O Centro Galego de Bruxelas vese obrigado a pechar por ter que afrontar obras "imposibles de financiar"

Sala 'Rosalía' no Centro Galego de Bruxelas Dominio Público La Tentation

O Centro Galego de Bruxelas vese obrigado a dicir adeus. Catro décadas despois da súa fundación na localidade de Saint-Gilles e cando xa transcorreron vinte e dous anos da inauguración da súa sede e centro cultural e de lecer, La Tentation, a obriga de ter que afrontar obras "imposibles de financiar" aboca o centro ao seu peche, segundo confirman dende a entidade a Praza.gal.

As obras de illamento acústico que o Centro Galego tería que afrontar son "colosais" e nin sequera garanten "ao cento por cento" que sexan eficaces, explican. Dada a situación financeira tras "todas as adversidades" destes anos, vense abocados ao peche

A través dun comunicado emitido polo Centro e divulgado pola rede Embaixada.gal, a asociación que sustenta o centro explica como chegou a unha rúa "sen saída". As dificultades, explican, comezaron en 2015, cando "despois dos ataques terroristas en París" de novembro daquel ano "houbo un mes de peche obrigatorio para o noso establecemento" xusto antes da tempada de Nadal. Poucos meses despois, na primavera de 2016, os atentados islamitas de Bruxelas "causaron a cancelación de varios eventos" e unha notable "caída de asistencia dos nosos socios por temor a novos ataques". E chegaron os primeiros recortes de persoal.

A peonalización da contorna na que se atopa o centro, que desanimou a parte das persoas asociadas e colectivos que organizaban eventos a achegárense a La Tentation, explican, chegou tamén nun momento de "desafortunados acontecementos" tras os que, en decembro de 2017, chegou outro máis. Daquela, detallan, "decatámonos de que uns novos veciños se instalaran nun edificio que comparte o noso muro común". E dende ese momento, "premeron" directamente e a través do Concello de Bruxelas para protestaren polo "ruído das nosas actividades habituais".

Imaxe promocional da sala La Tentation Centro Galego de Bruxelas © Centro Galego de Bruxelas

Para procurar unha solución, o colectivo galego tomou varias medidas, citan no comunicado. "Redución do número de actividades", novas horas de peche, "diminución do volume, rexeitamento das actividades nocturnas" e mesmo "un estudo a ambas partes do muro" que chegou á unha nada desexada conclusión. 

"Acábannos de informar -explican- de que debemos realizar obras colosais para illar adecuadamente os nosos locais" que ademais non terían garantía "ningunha" de que "sexan eficaces ao cento por cento". "Despois de todas as adversidades", lamentan, é "imposible" financiar os traballos e só queda o peche.

Alén dos problemas do edificio e das dificultades económicas, o Centro Galego tamén tivo que afrontar no último ano as presións da Xunta

"Apelamos ás autoridades públicas, lamentablemente sen recibir resposta" e "polo tanto, lamentamos moito anunciar que tomamos a firme decisión de poñerlle fin ás nosas actividades e pechar as portas do Centro Galego de Bruxelas". Remata así unha historia de "corenta anos de cultura galega" na capital belga con baile, música, concertos, festas... Un percorrido que comezou a mediados dos 90 cando o presidente fundador da entidade, Miguel Palomo, "dirixía unha empresa de construción e reformas e foi chamado pola cidade de Bruxelas para pechar as portas dun lugar abandonado tras sufrir un incendio". Palomo sentiu "amor a primeira vista" por aquel local e, tras dous anos de traballos, inaugurouse o centro que agora ten que pechar.

Polo camiño, lembran, quedan moitas persoas ás que agora dirixen o seu "agradecemento", dende artistas a voluntariado pasando polas persoas asociadas e as institucións públicas belgas. Nos últimos tempos o Centro tamén tivera que enfrontarse a unha situación agre, as presións da Xunta e as críticas abertas do propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, por albergaren un festival de colectivos cataláns no que participaban, entre outros, o rapeiro Valtònyc.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.