal Shakespeare Company e a English National Opera.

Na entrevista explica que o seu traballo consiste en “crear narrativas a través do espazo” e debulla o seu proceso de creación, desde que le o guión por primeira vez até que comezan os ensaios. 

Unha velada da English National Opera © ENO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.