No podcast desta semana, facemos unha comparativa entre a cultura da transparencia de Galicia e do Reino Unido
A crise da Covid-19 está a reabrir o debate sobre a transparencia dos datos que manexan as administracións públicas. Malia a aprobación polo Congreso dos Deputados en 2013 da Lei de Transparencia, Acceso á Información e Bo Goberno, a día de hoxe danse situacións como que en Galicia cidadáns ou medios de comunicación non son quen de saber cantos usuarios de residencias de maiores morreron por causa do virus ou o número de rastrexadores con que conta a Xunta, a pesar de todas estas cifras están en mans do Goberno galego.
A falta de garantías tamén ameaza o anonimato de quen fai a súa solicitude de información. A mesma Xunta, recoñeceu recentemente que ten por costume trasladar a empresas enerxéticas o nome, enderezo, DNI e teléfono de cidadáns que solicitan información sobre o impacto ambiental de parques eólicos promovidos por estas compañías.
No podcast desta semana, facemos unha comparativa entre a cultura da transparencia de Galicia e do Reino Unido, un país cunha Lei de acceso á información que leva 20 anos en vigor e onde está máis asentada a idea de que os datos da Administración son un patrimonio da sociedade e non do Goberno de quenda.
Boa mostra diso é o esforzo por manter actualizado o repositorio de datos da Office for National Statistics (ONS), a versión británica do Instituto Galego de Estatística (IGE), onde o número e frecuencia de estatísticas que se fan públicas é moito maior que en Galicia ou España. Aí, os esforzos por explicar as estatísticas ao público xeral tamén se traducen en historias con visualizacións de datos sobre asuntos tan dispares como o xeito en que os cidadáns pasaron o seu tempo tralos confinamentos de marzo ou a distribución da pobreza e o desemprego nas cidades británicas.
Pero non só a Administración é proactiva, tamén o dereito dos cidadáns a facer as súas propias preguntas e obter unha resposta satisfactoria do Goberno ten máis garantías de respectarse. No Reino Unido, toda a administración pública está dotada de persoal e enderezos electrónicos a onde se pode enviar unha solicitude desde unha conta de correo persoal, sen necesidade de certificado de identidade dixital, como é o caso de España. As condicións para obter resposta tamén son menos restritivas. Mentres que en España unha solicitude pode ser denegada se require dunha “reelaboración” dos datos, no Reino Unido iso só acontecería en casos moi específicos, onde o traballo de reelaborar a información esixise un investimento de cartos ou tempo excesivos.
Fuga de talento?
Falamos cunha das autoras do informe do Foro Económico 'Fuga de Talento en Galicia, mito ou realidade'?
Precisamente a falta de transparencia e de estatísticas actualizadas foi un dos obstáculos ao que tiveron que facer frente os autores do ultimo informe do Foro Económico de Galicia “Fuga de talento en Galicia, mito ou realidade?”, publicado a semana pasada. Na entrevista deste podcast, falamos cunha das súas autoras, a profesora de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Sara Fernández, quen denuncia que desde 2011 non hai estatísticas actualizadas para poder responder a esta pregunta.
Fernández destaca que, contando só os movementos migratorios dentro do Estado, Galicia sufriu unha “moderada fuga de talento” no período 2001-2011, sendo Madrid e Barcelona o destino do 50% dos galegos emigrados. Neste sentido, tamén denuncia a ausencia de enquisas ou estudos para coñecer máis sobre o perfil profesional dos migrantes que marchan ou chegan a Galicia.
De acordo co informe, o talento que acaba emigrando de Galicia supón unha perda de entre 178 e 311,5 millóns de euros ao ano para o país.